Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

(31384) Joséloisestévez: O pioneiro galego da construción de telescopios

Viscasillas Vázquez, Carlos - jueves, 17 de septiembre de 2026
O ceo conta desde este ano cun novo nome galego. O 13 de abril de 2026, o Working Group for Small Bodies Nomenclature da Unión Astronómica Internacional (IAU) aprobou oficialmente o nome (31384) Joséloisestévez para o asteroide ata entón coñecido como 1998 XE96. O anuncio apareceu no WGSBN Bulletin, volume 6, número 6. O asteroide fora descuberto o 11 de decembro de 1998 polo astrónomo Orlando A. Naranjo, desde Mérida, Venezuela. Trátase dun pequeno corpo do cinto principal de asteroides, duns 2,2 quilómetros de diámetro, que completa unha volta arredor do Sol aproximadamente cada 3,5 anos. O seu nome lembra agora a José Lois Estévez (1922-2009), natural de Ponte Caldelas, Catedrático de dereito e profesor de Epistemoloxía das Ciencias Sociais e Xurídicas da Universidade de Santiago de Compostela, poeta e astrónomo. Discípulo e colaborador de Ramón María Aller Ulloa, Lois Estévez intentou trasladar tamén ao Dereito o rigor propio das ciencias exactas. A propia cita oficial da IAU destaca que construíu na década de 1960 o telescopio máis potente existente daquela en España. Aquela construción foi unha aventura singular da astronomía galega. A principios dos anos 60, Lois Estévez promoveu nos talleres da fábrica de camisas Regojo, en Redondela, a fabricación dunha gran montura ecuatorial para un telescopio reflector de 50 centímetros de apertura. A estrutura alcanzaba uns sete metros de altura e para poder montala foi necesario mesmo abrir o teito da nave. Para aquel instrumento conseguiuse ademais unha gran peza óptica de arredor de 30 quilos, procedente da casa francesa Saint-Gobain, fabricante de vidros para algúns dos grandes observatorios internacionais, entre eles Mount Wilson e Yerkes. Posteriormente trasladouse ao campus da Universidade de Santiago, preto do Observatorio Astronómico. A excepcionalidade da historia levou a Aller a salientar, con humor, que aquel instrumento era "único", por estar "construído por un avogado nunha fábrica de camisas". Lois Estévez converteuse así nun dos pioneiros da construción de grandes telescopios en España nun país que, curiosamente, tamén ocupa un lugar nas discusións sobre as propias orixes do telescopio, pola figura do óptico xerundense Joan Roget, un dos primeiros fabricantes destes instrumentos a finais do século XVI. Os 50 cms do instrumento compostelán resultaban extraordinarios para a España da época. O histórico telescopio de William Herschel do Real Observatorio de Madrid tiña unha apertura similar, pero fora destruído durante a ocupación napoleónica de 1808. Non sería ata 1972, preto dunha década despois da construción do instrumento de Lois Estévez, cando entrou en funcionamento no nacente Observatorio do Teide o telescopio MONS, tamén de 50 cm, empregado nos primeiros anos do actual Instituto de Astrofísica de Canarias. Ironías do destino fixeron que Lois Estévez nunca chegase a utilizar o seu telescopio, pois pouco despois marchou vivir a Venezuela. Lois Estévez compartiu ademais con outros nomes destacados da astronomía galega a formación no Colexio Santiago Apóstol dos xesuítas de Vigo. Alí estudaron tamén os astrónomos Ramón María Aller Ulloa (promoción de 1894), Manuel María Carreira Vérez (P. 1948), Manuel Vázquez Abeledo (P. 1962) e Begoña Vila Costas (P. 1981), mentres que José Lois Estévez pertenceu á promoción de 1940. En 1997, Lois recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, distinción que tamén recibiría o astrofísico galego Manuel Carreira dous anos máis tarde, en 1999. A súa relación con Ramón María Aller foi científica, persoal e tamén familiar. O profesor Lois casara con María del Carmen Puente Araújo, neta de Carmen Ulloa Villar, que era prima irmá dobre de Ramón María Aller Ulloa. Aller, mestre e amigo de Lois, estivo así presente tamén na súa vida familiar. O vínculo familiar quedou ademais simbolicamente selado no propio casamento, celebrado en Redondela en 1954 e oficiado precisamente por Aller Ulloa. Para rematar, cabe salientar que o profesor Naranjo é tamén o descubridor doutros asteroides que hoxe levan nomes ligados a Galicia, entre eles os adicados a A Coruña, Antonia Ferrín Moreiras e Ramón María Aller Ulloa. Agora engádese José Lois Estévez a esta pequena representación galega no Sistema Solar. E non será o último. No próximo artigo falaremos de (31385) Genovevavázquez, adicado a "partureira de Xinzo", o máis recente desta particular familia de nomes galegos entre os asteroides.

Carlos Viscasillas Vázquez é investigador no Instituto de Física Teórica e Astronomía da Universidade de Vilnius e membro do Grupo de Traballo Nomes de Estrelas (WGSN) da IAU.
(31384) Joséloisestévez: O pioneiro galego da construción de telescopios
Órbita heliocéntrica do asteroide (31384) Joséloisestévez en relación coas órbitas dos planetas interiores e de Xúpiter. A instantánea corresponde ao 12 de setembro de 2026. Crédito da imaxe: NASA/JPL-Caltech.
Viscasillas Vázquez, Carlos
Viscasillas Vázquez, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES