Como o tempo sen ver aos que queremos fainos ignorantes
Santalla, Iago - miércoles, 23 de septiembre de 2026
Veu unha obra de teatro ao Ciclo Principal do Rosalía na Coruña que me pareceu profundamente reflexiva. Titúlase As gardiás e trata de tres mulleres que viven xuntas nun mesmo edificio, cóidanse mutuamente e coñecen perfectamente os apoios que unhas necesitan das outras. Poderiamos dicir que viven nun equilibrio perfecto no que cada unha ten unha función, sabe como e cando facela e tamén sabe o que lle aporta ás demais.
Hai unha gardiá que é máis dependente pero está todo organizado para a súa seguridade e benestar. O citado equilibrio racha cando chega a súa filla e quere facerse cargo ao seu xeito ignorando todo o que a nai e as súas amigas levan batallado por unha vida digna e plena. Inicialmente vai a solución doada: metela nunha residencia, pero pouco a pouco ven como teñen armado un sistema de benestar personalizado que lle permite seguir vivindo no seu entorno.
A reflexión é que vivimos na continua ilusión da foto fixa e que coidamos que coñecemos a quen conviviu con nós un tempo vital. Non en tanto se ese tempo fica afastado en anos se cadra non coñecemos tanto a esa persoa, polo que convén escoitar e valorar de novo a súa realidade e como cambiou. Pode ser que as vivencias que non vivimos xuntos nos fixeran outra persoa e cómpre volvernos a coñecer.
Se imos con humildade e valoramos isto aprenderemos moito máis da vida, pero sobre todo practicaremos unha humildade que nos fará máis humanos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora