Hai nenos aos que se lles fai o mundo cativeiro, e outros que non dan/ou non o damos abarcado, con todo estar contido nunha simple esfera. Lémbrome de cando empecei a ter memoria que meu avó, o paterno, que o tiñan polo máis intelixente do lugar, ("Listo" chamábanlle a un veciño, así que o avó sempre aclaraba que non era igual ser listo que ser intelixente, pois os "listos" son ególatras, mentres os intelixentes lle dan preferencia á salvación da alma), dicía: Este neno é un elemento de coidado, e teredes que saber crialo
, baixo perigo de que se volva un Quevedo
, que nunca se está quedo, e coa lingua, menos! Referíndose a unha nena do mesmo lugar, dicía dela: ¡Como Deu-la crie vai dar que sentir, que se lle van os ollos tras dos rapaces!
Nada, que fallou nas súas profecías: O "Listo" matouse a traballar, obrigando aos fillos a imitalo, cousa que lles repugnaba; tanto, que ata penso que acabaron odiándoo. Tan pronto lles morreu, optaron polos negocios especulativos, iso de aproveitarse da suor dos de enfronte, máis que da súa propia, e ámbolos dous fixéronse ricos á forza de especular co traballo dos outros.
A nena "que ía dar que sentir", tanto moceou e tanto escolleu que acabou na soidade, na soidade dun convento de clausura!
A min, que ía para "elemento", falloume a química cando descubrín que os elementos eran cento e pico, así que tódolos meus trunfos se centraron en pasar de zoqueiro a bancario! Libreime dos elementos químicos, pero pasei a vida entre os outros, entre os fiduciarios, máis encadeado que unha molécula!
O futuro dun neno non está escrito, ninguén llo pode escribir ou predicir pois incúmbelle a el mesmo facelo, xeralo; os demais só lle podemos aportar pluma e tinteiro, ¡que non é pouco! Pluma suave, instruíndo nel con suavidade, con agarimo, á vez que lle abrimos as ventás do saber para que non se lle seque a tinta, para abrandarlla con bos consellos. Hai que dicirlle: Aí tes o mundo, cos seus pros e coas súas contras; se queres ser feliz, se o queres gozar, comeza por analizar, por formar a túa conciencia, a propia, e deixa en paz a dos outros, que xa houbo unha Inquisición e os resultados á vista están. ¡Prepárate para predicar co exemplo, que é a mellor oratoria neste mundo de xordos!
-.-
¡Agora, si! Agora, desaparecida a palmeta, relegada ao Museo da Pedagoxía, xa se pode ir á escola en paz e graza de Deus.

¡Unha gozada, outra, pero custou vinte séculos lograla! De paso, tamén se borrou dos encerados aquela consigna terrorífica de que, A letra, con sangue entra. ¡Animais! Nós; os outros, non.
(Para os do século XXI: Coa palmeta había que dar na man esquerda, en particular aos que escribían, para non entorpecerlles a destra; e logo que estaba prohibido pasar dos dous palmetazos, por pelma que fose o alumno; ¡menos mal!).
¿Vedes como é unha gozada vivir? ¡Si, claro, desde que se aprende: vinte séculos de aprendizaxe, pero, valeu a pena! Nestes vinte, as máis torpes foron as mulleres, que moito tardaron en vestirse polos pés, en acudir á Universidade, en votar nos comicios
, pero a culpa foi delas, polo ben que cociñaban! Tan pronto deixaron de facelo, ¡todos iguais, en todo!
A gozada está na escola mixta, ¡outro adianto do XX!, pois os rapaces aprenden a ser iguais entre si, coa única excepción do fisiolóxico, obviamente. E logo que iso ten a vantaxe de que, de paso que aprenden as letras, as letras e mailos números, aprenden a convivir, sinatura de gran importancia para cando se decidan matrimoniar. Na mixta, os nenos fanse menos brutos, e as nenas menos melindreiras. ¡Gañamos todos!
-.-
Iso de que, personalidade é todo aquel / aquela que fixo un fillo, ou plantou unha árbore, ou escribiu un libro
, non me serve, por incompleto; ¡por inexacto, non, por incompleto! Acádase, e sucesivamente, afírmase, a personalidade, nos tempos presentes, coa escola, na escola, sempre e cando sexamos escolares vitalicios, entendendo por escola non un mero local senón a osmose receptivo / expresiva da que está dotado o ser civilizado.
O saber non ocupa lugar, dándose o casual de que o noso cerebro, calquera que sexa a forma da súa caixa, braquicéfala, dolicocéfala, ou mesocéfala, é a única despensa que conserva sen conxelar, con cabida practicamente ilimitada, pois, se algo retiramos, ou esquecemos, outra remesa entra, e cadora maior
, ata a mesmísima senectude! Quen o ten baleiro é porque quere pois provedores sobran, sexa no local da escola ou fora del; porén hai algo que non podemos, que non debemos, esquecer: ¡criba-los aprenderes, non mesturar o trigo co xoio se queremos gozar de boa fariña!
Vén de vello o dito de que, O saber non ocupa lugar, así que non se me atribúa o mérito de lembralo aquí. Nin ocupa lugar, nin podemos alegar falta de tempo. Co tempo que lle dedicamos a iso de mata-lo tempo, sóbranos para chegar a sabios! ¿E se non temos papeis? Se algo sobra nos tempos actuais son papeis, papeis que tiramos ao lixo sen ler; e logo que non todo consiste en ler senón, e tamén, en oír, ver
, e calar! O de calar hai que entendelo, pois neste caso refírese a que se debe calar no entanto non teñamos dixerida a información, ou o que é igual, non rebater ata despois de bater, ata despois de amasar, de amasar e de cocer, a nosa fariña, o noso saber!
¡Cantos coñecementos se levou consigo á cova ese home / esa muller!, tamén adoita dicirse. Tampouco é exacto, polo menos non sempre, pois o ser comunicativo, aquel que non é avaro do seu saber, pasa a vida sementando, predicando, dando trigo! Poderemos dicir que pouco ou nada estiven ao seu lado, ou lin nos seus papeis, para impregnarme dos seus saberes, pero, o dito, ninguén pasa pola vida sen deixar herdanza!
O neno, na escola, xa desde a escola, compite; e toda competición é estimulante, fornecedora. Pero o mestre debe encarreirar esas competicións para que non pasen de estimulantes a destrutivas, pois todos sabemos que na escola tanto se fan amigos como inimigos; os celos escolares, as envexas escolares, son o principal xerme dos falsos amigos.
-.-
A Julia Minguillón moito a teñen felicitado polo ben que pintaba, ¡cónstame!, pero
, ¿quen felicitou á

Doloriñas polo ben que ensinaba? O ensino adoita ser desagradecido, pero aí está o seu mérito, a súa virtude, porque non ensoberbia, pasa desapercibido!
Satisfacción, que non soberbia por suposto, a miña, xa que fun mestre, aínda que de minúsculas, dos últimos de "a ferrado", compatibilizando co meu oficio inicial de zoqueiro. Como mestre, primeiro en Santa María de Piñeiro, e despois en Santa Mariña de Librán, ensinei pouco pero aprendín moito: ¡Aprendín, cos alumnos, a ser alumno! E de zoqueiro, con aquelas zoquiñas que vendía na feira de Castroverde, fixen de médico, evitando catarros, que é a mellor forma de curalos. Sen probar eses dous oficios, os meus goces quedarían minguados; ¡iso che teño que agradecer, Señor, iso tamén, pois, quen non goza no pouco, o moito satúrao!
Por aqueles anos o Cura de Prevesos fixo un santo cunha navalla; eu, parecido: ensinei a ler sen título, e fixen zocas para os peíños das miñas veciñas; ¿caben mestrías meirandes? Señor Cura de Prevesos, eu ganeille a vostede, que pasei desapercibido! Máis é, que aínda que me tentase o diabro para presumir diso, non podo, que ninguén mo cre!
Máis ou menos así eran estas escoliñas, confundíndose, mesturándose, os párvulos cos mozos licenciados do servizo militar, e tamén coas rapazas casadeiras, pois con todo ser pouco o ferrado, non sempre se tiña dispoñible; o ferrado, ou o seu importe. Mais foron a pedra angular do edificio cultural: do ferrado á Normal, e desta, á Facultade, en menos dun século. ¡Non estivo mal, ou si? A pena é que se van os vellos sen deixar museos etnográficos, así que, sen pizarras de man á vista, ou ábacos - contadores de boliñas, quen vai convencer a estes rapaces do XXI de que os ordenadores veñen de seus pais e non de seus avós?
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.