Deus chama a todos, invita, e ata suplica...
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 20 de septiembre de 2026
DOMINGO 25 (A).- Is 55,6-9.- Sal 144 (145).- Flp 1,20-24.27.-Mt 20,1-16.
+ Buscade o Señor mentres se deixa atopar, invocádeo mentres está cerca. (Is 55,6)
+ O Señor é bo para todos, agarimoso con tódalas súas obras (Sal 144(145),9)
+ Unha cousa só:; mirade de vos comportar conforme ao evanxeo de Cristo (Flp 1,27)
+ Ide vós tamén traballar á miña viña (Mt 20,7)
DEUS CHAMA A TODOS, INVITA, E ATA SUPLICA, QUE TRABALLEMOS NA SÚA VIÑA (QUE TAMÉN É NOSA) PARA RECIBIR O MELLOR DON
1. Deus non para de crear
dando a vida e o sostén,
e chamando, de vagar,
a medrar en graza e fe.
2. E convoca a traballar
na viña, que ven a ser,
a vida máis persoal,
a convivencia e as leis.
3. Traballar é afondar
naquilo que nos fai ben,
para poder aportar
o mellor de cada quen.
4. A miúdo o seu falar
non nos logra convencer,
porque asusta ese loitar,
e o paciente quefacer.
5. Coidamos que privará
da liberdade ao reter,
o gusto máis natural,
coas normas do obedecer.
6. Moito tarda en confiar
o ser humano, e en crer,
que o consello que Deus dá,
fai máis libre o noso eu.
7. O de Deus é de fiar,
o dos curas hai que o ver,
porque algúns queren mandar
sobre outros coma reis.
8. O de Deus é liberar
axudando a renacer,
non só da nai e do pai,
tamén do Espírito seu.
9. O de Deus é axudar,
a todos a solecer,
procurando sempre amar,
inda que proteste alguén.
10. E a paga non faltará,
xenerosa, a reverter,
medrados na mellor paz,
de vida no aquén e o alén.
11. Aprendendo a ser irmáns,
día a día, non de vez:
con dor e bo festexar,
o ceo aberto verei.
12. Verei que son familiar
do Misterio que nos deu,
que chamamos pai e nai,
con Xesús de Nazaret.
13. Verei que o poder do mal
terrible e que fai morrer,
non nos pode separar
de Deus e do seu querer.
14. Deus querido faime andar
co santo Espírito teu,
na tarefa de coidar,
de servir e agradecer.
Apertas de domingo

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora