'Aloxar a vida' de Cruz Dafonte con deseño, maquetación e ilustracións de Ana Mª García, fotografías de Tiago Dafonte e música de Tiago Josè Santos.
Dedicado "a todas as mulleres coas que aprendín que a vida conta", facendo referencia ao

traballo nos programas "A vida conta" e "Elas tamén contan" nos que lles dá voz ás mulleres do rural, acompañando procesos e creando espazos de escoita activa e transformación. Unha experiencia que fala de escolla pola igualdade onde esta é máis necesaria, onde debe ser máis profunda, onde debe conmocionar os alicerces da Galicia deshabitada. Disto fálase na contracapa baixo o título "Sobre a autora" ou "Dereito a asubiar". Baixo este último epígrafe aparece a poesía íntima e experiencial na prosa, porque as verbas que se deitaron sobre a meniña dende a mirada do avó ("as rapazas non poden asubiar") seguen soando a modo de empuxón nas costas, mais a rapaza detén ese movemento brutal para descubrir que o refuxio está nos libros, e na poesía, a súa propia voz.
Debuxos a modo de liñas, como arames suaves que definen formas de mans, copas para a celebración, flores, mulleres, cámara de fotos... todo se debuxa desta maneira limpa con algunha mancha de cores suaves.
A historia do libro nunha primeira plana. A covid dá tempo para pensar e facer, o fotógrafo comeza, a autora está na crise dos corenta e volve á linguaxe poética que aprendera na escola de Trazo cunha profesora que lle mostrou a Machado e lle escribía as cartas que entraban nun tempo árido de vacacións (ela era a mestra que amosaba o mundo da cultura e outra vida máis aberta á liberdade). Define o libro como fotopoemario no que foto e texto se acompañan sen explicarse nin ilustrarse. Diríxese á lectora, ó lector desexándolle un espazo para deter o tempo, escoitarse e fluír coa vida.
Na seguinte plana o desexo formulado: "Que esta experiencia sensorial se aloxe dentro de ti" cun código QR no que ver un vídeo ou escoitar as músicas que serven de pano a cada poema.
A autora traballa con mulleres en obradoiros de apoderamento no rural: soidade, ausencias, medos propios e alleos, ansiedade, resiliencia... "Elas" é o primeiro poema. Sintético. Colócanos ante versos que a modo de pancartas se van unindo cos fíos como cosendo, como se se tratase dunha cometa que percorre o ceo porque "elas sosteñen xuntas o núcleo da vida. Amarran o tempo, tecen a voz colectiva cúbrense de luz e claman xustiza". Non se pode dicir tanto con tan poucas palabras... Mulleres, sosteñen o núcleo da vida, o máis importante no seu xermolo e esencia, en colectivo apoiando e tecendo a voz de todas, amarrando o tempo, iluminándose e reclamando xustiza clamando, reivindicándoa dunha forma especial entre o pranto e o berro, o lamento e a reivindicación. Si, trátase de deter o tempo, para que o lector ou lectora entre no libro e o libro nel e nela.
Seguen os poemas con títulos como pintadas en paredes que berran silenciosas. Desaloxada: o abandono porque ninguén estaba alí para amparar.
Perdida, cando cae a noite e todos os sentidos se avivan co silencio, a conciencia como verme que roe nos adentros, os seres da escuridade batendo alas que percibimos contra as nosas caras, os recendos da natureza, a nada que sentimos coma un globo que infla no noso interior y a agarda por novas ilusións que han chegar de dentro ou fóra, da célula ou as estrelas, do átomo ou os furados negros que exportan enerxía.
Buscando o positivo: non me fales de desaloxar a vida senón do que sentes cando non pos barreiras. Onde gardar os teus desexos? Pequenos frascos con letras e estrelas. No que escribes e no que está no firmamento, o íntimo moi agachado ou á luz sen que se vexa.
Realoxada. Consellos para reivindicar quen es, retomando a esencia do vitalismo sen desconectarte. Porque es a pegada das risas que deixas a aman que arroupa o silencio, a maxia explosiva. Dous poemas a dúas persoas: Alba, a que acolle; Martín o que habita suavemente dende a pureza e a transparencia, emocionando.
Cómo evitar a tristeza que ataca nas tardes baixo esa inquietude que recoñecemos e nos abanea, cómo facer que esvare e se disolva, cómo rexeitala para vivir sen que nos ataquen os malos pensamentos, vendo as flores agromar, o tempo decorrer, estando a ben co mundo, co espírito sosegado, coa tristeza leve da chuvia mansa que nos retrotrae aos sentimentos que andan dando voltas polo mundo dende a súa formación, no principio dos tempos nunha amálgama que forma parte do peito ou das caixas onde gardamos segredos e voces.
A poeta promete manter o nexo que a ata "á túa inexistencia permanente" porque o imposible tamén é esperanza, a morte é vida, os afectos eternos e... os fíos móvense na escuridade.
Poemas dun verso para ler, mirar, pensar e repensar.
A ilusión que se pode festexar, tamén na súa incerteza.
Hai luz rexeitada, bágoas de resío, o ser que se sente folla arrastrada polo vento como as de Bambi que caían para expresar a morte:
- Non te deixes soltar dicíalle unha á outra.
- Alá vou- contestaba, xa en caída libre.
Porque a morte é iso, deixarse ir, cando o aire é custoso e non chega, cando o zume non ata a folla á ponla, cando é cousa de entregarse á natureza como na orixe, cando chegastes atravesando espazo e minerais, dende a nada que retorna de vez en cando para que non esquezas que ves de aí e cara aí vas, á nada.
Navegando izas tristezas no mar ceo de entelequias, construíndo colmea coa dor, debullando lamentos, esmorecendo no alimento pai, no silencio, no abandono que deconstrúe, alindando o desleixo co tempo e o silencio, chapuzándote coa consciencia. Deconstruíndote no día a día, paso a paso, pensamento a pensamento, no sentir e na reflexión. Deconstruírte para amasarte, de novo, nacer das cinzas e ser.
As preguntas: hai vida na inercia dos teus ollos? Que me abre as apetencias?
Soster o erotismo imaxinando os corpos nun mar de tinta.
Final desesperanzado: Xa non hai pureza en nós nin fame de vida, só un inmenso abismo polo que naufragar entre xemidos.
O traballo dunha muller que transforma nun colectivo, a xenerosidade que abre os brazos para apertar ao grupo, o compromiso que vai máis alá dun traballo afondando na vida e aplicándose a medicina que reparte, deconstruíndose para facerse unha que comparte ata a propia voz. A nóbel que dá a man a outros que con ela van polos camiños da vida asubiando máis alá do xénero, falándolle ao avó.