Ano novo, con ben veñas
Editorial - lunes, 04 de enero de 2010
Era canción obrigada nos Nadais de antano cando se ía entrar no tempo que marcaba o comezo dun novo ano, e o desexo referido ó aninovo era que viñese con ben.
Neste 2010, que acaba de entrar precedido dos peores augurios, algo así teremos que pedir e desexar. Polo ben de todos.
Despois da experiencia de 2009, tremendamente forte a efectos económicos e sociais, e cando o resto das economías europeas parecen ter entrado nunha fase de recuperación aínda que sexa modesta, chega o 2010 sen que ningún indicador prognostique brotes verdes que dean algo de alegría á nosa actualidade.
Peor aínda: todo parece indicar que non temos chegado á parte inferior da V, e que seguiremos baixando e -o que ven ser o mesmo- perdendo emprego, que é o resultado máis sangrante dunha situación de crise.
A entrada neste novo tempo, ateigada de días festivos, e coas SS MM Os Reis Magos exercendo o seu señorío, non é bo momento para albiscar como vai resultar este ano, no que a tradicional costa de xaneiro se entende de prolongada sombra ata o comezo da primavera. Haberá que agardar un tempo para ver como resulta este 2010, primeiro da segunda década do século XXI, no que moitas cousas están no aire e temos que agardar que apousen e asenten.
Pero como os desexos non teñen que ver coas realidades, e sempre se tende á percura das mellores perspectivas, reciban o noso desexo dun Feliz aninovo, e que 2010 responda ás nosas necesidades dun xeito favorable. Que veña con ben este ano novo que acabamos de estrear.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora