A vida é un rosario de efemérides; tantas, tan intensas e tan importantes, que nin o propio

interesado as daría contado, por ben que lle dea ao teclado.
Saltándonos os nove meses do embarazo, ¡zas!, Deus dixo, outra vez, ¡Fágase a luz!, e para nós fíxose: propia, individualizada...; coa colaboración de nosa nai, por suposto, que nunca tan gran favor lle daremos pagado! ¡Que Deus llelo pague por nós, xa que tan curtos adoitamos ser con elas!
Nada máis nacer comeza o "corre, vai e dille": ¿Que foi, neno ou nena? ¡É para saber que tipo de regalo lle levo! Agora, con eses aparellos escrutadores que propalan con antelación o sexo da criatura, a previsión é rotunda: ¡azul, ou rosa! ¿Por que rosa
? ¡Por iso, porque son as rosas deste mundo, as mellores, que xa o dixo aquel dramaturgo: "¡Que bien huelen las mujeres!".
-¿Puxésteslle a pulseira..., para que non mo confundan?
-Non, muller, non, que se parece a ti; e aínda que así non fose, agora tíraselles o ADN!
Con este aserto, con esta tranquilidade, co esforzo realizado e a conciencia satisfeita, a nai, tódalas nais, dormen o seu sono postparto, o máis feliz de cantos levan tido, e de paso soñan, ¡e acertan!, que pariron un rei / unha raíña, pois, para elas, así será, de por vida. ¡Criminal aquel que as desilusione!
O xinecólogo, para o recén, é un bruto, pero
, un bruto necesario, ou polo menos, conveniente. Elas, as xinecólogas, poden ser máis suaves, pero en ningún caso demasiado xa que, de seren así, igual non servirían para esta función. O neno agradécelles a súa intervención co primeiro dos seus sorrisos, pois sorrisos son aínda que aos brutáns nos parezan laios. Ninguén llelos presenta, pero tampouco é preciso: son as testemuñas do seu nacemento; testemuñas, e á vez, colaboradores, cómplices!
Ata-lo cordón umbilical é conveniente, pero
, por moito que os aten, que os separen, aí queda o rastro dun vínculo, unha testemuña, ¡outra!, da súa procedencia. ¡Criminal aquel desagradecido que esqueza a canal da súa nutrición, da inicial!
Lavatorios e todo iso, para seguidamente recibi-las primeiras visitas. ¿Son sinceros nos seus parabéns? ¡É mellor pensar que si, que o son todos/todas! Apunta, nené: ¡Non estás só na vida, pois, ademais de pais e de parentes, tes amigos, amigos que inauguran as túas efemérides, o teu libro de Visitas!
¿Os goces dos recén, van a máis? Eu diría que si, salvo nunha cousa: ¡Aos do XXI xa non lles poñen no berce aquelas pelicas das ovellas brancas, tan agarimosas, co ben que cheiraban
, despois de lavadas!
¿A cousa do nome? ¡Pois non é unha cuestión menor xa que, para ben ou para mal, co seu agrado ou sen el, non hai outro sambenito que dure toda unha vida como pasa co nome! Na antigüidade atendíase en particular ás características que se apreciaban na criatura, sen desbotar as esperanzas, as expectativas, postas nel/nela. Co cristianismo, a ambición, e coa ambición a esperanza, púxose en buscarlle recomendación ao neno, ¡un padriño/unha madriña, de santidade acreditada, que os guíen desde o Ceo, para o Ceo! No relaxo do XX veu a moda de canonizar en vida aos artistas do cine, por pecadores que fosen, e de aí xurdiu o costume de darlles o seu nome ás crianzas, por difícil que sexa de pronunciar. ¡Un desvalemento importante, pero con solución, pois, con engadir, Fulano/a de Tódolos Santos, a vítima de tales pais xa queda apadriñada, titorada!
Xa que vén a conto
¡O desvalemento por excelencia é o dos fillos de moza, pois, aínda que a sociedade os vaia adoptando, e cheguen a ser felices, sempre coxearán da perna paterna! Agora que se descubriu iso do ADN, é tan difícil lexislar que o pai demostrado quede recoñecido, ipso facto, como tal, a tódolos efectos, incluso aos hereditarios? ¡A por ela, a por esa Lei, que a esixe o sentido común
, se é que algo diso queda neste mundo farisaico!
O lector apenas atopará nos meus "rollos" referencias subxectivas, expresas, aos meus inimigos, pero hai, houbo, un caso que, como tódolos similares, clama ao Ceo. (Inimigos de cada quen non son só aqueles que o foden directa e persoalmente, senón, e tamén, os que lle traen, ou trouxeron, problemas evidentes derivados de ofensas ou de danos infrinxidos aos seus parentes máis directos). Xa que logo, e facendo unha excepción, analizarei un caso, movido pola compaixón que sempre me mereceron os fillos de moza, tamén chamados "bravos" na miña terra, aínda que o de "bravo" máis ben lle corresponde ao macho que os xerou:
Criáranse porta con porta nunha aldeíña, a comezos do XX. Os nenos medraron, a rapaza fíxose atractiva, e o abázcaro da casa de enfronte, fiel aos seus instintos, fecundouna! "¡Tes que casar con ela!", dixéronlle, aconselláronlle, pedíronlle, uns e outros, pero o abázcaro, ¡que aquel non morreu despois da fecundación como adoita pasarlles aos das colmeas!, dixo que nones; dixo exactamente, que así o lembraban aqueles conselleiros: "Se foi fácil comigo, tamén o pode ser con outro, sexa ou non coñecido!". Coa nai do seu fillo, coa veciña crédula, del namorada, non casou, pero si o fixo, tempo adiante, con unha descoñecida, que lla plantou, diante, e por días de vida, á desbotada!
Aquela nai solteira, traizoada nos seus amores iniciais, veciñais, únicos, tivo o consolo de seu irmán, do morgado, meu avó por máis datos, que lle cedeu a metade da casa natal, coa metade das fincas, "
para que podas vivir con dignidade, ti e mailo teu fillo, pois, a falta de proxenitor recoñecido, terá en min, no seu tío, un segundo pai!". Así foi, e así se cumpriu, coa transcendencia de que, por culpa directa daqueles "carotas" de enfronte, por chamarlles só así, ao suave, de ser unha casa forte pasou a ser débil, dividida, menos competitiva no mundo rural, e tódolos etcéteras do caso. ¡Iso si, eu, polo menos eu, levanteille un monumento mental a meu avó, pola súa nobreza de facer de pai daquel neno sen pai! ¿O neno foi feliz? En canto sei, si, relativamente feliz, pero dun neno sen pai non se pode crer que o sexa ao cento por cen. ¡Malditos sexan os pais que non saben, ou non queren ser, tales!
-.-
O primeiro dos carnés para conducir selas de rodas non se lles dá aos nenos, senón aos pais; é un carné tan especial que lles permite: ¡ao chofer, conducir pola beirarrúa; e ao neno, mirar cara arriba, cara ao ceo, aínda que chova, plásticos en medio, que semellante privilexio, nin os que viaxan en convertibles! ¿Que opinaría o neno/a nena, se lles fose dado falar da súa primeira viaxe en "carro"? Seguro que dirían: ¡Menos mal que desde París me trouxeron noutros medios, pois este transporte, con paradas constantes para ensinarme aos amigos e aos veciños, resulta lentísimo, aínda que non aburrido!
Máis cerca de Belén están os nados na aldea, aínda que aldeas-aldeas xa non queden, e logo que as vacas, con portal ou sen el, tamén se ven na tele, tanto ou máis que nos prados! A propósito da tele: De momento son nefastas para o cativo pois os adultos, algún, adoitan prestarlle máis atención á pantalla que ao berce, así que ao recén, se quere chama-la atención, non lle queda outra que enfadarse, ou facer que se enfada.
Despois vaise afacendo, ¡que remedio lle queda!, pero naqueles primeiros días "de paseo", cantas pestes lles botarán aos cheiros da motorización urbana! Con iso, por culpa diso, as súas narices achatadas vanse contraendo, afiando, póñense de punta, e os oídos, tamén; ¡todo por culpa desas toxinas da rúa! ¡Ah, pero cando os devolven á casa, e os pasan súas nais ás intimidades pectorais, ao ambiente pectoral, daquela un pracer de deuses, que nin Amaltea! ¿Ninguén se fixou en que os pobos salvaxes conservan as nafres infantís
, salvo que lles colguen "pins"?
O día da culler. Xa coñecera grandes, transcendentais, acontecementos, que os seus maiores viñan cualificando con "adiantos", pero aquel día da culler... Oíralles dicir que a roda foi o gran invento, o meirande dos avances daquel homo sapiens das cavernas, pero nada dixeran do peor dos seus inventos: ¡a culler, aquel artefacto frío, metálico, co que profanaron uns beizos acostumados á calor e á dozura da mamila materna! Por se fose pouco, aquel xarope pegañoso e repugnante na culler, que seica era vital, por medicamentoso. Tempo adiante, o neno, e coma aquel, todos, non só acollerían con agrado a culler, senón que ampliarían o seu uso á culler raxada, raxada en pugas, tamén chamada garfo; pero un día que o levaron ao campo, de "picnic", o xa rapaciño viu como manaba auga dunha rocha; ¡dunha rocha, e non dunha billa! Daquela, por un atavismo que conservaba aló dentro, moi dentro, xuntou as mans, imitando as culleres, ou os vasos, ou
, cousas desas, e bebeu directamente daquel líquido natural, con idéntica fruición, tal e como facía antano coa tetiña de súa nai! ¡Aquilo si que foi gozar, aquilo foi volver ao colo materno, ao paraíso terreal!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.