Perdoar, respectar, perder, gañar, setenta veces sete cada día
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 13 de septiembre de 2026
DOMINGO 24 A.- Ecli 27,33-28,9.- Sal 102 (103).- Rm 14,7-9.- Mt 18,21-35
+Recorda a Alianza do Altísimo e non deas valor á falta (Ecli 28,7)
+O Señor perdoa as túas culpas, coróate de amor e de tenrura (Sal 103)
+Se vivimos para o Señor vivimos, se morremos para o Señor morremos (Rm 14,8)
+¿Cantas veces terei que perdoar? ¿Ata sete veces? E Xesús respondeulle: Non che digo ata sete veces senón ata setenta e sete (Mt 18,21-22)
PERDOAR, RESPECTAR, PERDER, GAÑAR, SETENTA VECES SETE CADA DÍA
1. Pois Deus é luz e graza que non muda,
podemos en familia, herdar as dúas.
2. Sen apropiarnos delas xamais nunca,
gustándoas nun amor, que sempre flúa.
3. Sen esixilas doutros, en penumbras,
e sen ousar xulgar culpa ningunha.
4.Bebendo, si, a luz que en Cristo aluma,
chamados a servila sen censura.
5.Coidando ben a toda criatura,
tamén nas situacións que non nos gustan.
6.Achegando abondoso e sen usura,
desde preto ou de lonxe, o que constrúa.
7.Se a carón nos chamasen, co que cumpra,
e se lonxe nos queren, paz profunda.
8.Que de lonxe o amor máis se depura,
máis gracioso se fai, libre de gula.
9.Xeira virá que fondamente una,
o que o tempo arredou con quebraduras.
10. Mais se houbo bo querer, e houbo fondura,
en Deus han renacer, graza madura.
11. Que en Deus nada se perde e nada murcha,
se con graza se deu, ou con tenrura.
12. Paga a pena o perdón que continúa,
nutrindo en Deus o don da graza pura.
13. Se a aperta que agardamos se encabuxa,
ben maior nos darán, e máis dozura.
14.En Cristo a irmandade sempre impulsa,
a ser máis forte do que as mancaduras.
15. Loitos e loita cómpren nas rupturas,
na inxustiza un amor que busque a cura.
16.No trato, dialogar sen queimaduras,
no corazón, querer sen estreituras.
17.Desarmar as palabras nas disputas,
desde unha paz que non pase facturas.
18. Saber perder con esperanza acurta,
a noite que as iras configuran.
19. Bendicir o inimigo é cordura,
non maldicir traerá festa segura.
20.Meu Deus querido, ti non buscas culpas,
á curación nos chamas e procuras.
¡Apertas de domingo!

Miguélez, Xosé Antón