Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (14)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 12 de octubre de 2026
-¡Señor, sálvanos, que afogamos! Pero El díxolles: -¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose en pé increpou aos ventos e ao mar, e veu unha gran calma.

Afouteza é o que compre para navegar neste mar proceloso, no mar da vida, pero non, nunca, confiados nas nosas forzas, que son endebles, senón na fortaleza que nos dá, que nos debe dar, a fe revelada polo noso Temoeiro!

Viaxar sos, sen Deus, é a temeridade máis absurda; algo así como conducir sen carné, sen carné de cristián! As tormentas existirán, sempre, porque veñen do paraíso perdido, daquela rebeldía transmitida, pero, se poñemos no posto de mando ao noso Xefe, ao noso Redentor, non haberá Satanás que poida con nós. A vida daranos coiteladas, feridas sangrantes, dolorosas, que iso é inevitable, pero a fe na vitoria final daranos azos, e con eles, a ledicia, anticipada, de que, á final da loita, seremos coroados, na Gloria Celeste, Eterna, e non precisamente con un simple laurus nobilis! Montados no cabalo da fe, non hai siroco que nos tombe!

¿Que doen as feridas? ¡Claro que doen, é natural que doan, que tamén sufriron os mártires, pero, á final, valeulles a pena! Sufrir con fe, coa seguridade do Premio Eterno, non é sufrir: é gozar!
-.-

O Señor é a miña luz, a miña salvación; ¿a quen hei temer? O Señor é o meu castelo; ¿ante quen hei de tremer? (Salmo 27, 1). ¿Daquela, cales son os meus inimigos? ¡O principal deles, eu, eu mesmo, que fun bautizado, lavado, pero volvín a enlodarme!

Xeralmente temémoslles aos hostes foráneos, e non é para menos, pero o peor dos inimigos levámolo, traémolo, acotío, con nós mesmos. Nosos pais ensináronnos, e na escola tamén, pero iso é, foi, parcial; parcial se nos falta, se nos falla, o propio adestramento. Ningún nega que a vida sexa combate, un combate cotián, pero non hai castelo que sexa inexpugnable se retirámo-la garda, a nosa garda permanente, se licenciamos ao Capitán, a Deus.

Non chega con construír: ¡hai que facelo con bos cimentos, con columnas axeitadas! Non é igual pintar cadros que pinta-la cara; e logo que a cara adornada con pins non reflexa a alma. ¿Non se di que a cara é o espello da alma? ¡Pobre alma, se tamén lle colgamos abelorios en lugar de virtudes! A nosa propia construción máis que de arquitectos precisa de enxeñeiros, enxeñeiros enxeñosos que a poñan a funcionar, a maquinar, a discorrer …, comezando polos propios pais! Así, cando estudamos, cando nos preparamos para a vida laboral, cómpre ter presente que tamén o estamos facendo para aprender a ser pais, a ser relevo. Nisto non caben discrepancias, desercións: Némine discrepante, ten que haber unanimidade, pois, do contrario, Ab alio species alteri quod féceris, temos que esperar dos outros, neste caso dos propios fillos, que fagan o que nosoutros fixemos neles, con eles.
-.-

Sete gordas, seguidas de sete fracas… Así falaban os exipcios; os economistas preferimos dicir “ciclos”. Por algo se inventaron os silos; graneiros, granarium para os romanos. Son boísimos…; o único malo é privarse dos antollos nas épocas de tolemia, de abundancia! Son bos porque ensinan moderación, moderación e previsión. Ao longo da Historia os pobos que resultaron máis traballadores, máis prósperos, con prosperidade propia, de longa duración, foron os asentados en terras pobres, tomándose Suíza como prototipo. Para antítese chega con lembrar o dano que lle fixo á iniciativa española a existencia da Torre del Oro de Sevilla, auténtico cofre dilapidador das nosas depredacións americanas.

Non se trata de vivir nun tonel, como Diógenes, pero tampouco de queimar Roma, a estilo Nerón, para acadar o clímax dun pracer tan efémero como salvaxe. Na nosa prudencia cenemos lentellas, tamén chamadas “Píldoras de Negrín” por ser o manxar máis accesible naquel Madrid de 1936/9, aquelas leguminosas tan nutritivas coas que gozaba Diógenes cando o sorprendeu o sibarita Aristipo, que vivía a corpo de rei a base de adula-lo Rei. Seica lle dixo: -Se aprendeses a ser submiso ao noso Rei, non terías que comer esa porcallada de lentellas! Pero Dióxenes, o morixerado Dióxenes, rebateulle de inmediato a súa falacia: -Se houbeses aprendido, coma min, a comer lentellas, agora non terías que adular a ese que se dá de Rei!

Nin privacións evitables nin dispendios excitantes. O goce ben entendido está na prudencia cotián; e se as vacas da especulación están inchadas, deixalas asentarse, que xa fraquearán, xa, pois non hai primavera que non conduza a un novo inverno. Acordémonos tamén daquelas mazás do Edén, que as comeron verdes…, séxase, prohibidas!
-.-

Para falar de goces é bo, aínda que non imprescindible, pasar por unhas cantas penalidades, e mellor aínda se son variadas, no tempo e no espazo. Unha das máis sinxelas, das moitas que lle poden pasar a un rapaz, é perderse no monte unha noite de raios. ¡Dou fe!

Estivera poñéndolles escola aos nenos, ¡de seis a vinte anos, máis ou menos!, no cuarto grande (comedor) da casa de Domínguez de Catatrigo, e, para aproveitar a luz solar ao máximo, saín entre lusco e fusco, nin un minuto antes; iso si, cunha lanterna de pilas no peto. Aquel foco, á altura do ano 1947, era un luxo; confésoo! Trouxérallo a meu pai seu irmán Manuel, que se fixera electricista na Habana, pero as pilas, daquela, había que encargalas a Lugo pois en Castroverde aínda vivíamos lonxe da tecnoloxía.

Pechou a noite, unha noite só alumada, de cando en vez, polos lóstregos, e pechoume a min á altura da Poza do Barro, subindo á serra do Pradairo, esa que separa Montecubeiro do Val, ou á viceversa, segundo se prefira, así que naquel intre dinlle ao interruptor do foco para distinguir, xa na Camposa, o cruce de camiños, aínda que con pouca efectividade pois había, naquel punto, naquel cume da serra, unha auténtica estrela de rodeiros dos carros que subiran á serra para cargar toxos e estrumes. Naquel Criarse, vivir é unha gozada (14) punto, que hoxe son pistas, confluían os camiños de Catatrigo, da Pradeda, dos Vilares, da Vacariza, de Vilabade, de Nabeda, de Teixeda, o do propio Miradoiro…, ¡amén dos que ían aos vedros, ás cavadas anuais!

No intre de acende-la miña lanterna, ¡miña por doazón, xenerosa por prematura, pois tampouco lle sobraba a meu pai!, nin que fose unha sinal que eu tivese convida cos lobos: ¡deron en ouvear! O primeiro deles, que o tiven por chamada masculina, soou da parte do camiño por onde eu tiña que ir; a contestación foi inmediata, e procedía do outro lado do Val, aproximadamente do monte de Rairos. Aqueles ouveos non me sorprenderon pois era Nadal; estabamos achegándonos a Xaneiro, que é o mes nupcial dos lobos, porén aqueles debían ser rapaces, uns rapaces namoradiños pois comezaban a mocear con certa antelación.

A todo isto quen se deu por invitado ao sarao foi o diabro, que me berrou á orella: -¡Volve para atrás, rapaciño, que a noite está de lobos, e ben que che insistiron, tanto os de Domínguez coma os do Pequeno, que te quedases a cear con eles, e que deixases a ida ao teu Bergland para o día seguinte. ¡Xa ves que a noite preséntase boa...; boa para os lobos!

Esta foi a tentación, non o vou negar, pero deseguida se me achegou o anxo gardián para dicirme:

-O teu patrón tamén tivo dificultades para atopar o Camiño de Belén, pero, como estaba escrito… (E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá, de ti vai saír un que será o soberano de Israel… Miqueas, 5, 1)… como estaba escrito había que cumprir as Escrituras! Pois ti, Xosé María, fillo doutro Xosé María, e este, doutro anterior, pasando polo señor Domingo, teu bisavó, ¡unha familia santificada!, de ti agárdase unha imitación; e logo que o teu Belén chámase Bergland, ¡terras de montaña!, que soa parecido; alí espérate túa madriña, que coñece ben esta serra, e coidará que, se non chegas, é que che saíu o lobo, e pasará a noite nun tremor, rezando por ti; polo que fai ao resto da familia terante por un descastado, por un comodón, que te esqueces dos teus na noite familiar, nesa cea que, como de costume, bendiciraa teu pai, invocando a familia do voso patrocinio, aquela de Belén…

Obedecín ao anxo, por suposto, pero esquecinme de pedirlle que me encamiñase con dereitura. Andei e andei, coa néboa por capote, ata decatarme de que estaba subindo…, subindo ao Miradoiro, que agora sei que son 1029 m. sobre o nivel do mar! Achantei as zoquiñas, mais por pouco tempo pois, de mareado, din en xirar, aínda que só me serviu para facer de cataventos pois naquel punto tódolos ventos viraban. Os lobos cadora se oían máis lonxe, pero…? ¡Xa non eran de lobos os últimos ouveos que oín, senón, e máis ben, ladridos de can!

-¡Deus, estou salvado, pois, onde cans ladran, casarías hai!

Quitei a pucha para escoitar con máis atención, poñéndoa de antena lateral, xiratoria, para mellor orientarme, e coa mesma botei a correr en busca daqueles cans, verdadeiro faro no piago da montaña. Os toxos eran altos, entre medio e un metro, calculo, e logo que tiñan espiñas aceiradas, nada menos que as agullas da lá, pero corría presa achegarme ao casal, non fose ocorrer que o diabro, ¡o diabro ou o amo!, lles mandase calar, ou os metese dentro, tal que nunha palleira, ou nunha corte... Os camiños desapareceran, así que fun en liña directa a onde ladraban aqueles cans..., aqueles salvadores! ¡Era Teixeda, casualmente no camiño real de San Cibrao! Os cans estaban en dúas eiras, en dúas veciñanzas, e debía ser que cheiraran ao lobo, e mandábanlle apartarse do poboado; se non fose polo medo, non aos cans senón aos veciños, houbéseme achegado de boa gana aos canis lupus familiaris para darlles un bico e unha aperta, de agradecemento, pero..., o dito!

Teño pasado Noites Boas inesquecibles; ¡boas, boas; e ningunha sen parentes de par miña, pero, aquela...! Aquela foi a más dramática da miña vida, que aínda conservo as cicatrices daqueles toxos nas miñas canelas; porén, a mellor de todas, unha gozada! Aquel que non viviu situacións apuradas, ou incluso dramáticas, que non presuma de que gozou: ¡Os goces saben mellor cando os preceden as bágoas!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES