Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (9)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 05 de octubre de 2026
Se collemos un parvuliño nado e criado no campo e o levamos á gran cidade para que se asombre vendo aos paxaros engaiolados, os touros lidados, e os cans encadeados, que? Criarse, vivir é unha gozada (9) ¡Pois iso, que se vai asombrar; tanto, que o deixaremos traumatizado, de por vida! Se para daquela tivese lido a Curros Enríquez, aló nos seus adentros tamén se escandalizaría: "¡Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve!". Metémolo nun bo dilema pois, de alí en diante, no máis fondo da súa alma tenra, impresionable, ou se pasa aos torturadores, se é débil de carácter, ou dá en aborrecer iso que chamamos civilización, cando a idea coa que se estaba criando era a da súa vida a un mundo evolucionado, que non en retrocesión. Se alguén lle di, O home ten que comer, daquela, el, no seu interior, aínda que non o exprese, o natural é que pense: Comer, si; matar animais para comer, si; martirizar para divertirse á costa dos seres vivos, non, nunca!

¿É unha gozada levarlle a contraria ao Deus das liberdades naturais? ¡Para os parvos, si! O goce natural, o perfecto, sempre está, e sempre estará, en aceptarlle a Deus a súa Creación tal e como a fixo, ao natural, valéndonos dos medios que puxo ao noso alcance para perfecciona-la vida, pero nunca para destruíla, para entorpecer a marcha natural das cousas. ¡Tiñamos un paraíso, e quixemos pasarlle diante ao Deus que o fixo! Neste aspecto do vivir cotián seguimos con Adán e con Eva: ¡Non hai historia, non hai pasado, pois seguimos nun presente perpetuo, o presente do home insatisfeito, insaciable!

Isto pasa, ou pode pasar, no exército dos malos, pero tamén existen os bos, e cos bos, os xenerosos. ¿Cal fronte eliximos? De equivocarnos, sempre estaremos en oportunidade de rompe-la fronte, de pasarnos ao outro bando; iso si, coa bandeira branca, coa lavada na pía dos arrepentimentos.

¿É tan difícil ser humano? ¡Que va; o difícil é ser malo, e máxime desde que sabemos, desde Adán, que no pecado vai a penitencia! Co molesto e desagradable que é obrar contra natura, e nin así!
-.-

¿Por que se murcha o sorriso dos parvuliños? Levo anos preguntándomo, observando as medras de cantos medraron ao meu redor; e tamén o teño comentado. Non faltou quen me dixese que iso era natural, unha simple evolución fisiolóxica. ¡Laranxas da China! O sorriso dos nenos apágao o medio; apágase co xeo dun entorno frívolo, irresponsable, tan universal, tan xeneralizado, que é imposible librarse desta contaminación.

¡Que se lle vai facer! Pois non, que algo podemos facer: ¡Prolongar o illamento, igual que lle cambiamos os cueiros, para mantelo limpo o máis posible, para facerlle agradable o entorno, para inmunizalo, ata onde nos sexa posible, fronte aos cheiros mundanos! ¿Envolvelo en celofán? ¡Tampouco é iso! Envolvelo nun cariño sincero para afiuzarlle a súa confianza nos brazos que o sosteñen; que cando perciba esas friaxes se refuxie nos íntimos, nos que nunca lle fallan, nos que nunca lle deben fallar. ¡Con abrazos afectuosos, vivir é unha gozada! ¿Abrazos, de quen? Ninguén dubida de que os abrazos parentais son os mellores; e complementados cos do próximo máis inmediato, un pracer infinito. Cando nos fallan os parentes, ditoso aquel que ten amigos, con tal de que sexan amigos-amigos!

¿Cales fallan antes? O natural é que a familia faga honor aos vínculos parentais, pero a experiencia tamén nos di que hai amigos insuperables, eses que enchen os baleiros familiares, e por veces, con menos egoísmo. Dos inimigos non falemos pois eses son puro negocio, séxase, a negación do ocio. ¡O problema está en distinguilos! ¿Cando se inventará un sistema, un mecanismo, que nos indique, a priori, cales son as persoas que se nos achegan con malas intencións, para que lles apliquemos un "detente", xa de lonxe, lonxe da lanza de Longinus, que se caracterizou precisamente por pinchar na agonía do Crucificado? A resposta non pode ser optimista; isto, non, pero hai que conformarse pois non se coñecen luces sen sombras neste mundo da materia.

Pecado horrible, de lesa humanidade, ¡non me cansarei de dicilo!, iso de amargarlle a vida a un neno, a calquera deles. E bendito aquel que lles ensina a gozar da vida, esa sinatura tan difícil, pero, posible! Non esquezamos –repito- que a vida é unha gozada, se sabemos gozala…, ou se nos deixan gozar dela!
-.-

Entre párvulos e primaria pasámo-la primavera da vida pois o bacharelato ten moito de estiaxe. Todo brota, todo comeza; e o sol non se priva de asistir á festa. De cando en vez pasa unha nube, pero vai alta, non nos asusta. Os paxariños asoman no seu niño, e os pequerrechos, no barrelo. As flores cheiran a gloria. As nais non se van sen bica-lo neno, sexa para a oficina ou para o campo labrego. O pai faino de lonxe, para non rascalo coas barbas. O diabro, entre tanto, foxe, atravesando as paredes, asustado da inocencia. ¡O Ceo volve a ser terra, e a terra, Ceo!

Se nos fose dado falar con un meniño, con calquera deles, de tu por tu, a conversa podía ser esta:

-¿Onde pasaches a noite?

-¿Que noite, se para min sempre é día? Mamá corre as cortinas para que non me moleste a luz da lúa, e para iso sempre o fai dicíndome: ¡Felices sonos, meu sol! Como ves, déixame co sol; e ti debes ser a lúa, a súa lúa, a súa lúa de mel, posto que contigo durme!

-Túa nai e mais eu, de tanto querernos, quixemos fundirnos nun só, e naciches ti, meu ben, que es o sol desta casa, desta familia, deste país…

-¿Así que veño do sol? ¿En definitiva, de quen son fillo: voso, ou do sol!

-Mentres sigas inocente, serás un sol; pero cando os soles perden brillo, tórnanse lúas. ¡Non o queira Deus!

-¿Daquela, non son un deus? ¡Pois tratádesme como tal!

-A verdade é que nós fixemos o experimento, a petición…, pero ti es unha criatura de Deus, así que, algo parecido ao Neno de Belén…, só que eu, aínda que me chame Xosé, non son aquel, aínda que me gustaría selo!

-Isto resúltame complexo, pero, se Deus así o quixo, ¿que outra me queda máis que estar agradecido!

Se neste punto vén a coidadora, daquela toca punto e á parte; ¡Deus faga que o final, o punto final, quede lonxe, para deixa-lo neno criado, estudado, colocado…, que é a meta de tódolos pais, nais incluídas, ou elas aínda máis!
-.-

¿Que pensa o neno? O neno non pensa, divaga; vaga coa imaxinación polos espazos etéreos, que os domina todos, e todos están ao seu dispor. ¡É o que ten que facer! As moscas confúndeas coas papoulas; o run-run dos autos coa música dos querubíns. Cando se cansa de divagar, recita, recita os seus poemas, os propios da súa idade: -Son unha criatura de Deus, que o dixo meu pai; daquela, Gloria in excelsis Deo!

Cando ten colexio, deletrea, pinta letras, eses debuxos que inventaron os adultos para comunicarse cos ausentes; ¡unha falacia, pois ausentes tamén son os presentes cando nin falando se entenden! O que máis lle gusta é o "o", porque pode ser redondo ou ovalado; se é redondo, representa ao sol; se oval, ao ovo desas tortillas que lle fai súa nai. ¿Por qué lles chamarán "francesas" –se pregunta o neno; -será para non facerse responsables dunha eliminación, dunha frustración ovípara?

De volta á casa, cando non durme, come; e cando non come, soña, imaxina. Un bo día púxose a contemplar as lámpadas do seu dormitorio, e matinou: -Ese sol que vai e vén, como pode saír, e volver a entrar, e volver a saír, no vidro das lámpadas, sen darlle a ningún picaporte, como se fai coas portas desta casa? As luces, o seu ir e vir, téñeno preocupado, e iso que descoñece a existencia das facturas!

A luz é a súa obsesión, seguramente a principal. Un día oíu como súa nai lle dicía por teléfono a unha amiga súa, ¡unha de tantas que ten, e tanto que lles fala por ese aparello que trae e leva os recados!

-Querida Luz, acabo de saber que deches á luz…, unha nena preciosa, e todo felizmente! ¡Os meus cordiais parabéns…! … Teño que pasar a verte, e de paso levarlle á criatura un detalliño, como símbolo da amizade que me une con súa nai…! … ¡Claro que levarei o meu mocoso, así que bo será que a fixeses guapa..., para apuntarte na listas das consogras potenciais!

Por timidez, que aínda conserva unha parte dela, o neno non preguntou, pero a súa cabeciña deu en xogar con aqueles conceptos: "dar á luz", "nena preciosa", "símbolo de amizade", "consogra"… ¡Estes adultos, que complicados son! E despois diso, que teñen tantos libros nos seus estantes… ¡Teñen libros, pero len periódicos! ¿Será porque os periódicos teñen máis santos, máis debuxos, máis fotos…? ¿Ou porque os periódicos non estorban na casa, que os pasan, inmediatamente, das mans á bulsa do lixo? O día que rompa a preguntar voume quedar seco, sen saliva…, ¡de tanto que terei que falar! Mentres tanto: Bla, bla… Son un neno que xa sabe falar…, pero teño tanto que dicir que me será mellor calar…, para descansar! En lugar diso, vou pensar, que fatiga menos!

Os pensamentos, canto máis inconexos máis lles agradan aos nenos; ¡pásalles coma aos poetas! Por certo, ¿que é un poeta? ¡Un poeta é un neno que non deixou de selo, dende o berce ao crematorio, tivese ou non matrimonio!

Este do barrelo non se cansa do seu bla, bla, nin de ollar cara á ventá, que incluso a increpa ordenándolle: -¡Ábrete, e deixa pasa-lo vento, que preciso amigos para xogar! Deixa entrar as auras, que me gustan as vibracións do seu falar. No colo das auras vou recitar o que me ensinaron na gardería, precisamente onte, onte á mañá: Mi mamá me mima, e meu pai abala con bríos a miña caneta…, para que me dispoña a durmir! ¡Pois non, non quero, que prefiro xogar! Que durma o meu anxo, que xa está ben de tanto vixiar! Anxo meu, ¿por que non chamas polos teus, por eses compañeiros alados aos que querubíns chamas, e daquela, entre todos, ao ser moitos, facemos un corro, e debuxamos letras no aire, que esas non se poden borrar, nin falta que fai, pois cando se cansan de estar xuntas, póñense a bailar: o "m" baila co "a", e cando coinciden dous pares, sae "mamá", que é o meu berro habitual!

A todo isto, veu a prosa, volveu a coidadora, ese elemento cotián:

-Meu anxo, esperta para vestirte, que é hora de erguerse para almorzar, e despois diso, á gardería voute levar...!

Aquel neno, coma todos, tiña un anxo gardián, e a maiores, por culpa do traballo de seus pais, unha coidadora, coma todas, anxelical! Ela estaba ensaiando para cando, co tempo, se chegase a casar, e por consecuencias, os seus criar! Igual era bo que tódalas noivas fixesen un cursiño de "coidadoras"..., previo ao seu casar!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES