¿Por que os maiores se rin das nosas trasnadas e non coas nosas trasnadas? Teremos que explicarlles a diferenza, unha diferenza non tan sutil como poda parecer a simple vista: Rirse coas trasnadas é algo natural sempre que sexan de seu inocuas, divertidas, orixinais... Caso distinto é rirse das trasnadas en si pois son fotografías, instantáneas, do nivel formativo, mental, do neno, e iso é cousa seria, moito, digna de atención, e, segundo os casos, merecente dunha disección, dunha análise profunda. Esta análise permítea a transparencia e maila sinceridade do rapaz, pois se outro tanto vísemos nunha persoa maior, nalgún caso nin sequera un profesional da Psicoloxía sería capaz de calibrar tales reaccións, por complexas e por intencionadas.
¿Que dixo, que fixo, ou que cara puxo? ¡Infalible coma un termómetro, pero hai que miralo ao tras luz para estar seguros da nosa apreciación! A partires diso, felicitalo ou corrixilo, segundo os casos, segundo o nivel das súas febres íntimas. Vou referir un caso certo, que igual vale como exemplo: Había unha vez un neno que se preparaba para a primeira comuñón; estaba previsto que a celebrase cos seus compañeiros de colexio, pero chegou carta dos avós dicindo que, lamentablemente, non asistirían, porque aos seus aniños, nos seus achaques presentes, resultáballes dificultosa aquela viaxe, aquel desprazamento. ¿Reacción dos pais? ¡A duns bos fillos pero malos pais: dicirlle ao neno que, nese caso, por esas circunstancias, levaríano a face-la comuñón á parroquia dos avós! ¿Reacción do neno? ¡Inmediata: meteuse no cuarto de baño e deuse un corte no pelo, desfigurando o floco frontal! ¿Houbo rifa, censura ou castigo? ¡En absoluto! Os pais, de inmediato, e de consuno, amañaron a desfeita: -Non te desgustes, neno, e menos, chorar, que nesta vida, agás a morte, todo ten remedio. Esta tarde lévate teu pai á perruquería para que che dean un arranxo do pelo, discreto e axeitado, que como hai mil modas ata parecerá iso, unha moda. De arranxado, fas a comuñón aquí, segundo o previsto, co teu colexio, e na nosa parroquia, cos mesmos invitados, agás os avós; incluso a fotografía conmemorativa. Para a semana seguinte viaxamos nós, que estamos áxiles e sans, e fas alí a segunda comuñón, cos avós diante, que así dáslles ese goce, e non se senten desgraciados nin desprazados. Vas coa mesma roupa, devocionario, rosario branco, e todo iso. Pero será segunda
-Preocupouse o neno dese detalle. Estás equivocado, meu ben, -díxolle a nai consoladora-, pois aquí será a primeira vez, pero na parroquia dos avoíños será a primeira túa nesa parroquia, e como a orde dos factores non altera o produto
.! ¡Que cho digo eu, que por algo son Profesora de Matemáticas!
Dunha circunstancia imprevista, pero natural, aquel neno fixo un drama, que non pasou a máis, nin lle deixou trauma, porque
, porque tivo uns pais comprensivos que atinaron coa receita!
-.-
Dun tempo a esta parte deulles aos teólogos por investigar, e por explicar, exhaustivamente, a natureza do mal, a súa procedencia
En cambio pasan por alto o feito de que as roseiras teñen espiñas. ¡E que, se dan rosas! A existencia do mal é un feito irreversible, e o propio Fillo de Deus padeceu, aínda que voluntariamente, as súas consecuencias. Se fose posible, ou oportuno, baixa-lo mal ao fondo do mar, tal que dándolles a volta ás olas, xa o houbese feito o propio Xesús, pero en Galilea optou por camiñar encima delas, que incluso invitou aos discípulos a imitalo. De subido á barca, seguírono; pero de súpeto levantouse tal temporal que as ondas tapábanos. El durmía. Aterrados, os discípulos espertárono, exclamando: -¡Señor, sálvanos, que afogamos! El díxolles: -¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose de pé increpou aos ventos e mais ao mar, e veu unha calma grande. Os homes, abraiados, despois diso dicían: -¿Quen será este que mesmo os ventos e mailo mar lle fan caso?
¿Aínda non está claro? Deus, cando quere, pode; puido e pode; daquela, se nalgunha cousa non quere, ¿a que vén o noso importunar? ¡Se non quere corrixir certas cosas, illar certos males, é, será, para poñernos a proba, ou porque así convén á súa planificación omnipotente, omnipotente e omnisciente! Aqueles profetas, laicos por suposto, das liberdades individuais en cuestión económica non se cansaban de exclamar: Laisser faire, laisser passer! ¿E nós, que; aquí abaixo, microbios que somos, atrancando, intentando atrancar a planificación do Creador, do Sumo Facedor? ¡Moita soberbia pola nosa parte!
Nun editorial da revista Biosophia, dixeron algo así como que a maneira máis efectiva de loitar contra o Mal non é enfrontándose senón xerando as condicións contrarias. Ante a grosería e a vulgaridade, altura de miras, pureza de móbiles e de acción. Ante o sufrimento doente da humanidade, esforzo pola creación de condicións favorables ao desenrolo integral do ser humano. Ante a desesperanza e a frustración, transmisión do entusiasmo que nace do convencemento de que non todo acaba coa morte, senón que a vida eterna é un grillón máis do itinerario evolutivo do ser humano. Acaban resumindo, ou concretando, recomendando, que: Despreocupémonos do Mal, e alistémonos nas filas do Ben, que así teremos asegurada a vitoria!. Non sei quen son os desa revista, nin se o seu credo é ortodoxo en boa teoloxía, mais para min isto que antecede vai á Misa, á miña, ao cento por cen!
Señores teólogos, por min non se deteñan, que o tema meréceo, pero teñan coidado de non sementar dúbidas, pois son peores as cousas mal sabidas que as ignoradas; e despois de todo, nada máis chegar, nada máis subir, coa luz celeste xa seremos capaces de ler uns cantos misterios dos que hoxe están reservados para a nosa miopía terreal. Tampouco estaría mal lembrarnos, de cando en vez, daquilo que se conta de que, paseando San Agustín pola praia, observou un neno que estaba emperrado en transvasar a auga do mar, cunha cunca, ao furadiño que fixera na area. Agustín advertiuno da imposibilidade física da súa pretensión, ao que o Neno lle aclarou que máis difícil lle sería a el, ao propio Agostiño, entende-lo misterio da Santísima Trindade. ¡Se non foi vero, está ben trovato! Daquela tomemos nota, e non queiramos pasarlle diante ao Mestre, que iso tamén é soberbia, máis ou menos coma aquela que nos fixo perder o Paraíso.
-.-
Deixamos ao neno / á nena, recluídos, resgardados do mal pero na friaxe mercenaria da gardería do barrio, así que será cousa de rescatalos, devolvéndoos á calor incomparable

do fogar, o antes posible.
Por suposto que a gardería elixida é, debe ser, un xoieiro: sitio alegre, local alegre, coidadoras alegres; ledas que non lixeiras, pois iso é outro concepto. O contrario sería un inferno. Recibilos cos brazos abertos, que é a forma cordial. Cos brazos hai tres posicións: en alto, rendición, covardía; coas mans xuntas, petición ou egoísmo; e con elas abertas, o dito.
De volta á casa, paz, paz e ledicia. Se tiñamos pendente algún contencioso co/coa cónxuxe, iso hai que resolvelo antes, aclaralo antes, pois, ¡Ai daquel que escandalice a unha destas criaturas!
A casa familiar ten que ser iso, e máxime habendo criaturas: un fogar, unha lareira
; con brasas ou sen elas, pero quente, quente ou quentándose. ¿Desavinzas no fogar? ¡Iso é un suspenso matrimonial! Cóntase que a represión de Franco a Fraga, naquela cacería na que o eterno precipitado disparou ás perdices antes de que se levantasen, precisamente cando se estaba levantando, alí adiante, a súa princesa, Carmencita, de detrás duns fentos onde estivera evacuando a súa evacuación, e con iso recibiu unha chea de perdigóns nas propias nádegas
, foi: El que no sepa cazar que no venga. ¡E Fraga non volveu! Pois no matrimonio outro tanto: ¡O que non saiba convivir, que non se case! Os casamentos nunca fallan a posteriori, senón a priori, por vencellar trigo con xoio, ou tamén xoio con xoio, elementos que nunca darán boa fariña, por moito que se peneiren.
O neno ten que sentirse rei da casa, pero nunca permitirlle que sexa o tirano dela. ¡Hai que respectar a lei natural, a orde convivencial, ou estaremos construíndo un manicomio! A casa tamén é para gozala, e iso require que vaia ben cimentada; a casa é para convivir, non para mal vivir. A casa ten dúas clases de tabiques: Os que separan as habitacións, que son os visibles; e tamén hai outros, pero estes, por veces invisibles, que separan ás persoas dentro da mesma construción. No material, artístico ou non, a casa foi pensada, as actuais, por un arquitecto; pero no interior, no orde convivencial, é unha construción inacabada e inacabable, na que os deseñadores son o propio matrimonio, e resultará confortable se unen esforzos, esforzos e ideas construtivas, tirando ao lixo, mesmo segundo xerminen, as ideas disociativas, as repugnantes, as que repugnen á razón.
Para goce convivencial o dos paxaros: fan o niño a tempo, e precisamente no mal tempo, mentres son noivos, mentres non teñen familia que lles impida traballar; na nosa linguaxe, traballan, forman e aforran! Despois vén a cría, coa única excepción do cuco, un paxaro folgazán e vicioso que pon os ovos nos niños alleos, ¡fillos sen pai!
, para que llos críe a muller do próximo! Nadas as crianzas, todo é cántico
, para ensinarlles a cantar, a gozar da vida, a dar grazas ao Deus da vida!
As horas sen goce non merece a pena vivilas; as horas de goce familiar, ademais de ser satisfactorias, son formativas: ensínanlles, móstranlles, ás criaturas onde está o porvir!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.