Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 07 de octubre de 2026
Ninguén morre sen deixar herdanza. ¡E débedas, tamén; polo menos de gratitude cos que nos deron a man, Criarse, vivir é unha gozada (11) cos que nos aconsellaron con prudencia, esa virtude tan escasa, incluso entre os que se dan de amigos! Non hai terra baldía, pois ata as rochas producen fungos; nin vida estéril, xa que, quen máis quen menos, algo fai, algo fixo, algo deixa. O dilema está na calidade dos feitos, dos froitos, que van desde o trigo ao orxo.

Ego sum = +- A +- B +- C +- ... ¡Un polinomio! Un polinomio, si, pois todo e ben non o fai ninguén; daquela, cando a resultante é positiva, dereitos ao Ceo!

Virxilio dixo: Félix qui potuit rérum cognóscere causas. Feliz o que puido coñecer as causas das cousas. E Sócrates, "A felicidade faina un mesmo, coa boa conduta". Ergo, todos somos fabricantes, inventores; por tempos, ventos ou tempestades. Faltoulles unha ampliación: ¡Non só a nosa, a propia, senón, e tamén, a do próximo circundante! Co vento, respiramos, límpase a atmosfera; as tempestades convértense en riadas, erosionan as mellores terras. ¡Está claro: os goces vitais veñen da nosa conduta, da propia! Daquela, infelicidade será o contrario, non si?

Cada acto, cada decisión, vén a ser coma os módulos que engarzan aos átomos para formar células; e as células, á súa vez, fan os acios vivenciais. ¡Deus, a de derivadas que pode ter un simple acto dun simple mortal! Menos mal que Deus ten connosco a bondade da miopía, que só vemos a dous pasos, pois se chegásemos a ver, a contemplar, a sopesar, a transcendencia que montamos con unha malicia das nosas, das habituais, o dano, a repercusión, a interferencia que podemos causar con unha picardía, unha de dúas: ou darnos por imperdoables, ou volver correndo a dicir digo onde antes dixéramos Diego! As células malas avinagran as contiguas; as boas multiplican os goces, e cos goces, os gozantes.

No exame final, no da sega, cando nos dean a nota, seguro que nos deixan ver as correccións que cabían nos nosos actos, pois, de non ser así, igual nos parecerán inxustas as sentenzas. Se non fose porque Deus ten archi demostrada a súa paternidade bondadosa, ¡ira de Deus, que sería se lésemos a Montalbán, se nos xulgase alguén da catadura de Satán!

Na confesión pídesenos un "propósito da emenda"… ¡Menos mal que é só un propósito, un desexo de emendar no posible, pois fixemos tantas cousas que non admiten emenda, que non teñen volta atrás! Disto hai que deducir que a precipitación no actuar é de seu perigosa: Digamos e fagamos con lentitude, a ser posible despois dunha noite de reflexión, que non hai mellor conselleiro que a almofada, que por algo é feminina!

Un gran non fai celeiro, pero axuda ao compañeiro. Un bo exemplo multiplica os seus efectos; ¡Deus sabe a cantos beneficia! Un mal exemplo, mutila. ¿A cantos? ¡Iso depende da gangrena circundante! ¿Daquela a vida é, ou non é, un polinomio? Sumamos e restamos, sen parar; e á final, cando nos pechen a escola, San Pedro diranos cal foi o saldo; ou San Pedro, ou nós mesmos, pois, de postos no Ceo, teremos luz, abonda, para visualizar o propio encerado, tódalas liñas do mesmo!

Na escola terreal temos dúas funcións, alumno e mestre, asemade. Aprendemos, pero tamén ensinamos. Se mal aprendemos, peor ensinaremos. Por iso é tan importante discernir o bo do malo, -insisto-, apropiarnos do bo e repudiar o malo.
-.-

Levarse ben coa Natureza tamén é unha virtude, unha virtude sumamente gozosa, pero disimulámola moito. Se é na aldea: ¡Que pouco axuda o tempo; cando será o día que teñamos o sol na porta e a auga na horta? Na cidade, sexa no ascensor, no portal, ou na beirarrúa: ¡Viches que tempo: no verán, paraugas; e agora, no inverno, que nunca fai día de saca-lo abrigo das peles, que mo vai estragar a couza, sempre no armario!

Deus faría ben en mandarnos outro diluvio universal, un de corenta días e corenta noites, para amolarnos por…, desagradecidos! Claro que iso non molestaría aos que teñen iates! Os do deserto, piden auga; os do polo, sol. ¡Pois o que non estea contento co seu país, no seu país, co seu clima, no seu clima, que emigre, a ver onde atopa outro mellor! Dicían os vellos: Comparados os bens cos males, tódalas terras son iguales; ¡e que razón tiñan, pois todas son boas desde que aprendemos a tirar delas os beneficios, os tesouros, que todas dan algo, e todas valen para algo. ¡Ata nos desertos hai preitos de propiedades pois debaixo das areas pode haber ouro, e tamén petróleo!

Este galego, que agora ten de profesión teclear, viviu no deserto, ¡dez anos! Cando se foi, levou un paraugas, e cando volveu, trouxo gafas de sol. ¿Para usalos? ¡Non, en lembranza! Só aborrecín os sirocos, que do demais…, ¡bendito sexa Deus! No deserto, a falta de nubes, estrelas; e na serra do Pradairo, cando non xea, neva. ¡co guapo que é retratarnos na neve, en coiros e boca abaixo!

Deus é un argalleiro, e como tal agasallounos con un millón de argalladas; temos xoguetes de todas clases, así que, non nos queixemos! ¿Que de vez en cando róldannos as enfermidades para enturbarnos a vista, e por ende os goces? As enfermidades tamén teñen algo de bo: Se son leves, serven para facernos meditar no ben que estamos de sans, no burros que somos se non gozamos coa saúde; e se dan en mortais, isto teñen de bo: ¡que nos pasan do bo ao mellor!
-.-

¿Como recibirán aos seus abortantes os anxos abortados; poderán perdoarlles, no xuízo final, que non os deixasen gozar dunha nacenza terreal? ¡Dies irae, dies irae!

Mors stupebit et Natura,
cum resurget creatura,
judicanti responsura.

A Morte e a Natureza
asombraranse
cando resucite a criatura.

¡… cando resucite a criatura xerada e non parida! Eu non dubido de que Deus os porá, daquela, de Fiscais deses delitos de lesa humanidade, e será cousa terrorífica ve-los lexisladores de tal perversión convertidos, eles mesmos, en abortos, abortados polos propios abortos, lanzados ao inferno por aquelas ánimas outrora ignoradas, desprezadas! ¡Dies irae, dies irae!

O home, e a muller nada menos, ben coñecen o xeito, ¡os xeitos!, de evitar a procreación, pero, de efectuada, asasinar…? Quen é capaz de asasinar un ser indefenso tamén o sería cos nados, de tornarse indefensos. ¡Mátanos porque non berran, porque se van ao calado! Pero eles están vivos, deixáronos nacer, cousa que, por outra parte, téñena esquecida. De momento os abortistas están vivos, e mortos os infelices, pero xa virán as tornas, xa virán os días..., ¡irae!

Os que se foron están revestidos de gloria, ¡con máis poder có lexislador causante, co permisivo!, pero, de momento, non axustarán contas, porque lles dixo Deus: Tranquilos, a gozar do Ceo xa que vos negaron a terra, que Aquí Arriba o Contable son eu, e daquela axustarei as contas cando faga balance, concretamente nese día, no irae!

Na outra banda, na dos que nacemos coa bendición dos pais respectivos, algo podemos facer: ¡Recordarlles aos lexisladores que se están metendo nunha guerra de antemán perdida!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES