Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 02 de octubre de 2026
A única equipaxe coa que vimos a este mundo é precisamente a bolsa dos talentos, as potencias da alma. Primeiro abrimos os ollos, ¡dannos á luz!, e aos poucos comezamos a gatear; ¡pésanos demasiado a cabeza, e desprázasenos o centro da nosa gravidade! Pero tan pronto conseguimos tomar posesión da terra, botamos a andar, a camiñar: Cos pés no chan, dominándoo, e os ollos erguidos ao Ceo, obedientes, atentos ás ordes do noso Creador. ¡Os talentos comezan a funcionar!

As potencias da alma, obviamente son da alma, pero adminístraas o corpo. Aquí teño unha dificultade expresiva: como a miña lingua forma parte deste corpo, e por tanto é ruda, inexpresiva, teño dificultades para expresar, para compartir o que entendo bastante ben; ¡é tan íntimo que non é transmisible, así que, cada quen debe poñerse en acto reflexivo se o quere entender por si mesmo, ditado polo propio entendemento. Se comezamos co amor, ¿houbo alguén capaz de explicalo? ¡Somos capaces de sentilo, si, todos, a feito, pero se nos poñemos a retratalo, nin xuntando tódolos poetas do parnaso! Niso xa se demostra, per se, que é algo baixado do Alto, divino, un don do propio Deus; por iso o odio, a contraposición, o seu antagonismo, o seu baleiro, é satánico. ¿Qué hai amores que fan sufrir? ¡Só se sufre de amores cando non se poden conseguir, cando os vemos inalcanzables! ¿Qué hai odios cos que estamos tan a gusto? ¡Tamén é certo, pero iso só pasa cando amamos demasiado o inalcanzable, cando nos sentimos frustrados, impotentes, e daquela traspasamos o amor ao odio, sublimando no noso caletre as decepcións! No fondo o odio é unha covardía, unha covardía atroz ao sentirnos incapaces de amar todo aquilo que é amable de seu, pero que o temos tan alto, ou o poñemos, que nos resulta inalcanzable!

Para San Xoán da Cruz as potencias da alma son tres, fundamentalmente: vontade, memoria e entendemento. O xerme delas nace co individuo, pero as tres son cultivables, mellorables en grado sumo; para iso hai que mandalas á escola, á nosa, á propia, esa que ten, de local, o corazón, e de profesor o entendemento. ¡Vaia confianza que puxo Deus en nós, en nós mesmos, que ata nos fixo profesores da propia intelixencia!

A vontade tamén se fabrica, tamén se cultiva. Anda cerca da bondade pois para o mal pouca vontade se precisa: chega con deixarse ir..., ao precipicio! De nados, o primeiro que mostramos é a vontade de vivir, que por iso mamamos, pero, pouco a pouco, segundo tomamos conciencia do noso existir, desenrolamos outras ansias, outros afáns: ¡fabricamos vontades, vontades e bondades, pois as maldades son espurias, non precisan fabricación, veñen á nosa imaxinación disfrazadas de goces, pero non son tales, senón as antípodas do goce. Os nosos vellos, onte mesmo, dicían aquilo de, “Hai que botarlle vontade á vida, que é dura de roer”. Foise perdendo o costume; xa non se oe iso. ¿Por qué será? ¡Ou é que a vida deixou de ser dura, cousa inexacta, ou é que nos cansamos de roela! Vivimos nun hedonismo atroz, un hedonismo que confunde os goces coa anestesia, do que temos que estar alerta..., para non caer na molicie, para non confundir os gozos cos baleiros, coas sombras! Cultivar a vontade require moita sacha, e pouco herbicida; require acción e non autosuxestión, autocompracencia; ¡ora et labora, en definitiva, que non chega con durmirse nos loureiros, por altos que nolos poñan! A persoa sen vontade, sen acción, non vive, vexeta!

Grazas á memoria utilizamos as experiencias, pero tampouco podemos durmirnos nisto xa que casos e situacións idénticas poucas veces se producen, se repiten. O fundamental da memoria, desde que veu Cristo, é ter presentes as ensinanzas do Mestre: ¡Díxoo todo, todo o necesario, e ademais, rubricouno, con unha tinta indeleble, co seu sangue, coa propia paixón..., voluntariamente aceptada! ¡Iso, voluntariamente aceptada, que aí está o mérito! Os sacrificios involuntarios, aínda que lles chamemos así, sacrificios, non son meritorios.

¿Do entendemento, que? ¡Canto máis matinemos máis entenderemos, así que cómpre espelirse, darlles aos miolos, que para algo están, e de non usalos, atrófianse! Por iso é tan importante facerse entender para que o neno aprenda, de nós, a discernir.

¿Discernir? ¿Distinguir o verdadeiro do falso? ¡Non sempre é doado, e para logralo, o primeiro é educar a conciencia, outra cousa difícil!

Discernir: comprender, entender, xulgar, aclarar, apreciar, distinguir... Antónimos do discernimento: confundir, embrollar, ignorar..., especialidades, todas elas, de Satanás e dos seus afillados.

Daquela, vivir é complicado? ¡En absoluto: o único que require é adestrarnos, comezando por renegar de Satanás e das súas picardías! Despois diso vén a victoria, gloria pura!
-.-

Criarse, vivir é unha gozada (8) ¡Párvulo, si, pero xa tocaba a gaita; e cando sopraba, soaba! Oirá dicir que a vida é un tango, e aquel que non a baila, un parvo! Como tal párvulo, os seus arredores estaban baleiros; ¡e menos mal que tiña quen o vestise, aínda que naquela ocasión non estaban á vista! Está no baleiro, si, pero naceu coa obriga de encher os baleiros, ¡que por algo se sentou nun cesto! Non é moi agradable o que ve, e por iso engurra o cello, pero, igual que ten folgos para darlle á gaita, Deus mediante tamén os terá para bailar ese tango, xa que tan vital é! Máis que a vida en si mesma, asústao esa máquina que lle puxeron enfronte; fotográfica lle chaman... ¡Serviu para decatarse de que naceu na era das máquinas, na do maquinismo, así que terá coidado, debe telo, para non acabar robotizado, feito unha máquina, outra! ¡Tanta máquina, tanta máquina...; non estaremos volvendo á traxedia grega, co seu resolutorio Deux est machina?

Segundo vai medrando, daralle por pensar...; ¿nacín con esta facultade, ou inculcáronma? A pouco que o pense, terao claro: ¡veu consigo, coa súa alma, pero bo será que abra os ollos, que deixe de engurralos, para mirar ao lonxe, pois, sen pensar, mal poderá decidir, elixir, e aprenderá que hai moito para gozar..., se aprende a escoller!

Con sandalias nos pés xa se pode andar, facer camiño; o seu propio, o seu, o seu camiño! A vida é camiño, e ninguén pode facelo por nós, pois, aínda que nos collan en brazos, camiño será! ¿Que hai no camiño? Ata o presente, só atopou amor, só lle deron amor; ¡debe ser lei de vida amar a Deus, e de paso, ao próximo por Deus! ¿Ao próximo, só ao próximo? ... ¿E logo, aquel que non estea cerca, ou se poña lonxe, ou non tan próximo, polos motivos que sexan? Algo nos di aló por dentro que, como parentes que somos, todos, sen excepción, con filiación divina, o distanciamento é máis ben óptico, pois a todos nos corresponde a mesma meta, aínda que fagamos o recorrido por camiños distintos, máis ou menos separados! ¿Que algún se extravía? ¡Sempre será responsabilidade súa, del, pero tamén dos que lle foron indicando direccións, orientacións erróneas! ¡Vaia se hai que pensar, de cabeza propia, aínda que só sexa para non deixarnos enganar!

No parvulario comeza o goce escolar. O goce, si, pero tamén, de cando en vez, algunha perrencha, sexa propia ou allea. Os maiores, ¡os maiores en idade, aínda que non sempre en dignidade e goberno!, adoitan dicir, Non as fagas, non as temas! Iso non é de todo exacto, pois o diabro, que sempre anda por tras dos cruceiros, tamén a ten tomada cos nenos..., que os asocia cos anxos! Algunha figuración, algún mal entendido, celos do ego infantil...; o que sexa, pois falsas motivacións non lle faltan a todo aquel que, equivocándose de camiño, goce coa camorra, sexa acendéndoa, provocándoa, ou atizando cada vez que ve ocasión de facer lume nos arredores. O mestre, a mestra, nestes casos, adoitan utilizar a balanza da xustiza, pero, como tamén é humana, non sempre acerta, así que hai que ter dó deles, dos nenos, ¡meus pobres!, que non todos naceron para Salomón. As trafulcas teñen de bo que nos ensinan a ser cautos, precavidos..., psicólogos en definitiva, pois é unha das sinaturas vitais, capitais; sen libro, pero aínda así das máis importantes esta de coñecer ás persoas; o que, en linguaxe vulgar, se define como, velas vir!

No parvulario non se dan notas específicas, concretas, pero é moito o que se aprende, o que se deduce, o que se entrevé. Un parvulario ben complementado con unha familia entregada ao neno, é a primeira e principal das universidades! ¡Que volo digo eu, o que aquí fai de retratista, pois neste momento, se non son un neno, neno me sento..., de tanto que lles quero! Tanto, que ben quixese retratar a súa inocencia para mostrárllela aos incrédulos, pero é tan branca, a súa inocencia, que o seu contraste resúltanos, aos retratistas afeccionados, moi difícil de captar!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES