No ano 1981, e con subvención da Asociación Cultural e Xuvenil Alborada do Colexio Público Nº1 de Foz, xorde a idea de elaborar un xigantesco mural dedicado á familia mariñeira da localidade, que se colocaría na parede do adro da igrexa parroquial.
Baixo a dirección do mestre do colexio, Berio Quiroga, os nenos dese centro escolar, son preparados para dar forma a esa gran obra.

Xosé Vizoso, debuxante da fábrica de porcelana de Sargadelos, faría o debuxo que logo se levaría a escala de 1.25 metros, ou sexa, vintecinco veces máis longo e máis ancho que o orixinal.
Ao medir o mural 60 metros cadrados, para unha obra de tales dimensións precisábase dun local bastante amplo, polo que decidiron de facelo no interior da fábrica de conservas DALO, que desde mediados dos anos 60, estaba paralizada a súa actividade comercial e utilizada como almacén do Concello.
No chan da nave, colocáronse os 60 metros cadrados de papel, dese corrente de envolver, dito papel sería primeiro cuadriculado para como dixen anteriormente, levar o debuxo a escala.
Unha vez feitos os cadros no papel, procedeuse a realizar o debuxo de Xosé Vizoso a escala, para o que se precisaron doce lapis, xa que ao estar o papel sobre do cemento do chan, gastábanse con moita facilidade.
Finalizado o debuxo sobre do papel, entran en xogo os nenos e nenas do Colexio Público N.º 1. Un vehículo de transporte entregaríalles varios quilos de plaquetas de Gres de Burela das distintas cores que precisaban para realizar o debuxo.
A misión dos nenos, consistía en romper ditas plaquetas de Gres en pedazos, e de seguido, ir colocándoos sobre do debuxo e en cada cor que lle correspondía, onde detallaba no mesmo papel a cor: verde, azul, vermello, amarelo, negro, branco
Era un labor a xeito de quebracabezas.
Só se traballaba os sábados no mural e un par de horas ao día, así que, lles levou preto de nove meses realizalo.
A segunda parte do mural, foi quizais a máis curiosa e espectacular. Unha vez rematados de poñer os cachos de plaquetas e feito o mural, levaron unha cociña de gas butano para quentar auga nunha pota grande e botarlle fariña de cento, dese xeito, fíxose engrudo que serve como pegañento de pouca calidade.
Os nenos e nenas comezaron a botar sobre do mural o engrudo e sobre dese engrudo, colocaron follas de periódicos. Unha vez cheo de engrudo e periódicos o debuxo, por encima deses periódicos, botaron outra capa de engrudo e por encima máis periódicos e así sucesivamente ata que engrudo e periódicos fixeron unha capa de preto dun centímetro de grosor.

Claro está, como o importante non eran os periódicos colocados sobre da obra, resultaba simpático que uns ían coas letras para arriba e outros coas letras para abaixo, e os curiosos que o miraban, non entendían de que ía a cousa.
Cando se comprobou que os periódicos e o engrudo xa estaban secos, procedeuse a levantalo polas esquinas, e claro está, o mural rompía en pedazos pequenos aos que se lles poñía por debaixo unha táboa a xeito de bandexa unha vez arrancados, logo, sobre do periódico escribíaselles a letra A cunha frecha que indicaba para arriba, e outra letra D e outra frecha que indicaba lado dereito. E así se foron levando ata a Praza Conde de Fontao no Land Rover do entón alcalde de Foz, Raúl Campos Martínez.
Preparada a parede do adro da igrexa con cemento fresco, procedeuse a ir colocando os cachos de mural que levaban nas pranchas de madeira. E así, pouco á pouco se foi colocando o mural na parede e a medida que o ían poñendo, as persoas alí presentes quedábanse coa boca aberta de ver periódicos pegados á parede sen ton nin son, que como dixen, uns ían ao dereito e outros ao revés e os miróns non entendía nada do que alí se estaba a poñer.
Foi colocado na parede un domingo e como aínda a nosa democracia estaba comezando a funcionar, tiveron que pedir permiso ao cura da parroquia, don Amador Puente Martínez, para que os autorizara a traballar un día santo, permiso que foi concedido.
Ao día seguinte luns, colleron unha mangueira con auga para regar o mural, e que os periódicos amoleceran, e ao mesmo tempo, cun cepillo de fibra, fregar os periódicos que ao amolecer e tamén o engrudo coa auga, acababan deprendéndose quedando á vista de novo as plaquetas de Gres, facendo visible o mural. Algunhas pezas que caeron na súa colocación, fóronlle repostas, rematando a obra botándolle por encima a todo o mural, unha capa de cemento transparente.
Calculóuselle uns 48.000 cachos de plaqueta en total.
Ao seu pé, colocouse unha roda de muíño coas inscricións que dicían:
"Os pícaros do Colexio Nacional
á xente do mar de Foz - ano 1981."
Dirixido por Berio e Xosé Vizoso.
(Nota: Na Mariña de Lugo, chamámoslle "pícaros" aos nenos ou rapaces).
Rematando cos versos de Celso Emilio Ferreiro:
"Mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre...
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo
e to vives no mundo, Terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar ese camiño."
O sábado día 22 de setembro de 2001, choveu todo o día chegando a caer 103 litros de auga por metro cadrado, causando perdas en Foz por valor de setenta millóns de pesetas (uns 420.708 euros). O muro do adro da igrexa derrubouse e canda el o mural.
Anos máis tarde, e por iniciativa do Concello, volveuse a recuperar tal é como era, pero nesta ocasión, os seus autores foron os alumnos do IES de Foz.
Colocouse o novo mural, o día 10 de xullo de 2004. Foi dirixida a súa obra por Manuel Treijeira Fernández, José Antonio González Pumar e José María Arango Ron.