O neno comeza facendo versos; despois diso, uns conservan a facultade e outros non. Non precisan métrica porque lles saen rimados. O seu sentido do ritmo e da beleza é innato; a prosa vennos despois
, por contaxio dos depravados!
¿Nunca vos fixastes como lle brillan os ollos ao neno cando contempla, desde o berce ou desde a súa sela de rodas, a cute dunha nena, sexa roiba ou morena? Son olladas de piropo, sorrisos de auténtica declaración. As nenas, pola súa parte, non precisan declararse, pois xa son, xa nacen, harmoniosas, atractivas; ¡música, en definitiva! ¿Que é a poesía máis que o goce de gozar da beleza que nos circunda?
O neno, e co neno, a nena, só están equivocados nunha cousa: Coidan que o mundo segue sendo paradisíaco, así que sofren unha terrible decepción, que non se lles quitará no resto das súas vidas, cando descobren, ¡e menos mal que o fan pouco a pouco!, que o mundo, a natureza, segue sendo a mesma que elaborou Deus, que por iso é tan atractiva, ¡pero cambiaron os habitantes, os moradores, os devastadores!
O neno, e co neno, a nena, críanse cantándolles ás flores, ás herbas, ás árbores
, pero deixan de facelo cando descobren que os adultos usan as flores para ornar os locais das súas goldradas; as herbas para mante-las vacas, e así venderlles, incluso, as crías; e as árbores para facer ese papel no que escriben as súas mentiras.
O neno, e co neno, a nena, críanse admirados do saber dos seus maiores, pero decepciónanse ao descubrir que uns cantos dos seus adultos admirados son, realmente, adúlteros!
Aos nenos convíñalles deter o tempo, pero está fóra do seu alcance; o único que poden facer, e para iso pouco a pouco, a base de escola e de xebrar nos exemplos, nos exemplos e nos consellos, é irse formando, madurando, apañando as rosas e desbotando as espiñas.
Os recitais que dan os nenos son gratuítos; só hai que observalos, estar atentos. A súa poesía é contaxiosa, pero só se nos pega se estamos limpos de egos, de levidades. A poesía dos nenos, como propia de anxos que é, non admite escritura, nin á man nin coa máquina, pero sempre estará aí, adozándonos a vida. É tan antiga coma a vida mesma, e perdurará eternamente pois na, prometida, e por tanto, segura, resurrección, cando volvamos ao estado de inocencia infantil, volveremos a vivila, volveremos a sentila. ¿E se daquela xa non hai natureza, apagadas, extintas, as flores, as herbas, as árbores...? ¡Haxa o que haxa, e consérvese o que se conserve, sempre haberá beleza, ou en que consiste o Ceo senón en beleza, en beleza inocente, definitiva?
-.-
Seguimos funcionando, seguimos medrando, seguímonos ilustrando, así que, da gardería á primaria, un pasiño e nada máis. Outros profesores, outra metodoloxía, e séculos de civilización para madura-la raza humana.
¿Maduramos, de verdade maduramos? ¡Nalgún aspecto, si, pero máis ben no aspecto, na talla física!

O neno cadora é menos neno, pero, de aquí a ser home
? Dióxenes, que saíu do seu barril portando unha lucerna, foi interpelado polos seus veciños, que o tomaban por louco: -¿Que buscas, Dióxenes, a estas horas, fóra do teu barril habitual? -¿Que busco? ¡Algo difícil, moito! Busco un home, un home que o sexa de verdade, un ser que viva por si mesmo, en si mesmo, fóra do rabaño!. -¿Atopáchelo? -¡Aínda non; debe ser que escasean
!
Aos nenos fanos seus pais, con tal de que sexan macho e femia; pero aos homes fainos a vida, comezando pola escola, comezando pola de seus pais. ¡E leva o seu tempo facelos! Debe ser unha especie escasa para que Dióxenes buscase neles día e noite, incluso con un farol; claro que agora temos luz eléctrica, pero, aínda así!
Facer un home, facer unha muller, o que se di un home, o que se di unha muller, é un proceso no que a materia actúa de cooperante: se a materia non é de lei, se non se deixa traballar, tempo perdido o de moldeala! Esa é outra gozada, a dos mestres, pois, a diferenza dos escultores, que dun home fan un obxecto, unha imaxe, os mestres, dun obxecto, dun tarugo humano, aínda que non sempre, logran un home, unha muller, unha persoa! "¿A ver cando comezas a ser persoa...?", era un dito moi redito de certos pais aos fillos difíciles, pero, ao parecer, vaise perdendo. ¡É tan difícil ser mestre dos propios fillos! Así se explica que algún canse, que se quede no camiño.
O camiño de facerse home, de facerse adulto, en anos é curto, pero en dedicación, en esforzos..., a tira! Se non fose polo que se goza gozando dos progresos, sería unha desgraza! E logo que é tan perigoso caerse da virtude, do carromato da virtude, tramos de día, tramos de noite, cuns barrancos sinistros que chaman por nós, que tiran de nós!
Os pais que son pais, os que real e sinceramente queren selo, aínda que non acompañen ao neno á escola, fisicamente, que iso pode facelo, substituílos, un coidador/unha coidadora, viven con el, de consún, acotío, a súa escolarización, os seus temas, as dúbidas, as aclaracións pertinentes. ¡Os que non o fan non saben, de paso, a gozada e mailo proveito que se perden!
-.-

¿Quen dixo que a vida é unha competición? ¡Si, e non, pero dito así, a secas, é unha contradición! Aquí abaixo afixémonos a competir fronte a..., cando o importante é competir en..., en nós mesmos! Si, ho, si, en nós mesmos, comigo mesmo, e non cabe vacilar, que nolo explicou o propio Xesús; iso si, con parábolas, como fai o bo Mestre, que vai tirando dos alumnos á súa altura pouco a pouco, con exemplos, con frases sinxelas, na lingua de cada época..., para que o podan, para que o podamos, entender!
Tédelo, témolo, en Mateo, 25, 14-30, e tamén en Lucas, 19, 11-27. "Ó cabo de moito tempo chegou o Señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei. Entón díxolle o Señor: Ben, criado fiel e cumpridor, xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar, ¡a gozar!, da festa do teu Señor". ¿Qué; aínda non está claro?
Para os xudeus, como pobo avanzado da antigüidade, xa pasaran os tempos cambiarios, os do "pecus", os do pago en especie, e estaban entrando nos dos talentos, ¡no dos talentos moeda! Pero aínda non chegaran aos "tests", aos tests intelectuais, así que, daquela, moito non entenderon, que se algo máis entendesen entenderían que aquelas ensinanzas eran propias dun mestre, ¡do Mestre do mestres!, e por tanto, Verbo, palabra divina. Por iso o mataron, tamén por iso, polo seu complexo de alumnos envexosos e torpes; ¡mataron ao mensaxeiro da Boa Nova! ¿Criminais? ¡Sen dúbida, pero tamén, burros, autodidactas da propia burremia, enterradores dos propios talentos! Pero Xesús non falou só, e tan só, para os seus coetáneos: ¡Falou, explicou, máis ben para os seus apóstolos, para os seus divulgadores, para os seus portavoces, para os seus misioneiros! Daquela, para todos, presentes e futuros, ¿ou é que non somos, ou debemos ser, nós mesmos, apóstolos, sucesores, retransmisores, daqueles, primeiros, alumnos do Gran Mestre?
A todo isto, Deus ampare aos superdotados, ricos ou pobres, pois, se máis recibiron, máis contas terán que render, máis alto o listón, máis difícil terán o seu exame. Pero non nos ateñamos ás fotos do próximo, sexan guapos ou feos, ricos ou pobres, listos ou torpes, porque o único que nos importa é mirarnos no propio espello: ¿Que, medramos, imos perfeccionándonos, como nos vai a nosa, intra, competencia, esa loita que temos en nós mesmos, con nós mesmos, ese dilema entre vexetar ou razoar? ¡Se nos houbese creado Deus para vexetais, daquela teríamos raíces, e tronco, e ramas, e follas..., pero temos alma, un alma perfectible, que ten a obriga de restaurarse a si mesma, lavándose, día a día, as propias culpas; a parte herdada, pero tamén a incrementada!
¿É, ou non é, unha gozada, coñecer que somos capaces, por concesión divina, de auto rexeneración, de auto purificación? ¡Xa, pero, de pasotas que somos, preferimos pasear en auto, e de apearnos, facémolo para competir co próximo e non con nos mesmos! Abafounos o Mestre con ensinanzas, ¡demasiadas para alumnos vagos!, e ata se nos esqueceu, ou pasou desapercibida, aquela promesa enaltecedora: "Todo o que volva por min diante dos homes tamén hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero a quen me negue diante dos homes, negareino a el diante de meu Pai celestial". ¡Non foi promesa de político, senón promesa divina, e aínda así afiliámonos ao pelotón dos torpes! O bo desta carreira, o bo desta competición Terra-Ceo, é que temos o diploma, o premio, asegurado, e aínda así fraqueamos, dubidamos? ¡É a única carreira, a única competición, á que podemos dedicarnos en corpo e alma sen menoscabo das outras! ¿Non se di que, estudar e traballar, asemade, ten o seu mérito? ¡Si, é certo, pero máis mérito, máis mérito e máis proveito ten, estudar, traballar e, de paso
, salvarse!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.