Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (13)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 09 de octubre de 2026
Ora et labora, foi a consigna, a herdanza que recibín daqueles dominicos do convento de Montecubeiro a través, por mediación, dos meus entregos. Criarse, vivir é unha gozada (13) ¡Deu-los bendiga! Lémbrome perfectamente que ma ensinou meu pai aquel día de defuntos no que pasamos a reitoral da parroquia, antigo convento, para encargarlle ao señor Cura, D. Benito Castro Piñeira, uns responsos polas obrigas da casa de Gómez de Bergland. Desde aquel día apropieime do lema, ou sería mellor dicir que tratei de seguilo; e como é inalterable, sen posible caducidade, aquí o deixo, para os meus fillos, e destes, para os netos.

Nisto mesmo estaba pensando cando me tiraron esta fotografía no meu primeiro día de traballo bancario; dixéronme que iso de retratar aos novatos era a novatada, un costume que tiña aquel Pedrola do departamento de Persoal do Banco Exterior de España, onde me sentaron…, ¿ou debera dicir, onde me asentaron? Xa pasara por unhas poucas: zoqueiro, mestre de a ferrado, na aldea; e logo, tres anos, desde os 18, como mecanógrafo no Consejo Supremo de Justicia Militar, oposicións…, e por último, ¡listeiro!, pasar lista e control de todo o persoal da casa, retrasos, vacacións, xustificación de ausencias, etcétera. En definitiva, o acusica da Casa Central.

Naquela mesa só me faltou unha cousa: un letreiro co lema dominicano; pero non foi preciso pois, o que ben se aprende nunca se esquece, e vindo dos pais, menos aínda.

¡Ora et labora, bendita consigna, orde inesquecible! Iso, orde, pois como tal debemos levala na memoria cerebral, e xa que logo, pasala á memoria do ordenador, por se alguén aínda non a coñece. Así como os Mandamentos se encerran en dous, amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, a nosa vida pública tamén debe concretarse nestoutros dous, pois, ao meu entender, nisto cabe e se concreta toda posible exemplaridade. ¡Pero que listos, e que santos, aqueles dominicos! Con tal herdanza, eu ata lles perdoaría que exercesen aquel privilexio da prima noctis, se é que o utilizaron no meu Montecubeiro, pois honra, que non deshonra, sería proceder de tales homes!

¡Ora et labora, compendio de virtudes, pero, lamentablemente, un tanto demodé a estas alturas do XXI!
-.-

Volvamos aos nenos, que tódalas pedras son poucas para darlles unha boa cimentación. ¡Canto meirande desexemos a torre, máis pedras angulares precisaremos! Ese/esa é de boa madeira…, dicimos do rapaz/da rapaza que vén de boa familia, dunha caste sen antecedentes penais (no criterio social), pero tamén hai excepcións, florecementos excepcionais, ¡afortunadamente!

Lábor improbus omnia vincit, que o traballo obstinado, persistente, vence tódalas dificultades, foi o que nos dixo Virxilio, un tanto optimista me temo, nas súas “Geórgicas”. Meu admirado Virxilio, se vivises hoxe en día igual non serías tan rotundo porque as dificultades aumentaron, e máxime neste mundo contaxioso das globalizacións no que as epidemias, os contaxios, viaxan con tanta ou máis velocidade do que a luz. Por iso, precisamente por iso, o traballo educacional, a pedagoxía, e coa pedagoxía a didáctica, requiren, esixen, hoxe en día, un perfeccionamento constante e incansable. Traer fillos ao mundo, en particular ao mundo occidental, fíxose complicado, dunha responsabilidade monumental, mais para iso nos prepararon e nos preparamos, cadora cun afán e cuns medios meirandes. Se non estamos capacitados para esa misión, para esa función, metámonos a frades, que hoxe por hoxe están libres dese servizo, desa función!

Entre a educación e maila manutención, certo é que a tarefa é inxente, pero tamén nos aterra observar que os pobos, as civilizacións máis retrógradas, danse á proliferación sen taxa nin medida, co cal, ¡algo que adoita pasar desapercibido!, de ser invasores os civilizados, os protectores, en parte polo noso modus vivendi acomodaticio, imos caendo nunha inmigración galopante, infiltrada, que pode traer consecuencias históricas trepidantes…, se nos colle desprevidos! En particular o Sur, co seu machismo, coa utilización da muller como traballadora e como incubadora, ad infinitum, sen dó das miserias que lle agarden a unha prole incontrolada, está desenrolando unha invasión sutil e imparable, para a que só hai dous remedios, un noso, e outro deles: O noso consiste en tratalos como irmáns, en darlles bo exemplo, pero vixialos e prohibirlles as extralimitacións. Se queren xogar connosco, encantados, pero todos coas mesmas regras, ou rompemos a baralla! Nunha palabra: Non retornalos a Covadonga, que xa o fixo don Hermenexildo, e así llo pagaron! A outra depende máis ben da Providencia: Que as súas mulleres se decaten da utilización abusiva de que están sendo obxecto, e que, a imitación das occidentais, defendan os seus clítoris e dean en poñerse calzóns por riba das bragas. Isto último é bastante probable pois, a máis abuso, máis rebeldía.

De boa madeira… Pouca e mala é a que dan as árbores que se crían tortas, sen esteos, sen rodrigas. As árbores tortas soen acabar no lume, vulgo, cárcere, penal, pero, ¿que lexislación se encarga de punir aos causantes, que pais van á cadea por desatender as súas obrigas formativas? ¡Isto é un fallo; un fallo ao que, de momento, só podemos aplicar unha desaprobación, un repudio social!
-.-

¡Gozoso coma un neno! , dicimos os grandes, pola envexa que lles temos, aínda que, de cativos, tal goce non tivésemos; en todo caso, a culpa, daquela, non foi nosa, dos nenos, senón deles, dos grandes en tamaño, que non sempre en dignidade!

Se chora o neno ao nacer é polo a gustiño que estaba con súa nai, e logo que aló dentro xa oen dicir aos pesimistas que este mundo é un val de bágoas; daquela asústanse, pero pásalles pronto se son ben recibidos, ben tratados!

O neno goza ao ir comprobando, en si mesmo, que trae forzas e ánimos para superarse, día a día; para ir vencendo aqueles temores íntimos; para competir, comezando por facelo consigo mesmo. É certo que non se libra doadamente de malas ideas, de malas inclinacións, pero no propio madurar estará o seu gozar.

Falo por propia experiencia: a min, xa desde a primeira das miñas primaveras, gustáronme as flores, en particular as rosas daquelas roseiras de xunto do colmear, pero, máis aínda cás rosas, gustábanme as meixelas rosadas de cantas rapaciñas, veciñas ou non, pasaban por cerca de min, ollásenme ou non. Gustábanme dúas cousas: as meixelas, moito, pero tamén o seu andar cimbrante. ¿Sería porque ían en zocas, e por ese atractivo din en facérllelas tempo adiante? Nenos e nenas atráense, que sempre foi así, desde a caneta; coma polo opostos, non, non exactamente: ¡complementarios, que iso son, somos! Está nas leis da Natureza, pero tamén o está que os paxariños non poñan os ovos antes de face-lo niño, antes de afianzar o seu porvir; ¡aprendamos deles a conternos, que tamén chegará a nosa primavera: traballo, casoiro, fogar…!

Cando non está a gusto consigo mesmo, acaso por algo que desexa e non dá acadado, o neno resolve, ou pretende resolver, a situación, cunha perrencha, que ata poden ser agresivas, sendo neses intres cando máis precisa amor, un amor de titoría pero tamén de corrección para que se decate de que os gruñidos non resolven as situacións, que hai medios pacíficos para todo, aínda que se tarde en descubrilos. Estas perrenchas non anulan os goces, pois, unha vez vencidas aumentan a nosa seguridade, a seguridade de que tódolos contratempos, ou polo menos boa parte deles, son vencibles, superables. Algo así pasa coas leccións, que non se dominan coas mans senón cos cóbados.
-.-

Criarse, vivir é unha gozada (13) Impresionado polas animaladas dese asasino de Toulouse, ese tal Mohamed Merah, véuseme á imaxinación este debuxo do noso paisano Regueiro no que tan ben captou os efectos dun siroco. ¡Pero máis asirocado có Merah, imposible, e iso que non se criou no Sáhara!

Segundo o mito, debémoslle a Epimeteo que, namorado perdidamente de Pandora, tivese a malsá curiosidade de abrirlle a caixa da súa dote…, disparándoselle os ventos! E menos mal que lles quedou dentro o único positivo, a Esperanza! Con tales asirocados cabalgando nos seus cabalos mouros logo dan ganas de esconderse en Teixeda, ou máis arriba, aínda que sexa entre os toxos…, para fuxir das traxedias inherentes! Cando dabamos ao mundo occidental por sosegado e ilustrado, de cando en vez desbócanse os cabalos da intolerancia, do fanatismo, e dan que sentir.

¿Que podemos facer? ¡Só hai un remedio, ter fillos, coa esperanza de que algún deles se librará da tolemia, e amansará nos outros, que por engado adoitan ser os máis prolíficos! Nisto, precisamente nisto, está o talón de Aquiles da vulnerabilidade europea: Cando a prosperidade deste continente, e con ela a salubridade da súa xente, propiciou unha prole desbordante, e por ende, emigrante, mandante, mangoneona, a inmediata foi poñerse a navegar, a invadir, a explotar…, pero aqueles invadidos, pouco a pouco, coa salubridade recibida, aportada, deron en multiplicarse…, mentres os invasores se desangraban en guerras interiores, intestinas. ¡De colonizadores, a colonizados, pois incluso lles perforamos os pozos petrolíferos! Rexeitados, desbotados, os europeos tornaron para a casa matriz, onde: Estiñaron as súas feridas, e volveron a prosperar; déronlles cultura e traballo ás mulleres, e estas, entre que non podían, e que tampouco querían molestias, puxéronse a trebellar, pero, ¡para a feira! De paso, a prosperidade e maila mecánica trouxeron consigo o desafecto polas manualidades; daquela, con iso, e tamén por causa diso, abriron, abrimos, as fronteiras, pagándolles incluso a viaxe aos resentidos, aos fanáticos, que xa estaba ben de que as invasións as fixesen os bárbaros do Norte! ¡É o péndulo de Faucault, e quen non perciba estas oscilacións da Historia será que está cego, aínda que abra os ollos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES