Guerra absurda baixo cero
Pinto Antón, J.A. - viernes, 18 de septiembre de 2026
"Só os mortos coñecen a fin da guerra" recorda o vello Platón. Non coñecerán o desenlace da inxusta agresión a Ucraína o cuarto de millón de soldados rusos mortos, carne de canón dos delirios imperialistas do zar de todas as Rusias. Tampouco os cen mil soldados ucraínos, os quince mil civís, o millar de nenos asasinados. Os números reais son peores pero a verdade sempre é a primeira baixa nas guerras. Quen se acorda de Gaza? Agora letais fogos artificiais en Irán cubren con cinza mediática Ucraína onde a guerra eterna entra no quinto ano. Máis tempo do que durou a loita da URSS contra o agresor nazi. ¿Quen contará os feridos? ¿Quen, o crime de guerra da destrución de casas, cidades, infraestruturas? Oito millóns de exiliados fóra do país ou desprazados no interior. Empuxados a ningures pola crueldade da guerra. Nenos e mulleres, nenas e anciáns. Os homes en idade de combater teñen vetada a fuxida. Tentan os soldados deter aos invasores coa angustia de ter as familias vivindo entre sombras, sen luz nin auga quente. Sen calefacción no inverno baixo cero.
O poderoso zar non sente o frío. Antes bolchevique, agora axeonllado diante de iconas ortodoxas a carón do patriarca de Moscú que bendice a guerra. Á súa disposición ten inexgotables almacéns de seres humanos. Non dubida de mandar á picadora de carne do frente a soldados adolescentes, a minorías étnicas mercenarias, a miles de zombis norcoreanos. Moitos podrecerán nas trincheiras ou volverán a casa en caixas de cinc.
Así de absurda e brutal é a guerra do autócrata chama operación especial para limpar de nazis Ucraína. "1984" de Orwell tamén está traducido ao ruso. Porque Ucraína aínda recorda o "paraíso" de Stalin, o Holodomor que mató de fame a catro millóns de seres humanos entre 1932-1933.
Agora, coa nostalxia do decrépito imperio soviético, bombardea sistemas enerxéticos. O frío, arma de guerra, asasina e paraliza. Impide a vida. Costa imaxinar cómo resisten este espanto bebés e anciáns, feridos e mulleres, nenos e enfermos. Cando empezou 2026 a xente brindou por un futuro mellor. Brindaron homes e mulleres soldado por un novo ano sen o pesadelo da guerra. Soñaban cun paraíso ucraíno con calor, luz, traballo, comida, xente. Pero enfronte está o mal. No leste e no oeste hai emperadores cegos á toda humanidade tentando repartir o planeta. O xeneral inverno combate con furia a carón dos invasores, aos que tamén morde o frío. Pero ao 'zar' non lle importa. Ten unha infinita reserva de fillos e netos amortallados polas bágoas dos avós, das nais. "O único que une ao país é o cemiterio lamenta un ministro ucraíno. Pero nos cemiterios só habita o silencio e a desmemoria. Nas cidades da xente, o frío. A guerra absurda que todos perden baixo cero.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora