Consecuentes na perdoanza
Cabada Castro, Manuel - domingo, 13 de septiembre de 2026
Na oración que rezamos nas eucaristías estoume a referir á oración do "Noso Pai que estás no ceo"- dicimos: "Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido". Trátase dunha oración na que Xesús lles aprende a orar ós seus apóstolos despois de estes llo pediren a el de maneira explícita. Vén sendo, xa que logo, algo así como o modelo para calquera xeito de nos dirixirmos a Deus, pai de Xesús e pai tamén noso. Non se trata, pois, dunha oración simplemente individual. Quero dicir: non é un, en canto individuo particular, Manuel, Iago, Xurxo Uxía etc quen nos diriximos, cada un pola súa conta, ó noso particular Pai do ceo. Porque o noso Deus non é Pai de individuos ou persoas particulares en canto tales. De tal xeito é El só Pai de Xesús, Fillo único, unixénito e eterno. Por iso é tamén Xesús persoa divina, aínda que a súa natureza humana sexa igual á nosa.
Todos nós somos, pois, fillas-fillos de Deus-Pai e irmandados uns cos outros pola nosa común irmandade con Xesús, tamén ser humano coma nós. Formamos entre todos unha gran familia. A familia dos fillos de Deus pola súa adopción. El quérenos a todos coma fillos del e non lle comprace que os seus fillos nos comportemos mal uns cos outros. Por todo isto, o modo como Xesús quere que nos dirixamos ó Pai non é: "Meu Pai que estás no ceo". De tal xeito só Xesús pode dirixirse a Deus. Tódolos demais, aínda que o fagamos particularmente desde a nosa particular soidade interior, non podemos dirixirnos a Deus máis que como Pai que é de todos (non só meu). Esta conciencia de sermos irmáns de todos non nos pode, pois, abandonar no intre de dirixírmonos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus non lle vai que nos dirixamos a El prescindindo dos demais ou estando a mal con eles.
Mais por que? Cústanos aprender -de maneira consecuente- a incríbel importancia que ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán noso en Xesús. Tal feito convértenos automaticamente a todos en irmáns. Formamos, xa que logo, unha única familia e entre os membros dunha mesma familia non se lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que mutuamente nos fixemos ou deixamos de facer. Querémonos simplemente e de verdade uns a outros. E se algunha vez hai algún problema, algunha "ofensa", estase sempre disposto a perdoar e a facer as paces. En calquera caso, ese é o nivel, moi alto, que se nos pon para sermos e comportármonos mutuamente e de verdade como irmáns. Perdoar, non só "sete veces", senón "setenta veces sete", tal como se nos refire no texto do evanxeo. É dicir, perdoar sen límite, sempre. Ben sabedes que o número "sete" ten na linguaxe bíblica un sentido simbólico que vén significar algo así como "sempre", sen tope.
O máis importante é que vexamos nisto a súa fonda raíz. Perdoar, ter un corazón xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así sempre se comporta. Lembrade aquela marabillosa parábola de Xesús, de cando o fillo pródigo volve á casa e seu pai non lle bota en cara o máis mínimo o seu mal comportamento senón que o enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran festa. É só porque Deus nos quere polo que el é tamén perdoador. Con tódolos seus fillos. Lembrade unha vez máis tamén o que nos dicía Paulo de que tódolos mandamentos se reducen a un só: "Ama o teu próximo como a ti mesmo". Se nos acostumamos a ver nos demais a nós mesmos, entón a cousa é doada. Pois hai alguén que non se queira a si mesmo?
No canto, pois, de facermos cousas raras, os cristiáns teriamos que especializarnos en vérmonos a nós mesmos nos demais. Porque en Xesús, no que Deus se humaniza, acadamos todos a mesma dignidade de fillos de Deus. Somos así iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla. Tal dignidade non pode quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver ou comprobar nunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus alén das nosas feblezas e desordes morais.
No texto do evanxeo pon Xesús a Deus-Pai como modelo do noso comportamento. Se El non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento xeneroso e perdoador con todos, entón non será moito pedir que fagamos nós algo semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo ese "Reino de Deus" do que se nos fala tantas veces: un mundo no que as violencias, as inxustizas, os desencontros entre pobos e individuos deixen de ser crónica habitual de xornais e outros case innumerábeis medios de comunicación. Este espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas porque, ó seren "pacíficas", é dicir, facedoras ou construtoras de paz, fanse así merecedoras daquela "felicidade" da que falaba Xesús ó chamar "benaventurados", ou sexa "felices", os "pacíficos".
Este modo de comportamento "pacífico", perdoador, ten un amplo campo de aplicación. Desde o seo da familia ata no caso das guerras e dos terrorismos do noso tempo. Neste último caso ben sabedes que, sen un comportamento xeneroso e perdoador, non é doado chegar a unha solución que sande e cure de verdade tódalas feridas. Sexamos, pois, no conflitivo mundo de hoxe pacíficos, pacificadores, perdoadores, facendo así presente entre nós o Deus perdoador que se nos manifesta en Xesús.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel