Onde a pedra desafía a gravidade
Aínda non hai un mes que o meu fillo Xoel e eu fixemos unha serie de andainas das que fun falando, pero resulta que se me escapaba unha: a que realizamos o 22 de agosto pola parroquia de Moura, pertencente ó concello de Nogueira de Ramuín, e que se coñece como a Ruta Granítica de Moura.

Xoel xa a realizara cuns amigos e comentárame que lle gustara. Eu -como me apunto a todo con tal de saír da casa e coñecer novos lugares-, non o pensei dúas veces e para alá nos encamiñamos.
É unha ruta circular de sete quilómetros e pico que iniciamos desde o miradoiro Bambán do Solpor. Ó ser circular, había, claro, dúas opcións: pola esquerda ou pola dereita. Se colliamos pola esquerda, tocaríanos ó final unha impresionante subida, mentres que, se optabamos pola dereita, teríamos unha pronunciada baixada nada máis comezar. Como din que para abaixo todos os santos axudan, optamos por esta alternativa.
E creo que fixemos ben, pois non tardamos en darnos conta de que, se fose subida, seguro que os músculos nos ían rifar. Cada pouco faciamos pequenas paradiñas para contemplar a paisaxe. Porque esta, ante as vistas que se abrían -con boa parte do canón do río Sil e o espectáculo da visión do mosteiro de San Estevo-, era como para enxalzala, gabala e admirala.
Porén, o máis bonito, o máis impresionante, aínda estaba por chegar: os penedos, as rochas e as pedras que pouco a pouco fomos atopando cara ó final do percorrido. Formacións graníticas de gran volume que me deixaron abraiado. Principalmente, o Penedo do Rufino e a Pedra Longa. Esta última é de fantasía: érguese verticalmente desde o chan ata unha altura de máis de sete metros, desafiando por completo a gravidade.
Asombrosa a pedra. Impresionante a ruta.
Das canadas á lata das sardiñas
Nunha conversa por guasap, alguén me mandou saúdos a canadas. Era a primeira vez que lía ese vocábulo. Tiña lido ou oído -cando se mandan bicos, saúdos ou abrazos- a esgalla, a barullo, a carradas, a darlle cun pau ou un sacho, a embute, á envorca, a varrer..., pero nunca a canadas.
Como me gusta saber, axiña botei man do dicionario da RAG e... Canada: "Recipiente, polo xeral de latón, utilizado para muxir as vacas". Canado: "Medida de capacidade para líquidos, principalmente viño e leite, que varía, segundo as zonas de Galicia, entre catro e oito litros".
Meu pai, para munguir as vacas, usaba unha lata das sardiñas dun quilo -ou unha cunca grande- que, cada vez que ma cedía para que eu a baleirase no cubo, sempre lle botaba un trago. Beber aquel leite quentiño, acabado de munguir, era gloria bendita.
Naqueles tempos, a lata de sardiñas era de tanta utilidade como, por exemplo, o propio burro, que, o pobre, apandaba con todo. Coa lata das sardiñas sacabamos a calda do pote, levabámoslle o millo degrañado ás pitas, colliamos auga, colliamos fariña ou centeo para botalo á saqueta, e tantas e tantas cousas.
A canadas. Unha vez máis, demóstrase que a variedade da nosa lingua é realmente espectacular. Se a lingua castelá é rica, a galega penso que aínda o é máis. Que nun territorio tan pequeno existan dez, vinte vocábulos para dicir o mesmo é digno de gabanza. É máis, ó mellor nun simple quilómetro á redonda xa hai variedade en certas palabras.
Rematado o espazo, aproveito para mandar saudiños a canadas para todos.