Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (10)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 06 de octubre de 2026
A casa para a amada. Tizoc. Drama romántico, que en película foi interpretado por Pedro Infante Criarse, vivir é unha gozada (10) e por María Félix. (Do ano 1956). A súa ofrenda era construír, construír unha casa para a súa amada. Salvadas as infinitas distancias, isto é o que espera Deus de nosoutros: Que construamos, solidamente, con amor, o noso edificio, a nosa personalidade; cos materiais que nos vaia proporcionando a vida, pero, ¡sempre, sempre!, con un inmenso afán de superación.

De superación positiva, se entende, pois o que é costa abaixo báixase sen esforzo, a roulón. ¿Para quen? ¡Construíndo para nós, para Deus estamos construíndo! A nosa amada é a Igrexa, que nos recibiu co bautismo, no bautismo, da que participamos, e por tanto, compartimos. Se a nosa construción é sólida, tamén será bela, xa que belos son os materiais nela empregados. Solidez e beleza, espirituais, será o obsequio que de nós recibirá o noso próximo, pois, se nos construímos ben, se somos ben construídos, daremos exemplo, daremos estimulación.

A vida é, debe ser, unha construción ininterrompida: ¡desde a caneta! Así, cando Deus a dea por acabada, ao recibirnos recibe a nosa edificación. ¡Daquela emitirá o seu Certificado: se fomos exemplares, daranos o seu aprobado! ¡Se fomos útiles, útiles nos declarará para o Servizo Celeste! ¡De ser vagos, ata pode ocorrer que nos negue o descanso eterno, xa que o levamos trocado, adiantado, pola molicie térrea!

Daquela, ¿a que esperamos? ¡Veña, a construír, a construír en positivo, sen desánimo, e con agrado, que ese é o mandato do noso Xefe, do Supremo; se o facemos ben, superando desalentos, a Certificación de Obra será inexorable: Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver"… Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes pequenos, deixastes de mo facer a min. Eses tales irán ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna". ¿Á vida eterna? ¡Pois si, exactamente iso: Da nosa chabola, directamente, ao Gran Pazo do Gran Arquitecto, que prometeu compartilo con nós…, pero a cambio de que, aquí abaixo, compartamos co próximo, tal e como se o fixésemos co propio Xesús!
-.-

¿Mentres os nenos divagan, os grandes, que? ¡O propio deles: vagar, errabundear! Os grandes, ou tidos por tales, tiveron, tivemos, unha reválida consistente en pasar do calzón curto ao bombacho, e deste, ao largo. Pero iso foi…, ¡in illo tempore! Os grandes de hoxe teñen a súa transición, a súa iniciación, no botellón; ¡máis que na barbeira, que non todos a usan!

¿Iso do botellón que é, vivir ou beber? Se é beber, cae fóra do noso tema, pois aquí fálase, trátase, de vivir, ou máis exactamente, de saber vivir; a cousa do botellón, en todo caso, é un vivir falso, escuro, adulterado; unha anestesia dos rapaces que non se atreven a vivir a vida á luz do sol, de día. A noite fíxose para durmir, para recuperar esa enerxía que nos esixe, e nos consume, o vivir normal, cotián. ¿Non será que os rapaces de hoxe en día, en vista de que as mulleres tamén deron en vestirse por abaixo, non se atreven a declararse, e optan por facelo borrachos, de noite? ¡Nese caso é que aínda non valen para casar: andan a gatas, e menos mal que non o fan polos tellados!

Co botellón, as drogas, menciñas de covardes! O mellor dos estímulos está na suor diúrna: botar, excrementar as intoxicacións, e non inxerilas. Así ocorre que aqueles que máis presumen de entende-la vida, de darse á boa vida, son precisamente os que a enlodan, os que a encobren, ignorando, ou querendo ignorar, que nin os toxos viven á sombra!

Pola contra, a gozada de madrugar para traballar non ten parangón no mundo civilizado. ¿Que non hai onde traballar? ¡E como o vai haber, se o terreo dispoñible está cagado por eses cagóns que todo o cagan, de abaixo arriba, incluíndo o sacrosanto nome de Deus! Certamente escasea, o traballo, pois, inmundicias á parte, canto menos traballemos máis campo teremos a monte, improdutivo. Dicía aquel caseiro do Brais de Bergland, un tal Isidro, ¡un filósofo do rural, o home máis observador e máis ocorrente de cantos levo coñecidos!, referíndose ás peripecias dos vagos e dos perversos: "¡Meus pobres, canto teñen que traballar, e precisamente por iso, por non querer traballar!".

¿O traballo é unha maldición, ten algo que ver coa expulsión paradisíaca? ¡En absoluto! O traballo é unha bendición, pero non abarca aos que viven, ou pretenden vivir, coa suor dos de enfronte! A suor propia, limpa; pero o que intente lavarse coa suor allea, ese tal non só enxurra o corpo senón que soterra a alma na lama eterna da cova dos ladróns, ese antro que ten entrada pero carece de saída. Deus autorizounos para pedirlle "o noso pan de cada día", pero en canto ao traballo temos que conseguilo por nós mesmos, que por algo nos deu a liberdade de querelo ou aborrecelo, e despois, que nos ateñamos ás consecuencias!
-.-

¡Moito predicar e pouco trigo, é o noso problema, o máis complexo de todos! Os meus, moitos, dilatados e intensos, anos de convivencia cos novos nestorianos, cos admiradores daquel Sergius, daquel ¿monxe? Bahira, convencéronme de que fallamos ostensiblemente na nosa exemplaridade. Debo esta observación, esta experiencia, en particular ao P. franciscano, Santiago Uberuaga, natural do Bierzo e párroco na igrexa de Santa Cruz de Ifni polos anos Cincuenta: Pasmoume observar que non había neno musulmán que non lle bicase o cordón, que non o seguise a todas partes, e que non pechasen a boca mentres Uberuaga lles falase. ¿Vían nel un Profeta, outro? ¡O que vían era un Santo, un cristián exemplar, afectuoso, comprensivo, e por encima de todo, sinxelo, nas antípodas da militarada que acudía ás súas Misas!

Moito ritual e pouca exemplaridade: ¡Esta é a roupaxe da nosa soberbia de sabernos en posesión da verdade evanxélica! ¿Vinte séculos de cristianismo e aínda estamos así, rodeados de incrédulos? ¡Os primeiros incrédulos somos nós, nós mesmos, que non lle cremos a Cristo o seu mandato de predicar co exemplo! Ou si llo cremos, pero do revés, que por iso predicamos co mal exemplo! Chamámoslle Xefe ao xefe pero abrímoslles ás portas aos inimigos, de par en par; ¡iso, nin aquel Bellido Dolfos! Estámoslle demostrando ao propio Redentor, a Cristo, Deus e home verdadeiro, que non merecíamos, nin merecemos, o don do Bautismo. ¡Isto é terrible, estarrecedor!

Non vén día a este mundo que non teñamos novas dun escándalo, dunha desviación…, e con poucas trazas de ir a mellor! Vinte séculos…, e se cadra nin con outros vinte damos chegado á catolicidade absoluta, plena! ¡Deus nos ampare!

¿Como nos van crer cando lles dicimos que o noso camiño vén de Deus, e vai a Deus, directamente, e que os outros son simples carreiros; de igual meta, si, pero máis difíciles, con peor asfalto? Só teñen que ollarnos para os pés, e ao vernos enlodados, ben se decatan de que non sempre camiñamos pola autovía do Ceo. Chamámonos irmáns, pero apelidámonos Caín. Dámonos a man na igrexa, e nada máis traspasa-la porta, saímonos da Igrexa, da outra, da grande, da fraterna. Aqueles de Xerusalén tiñan os negocios na soleira do templo, pero nós xa os facemos dentro, no altar maior que sexa. ¡E despois escandalizámonos dos lategazos que lle dan os infieis á nosa relixión!

Claro que houbo santos, santos e santas, exemplares; houbo e segue habendo, pero son poucos, son elites, tendo, como temos, todos, absolutamente todos, a obriga de predicar co exemplo. Santo é aquel que predica co exemplo, co bo exemplo… ¡Xa; pero, onde están, ou é que son, de seu, invisibles? ¡Busquémolos…, para imitalos!
-.-

¿De onde vimos, e cara a onde imos? Entre as mil preguntas que se fan os nenos, unhas veces a si mesmos, outras aos pais ou achegados, e non tantas aos mestres por aquilo de terlles vergoña, ¡algúns!, seguro que está esta. As respostas poden sumar outro milleiro, segundo quen, como, e tamén a ocasión en que se contesten. Unha das máis sinxelas podería ser a seguinte: Vimos da Babel, aquel país da torre das discordias, e levamos anos de peregrinación, camiñando na súa procura!

Con isto dos medios de comunicación, de par dos de transporte, xa non quedan lugares ignotos aos que emigrar; nin lugares ignotos, nin razas puras, nin relixións de clausura, nin idiomas prístinos: ¡isto é un mix, vivimos mixtificados, estamos no retorno a Babel! O século XX foi unha cocteleira para a Humanidade; houbo de todo, e todo axitado: Caín resucitou, e os holocaustos xeneralizáronse. As colonias independizáronse…, para someterse aos seus propios tiranos, aos internos. O comercio globalizouse. E a mestizaxe fíxose galopante. ¿Quen queda que poda xactarse de sangue puro? ¡Nin os Reis…, se lles fixésemos un simple ADN! Pois no XXI peor aínda, porque a progresión está pasando da aritmética á xeometría…, exponencial!

Aínda non coñecín a ninguén que conceptuase aburrido o XX; acelerado, si. Polo que fai ao XXI…, viaxamos en foguetes, así que o retorno a Babel está próximo! Daquela, a este ritmo, se nos dá por elucubrar acerca de como será esta terra no XXII, coa metade da imaxinación de Verne chéganos, a sobrar: Non haberá roibos nin morenos, nin negros nin cobreados, que todos serán híbridos, coas sete cores do arcos iris. ¿Idioma? ¡Con tanta incorporación haberá que volver a expresarse coa mímica! ¿Relixión? A parte incómoda de todas e de cada unha delas, esquecerase, acantoarase, e para enunciar a Deus bastará con esgrimir o índice de calquera das mans, pois xa se está deixando aos nenos que utilicen a man que mellor se lles acomode. Vivirase e xoldarase de noite, e durmirase de día. Para non molestarse en cria-los nenos fabricaranse robots... ¿E que máis? ¡Non é previsible que haxa nada máis que facer, nin que dicir, pois, ao non haber xeracións, a torre volverá a desmocharse! Daquela será a ocasión para que os marcianos ocupen a terra, que nin precisarán invocar ese dereito da "terra nullius" porque ata os Rexistros da Propiedade desaparecerán!

(Despois de escritas estas reflexións apocalípticas estiven dubidando se borralas ou non, para non asustar aos nenos do XXI, pero, despois de moito matinar, cheguei á conclusión de que non é preciso: Nacen con tanta euforia que non hai cousa que os deteña!).
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES