Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas miñas sobre o voto CERA

Cabada Castro, Manuel - viernes, 18 de septiembre de 2026
Hai xa case más de quince anos, daquela residindo en Vigo, publiquei nos xornais "La Voz de Galicia" (11 outubro 2012) e algo despois no "Faro de Vigo" (8 novembro do mesmo ano) o meu escrito Votar onde se pace ou onde se nace?. Ofrézoo seguidamente de novo pola miña parte a lectores interesados, dado que o tema de fondo volve de novo rexurdir. Velaquí vai, pois, ese texto, pensando que poderían aínda ser actuais tales reflexións, parcialmente alomenos, cando se volve falar en relación con esta temática ao considerar o voto CERA ("Centro Electoral de Españois Residentes Ausentes") como "anomalía democrática" que a partidos dominantes non lles comprace frear.

Vai seguidamente este meu texto:

Galicia foi en tempos pasados (e semella desgraciadamente, tal como van as cousas, que o vai ter que ser de novo) país de emigrantes. Emigrantes a outras rexións da península, a América, a Europa etc. Consecuencia non dunha mítica e interna condición anímica aventureira, como tantas veces se di, senón dunha forte des-estruturación social na que conflúen moitas causas, sobre todo de orde (ou, máis ben, desorde) política. Pola contra, o baleiro que esta situación deixaba no país galego favorecía a intromisión nel de persoas e culturas foráneas. Fóronse así asentando no país xentes de moi diversa procedencia, que obviamente portaban consigo lingua e costumes alleos aos que normalmente non estaban dispostos a renunciar. O país galego facíase así en realidade menos galego, tanto pola sangría producida pola propia emigración como pola transfusión de elementos foráneos ó seu corpo social. Pois ben, coa chegada da democracia concedéuselles aos emigrantes un certo dereito a participar dende a distancia nos asuntos internos do país que abandonaran na lexítima busca dunhas mellores condicións de vida. E máis concretamente á hora de poder intervir ou non na elección dun novo goberno. Comeza porén aquí tamén xustamente o problema. Cando e como pode ser caracterizada a estes efectos unha persoa como emigrante? Máis concretamente, por que un galego en Arxentina, poñamos por caso, pode influír nas eleccións do novo goberno galego ao mesmo nivel ca un galego de Cambados e, en troques, isto mesmo élle vetado a un galego residente en Madrid ou nas Canarias. Non me refiro á aplicación das concretas e actuais disposicións legais, senón á "filosofía" ou política de fondo que posibilitou esas mesmas disposicións. Ninguén se vai da súa propia terra e quizais aínda menos un galego, se non é porque a necesidade ou determinadas adversas circunstancias o obrigan de feito a tomar este tipo de decisión. En consecuencia, debería avanzarse cara á posibilidade legal de que calquera cidadán residente fóra da súa autonomía puidese exercer libremente o seu dereito a votar ou ben ós candidatos do lugar onde reside ou ben ós da súa autonomía de procedencia. Tan utópica pode resultar esta proposta nuns tempos nos que a técnica ten realizado inimaxinábeis progresos? Ou non será quizais que os políticos dominantes tenderían a erradicar toda diferencia, aquela que vén dada pola cultura e o lugar onde se nace, en aras dunha forzada unidade e uniformidade?.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES