Dende Voces Ceibes a Tanxugueiras hai un abano de estilos e tendencias no que se refire á música galega en xeral e á canción galega en particular que xuntos configuran unha parte moi importante do panorama cultural da nosa terra. Se fixera unha relación nominal de intérpretes que achegaron contribucións a esta causa posiblemente non chegaría o espazo deste comentario para nomealos a todos. E a todos haberá que agradecer as súas achegas que en maior ou menor medida contribuíron e contribúen a

reforzaren as raíces no terreo cultural da nosa terra. A música diversa nun país diverso enriquécenos dun xeito notable culturalmente falando. Algúns con capacidade cognitiva tolleita non o entenden: imbéciles e escuros que dixo unha vez Pondal.
O acontecido o outro día en Palencia é un claro exemplo do nivel de odio e intolerancia que amosaron algúns descerebrados que viñan dunha concentración de apoio a Ceuta e que se lles dou por mesturar churras con meriñas, como é habitual nesta xente. Estou convencido que Ceuta a estes individuos lles importa unha merda, que o único que lles pon é proclamar os seus sofismas fascistas onde haxa cuorum suficiente e co brazo estendido ao máis puro xeito nazi, cantar o "Cara al Sol", "Volverán banderas victoriosas..." e ao tempo gritar "Muerte a Galicia" e "Fuera paletos que hablan dialectos" tratando de denigrar a unha terra que forma parte do mosaico diverso dunha España que desexan monopolizar e onde só caiban eles. Non conseguiron desbotar a actuación de "Tanxugueiras" porque son moitas "Tanxugueiras" para tan pouca tropa xenófoba. Por sorte na actuación destas tres rapazas galegas había moita mais xente que si estaba gozando co que alí se escoitaba e representaba e o espectáculo puido seguir logo da breve interrupción propiciada por ese grupo de imbéciles descerebrados.
Dende "Voces Ceibes" a "Tanxugueiras" custou moito chegar ata aquí. No solpor da década dos 60 érache complicado cantar en galego, cantaras o que cantaras, e se as cancións contiñan textos reivindicativos moito máis complicado aínda. Un camiño balizado de censura gobernamental, de fichas policiais, de visitas as comisarías, de supresión de recitais, de pago de multas, que convertían aquela arela de liberdade no tardofranquismo nunha misión case imposible.
Aínda hai moito polo que traballar nesta parcela da cultura e non deberamos deixármonos amedrentar por nunha caterva de estúpidos e ignorantes que dende postulados fascistas pretenden que desandemos o camiño polo que tanto custou transitar ata chegar onde chegamos.