Comecemos polo seu autor, Antonio Seijas, este historiador da arte, ilustrador (de libro infantil, industria discográfica e series de televisión así como creador do logo da Fundación David Linch),

pintor, autor de banda deseñada (entre as que destacamos Cartas de inverno de Fernández Paz ou A Chaira coa que conseguiu o premio da Gala do Libro en 2020) e narrativa xuvenil (O Soño da Serpe en Costa Oeste).
Os oito mitos de Palermo de Antonio Seijas é un libro de poemas no que o autor se detén na evocación das cidades, na memoria deses lugares que nos traen as referencias de antano e os mitos que sempre nos servirán de vía de expresión.
Estamos ante un creador moi polifacético, que comisaria exposición (Trinta aniversario de Luar na Lubre) e gana premios de poesía coma o Cidade de Ourense con Teorías do fin que publica con esta mesma editorial, Aira. O perigo de ter tantas aptitudes (e exercelas) é que uns ámbitos poden tapar outros. Con Seijas pasa... é coñecido por diferentes persoas en distintos campos, grupos que ignoran o que leva feito noutras áreas. No mundo do libro infantil e xuvenil a súa faceta como ilustrador é moi evidente, tamén como autor de banda deseñada nas novelas gráficas pero aí, moita xente descoñece o seu vínculo co mundo da música. Ademais, o Seijas creador no campo literario foi unha sorpresa para moitas de nós. A novela xuvenil publicada por Galaxia supuxo un punto de inflexión que tivo continuidade no campo poético, con premio incluído.
En Os oito mitos de Palermo lévanos Seijas a esa cidade siciliana cun pasado rico que non se pode esquecer ao pronunciar o seu nome. Tantas reminiscencias, dende a prehistoria e ao longo do tempo. Nas imaxes, Palermo é un home coroado cunha ave próxima pero, sobre todo cunha serpe que o abraza alimentándose do seu peito, nalgún sitio fálase del como Saturno, o que devoraba aos seus fillos e era útil a outros.
Na cuberta do libro de poemas, ese home (Palermo) está encoiro, sen marcas de poder, pero cun paporroibo no peito sobre a mancha vermella do sangue. Os seus brazos érguense ao ceo non sabemos se por desesperanza ou porque pretende sostelo como un Atlas.
No primeiro poema, o verso Onde quedou Palermo? lévanos unha e outra vez a interrogar o tempo que se foi. A Alexandría que xa non existe, titula o segundo poema no que volvemos atopar "demasiado de humano aínda en min" e ten algo de percorrido pola cidade perdida da man dun amor quizais desaparecido; a cidade fundada por Alexandre o Magno e que viu extinguirse a biblioteca máis completa da antigüidade serve de terra decorado.
"A lei das serpes" anuncia a derrota, a conta dos ósos, o labirinto e a espiral, a morte, o minotauro. Porque te podes perder nas covas entre os gravados rupestres ou na vida entre os afectos que non consegues facer inmortais.
A viaxe vai de Italia a Exipto, de Irak a Turquía, o antigo mundo camiña polos mitos deses lugares do Medio Oriente cuxos nomes reverberan no cerebro e nos libros, na terra pisada e a emoción vivida. Babilonia, Cefalú, Solunte, Palermo, Alexandría... cidades amadas dende vello, por onde andiveron os deuses esquecidos e os amores perdidos. "Para iso" existe o "paraíso" semella explicarnos Seijas, nese xogo de palabras que non é gratuíto.
Di o poeta: "Gastar a vida enteira volvendo a Ítaca / e atopar a porta pechada." Unha visión que entristece porque é preciso volver ao pasado, entrar na casa, recoñecer o que permanece e explicar as derrotas que hai en cada vitoria.
"Mais as túas mans
(Corazón vermello de paporroibo)
recenden a flores
aínda que non queiras"
Como transformar a realidade certa, ou soñada? Como deixar de sentir?
Na páxina cincuenta e nove poderás acceder aos oito mitos de Palermo e recoñecer o amor, a morte, os deuses, as serpes, o paporroibo, os ósos, o esquecemento e... o que non se cita.