Dicía aquel aviso da RENFE que é perigoso asomarse ao exterior. ¡Certo, certísimo, pero inevitable! Tarde ou cedo, o neno terá que facelo; e dos seus primeiros contactos co mundo exterior dependerá gran parte da súa formación, do seu enfoque vital, mundial. Tamén nisto lle hai que axudar, tamén; comezando por mostrarlle as estrelas, o ceo, para que mida e entenda a grandeza do Creador; e despois diso o mundo circundante: as flores, coa súa beleza e co seu cheiro; as herbas, frescas e suaves; as árbores, cos seus brazos abrazando o ceo; os ríos, sempre cantando, sempre musicais; os montes, cortándonos os ventos airados; e por último, as nubes, esas cortiñas que, de cando en vez,

nos tapan a visión do ceo, pero neste caso tamén hai que explicarlle ao neno que non todo é malo no que aparenta ser malo, pois é precisamente cando se enfurruñan as nubes cando mellor o fan, aparentando chorar cando en definitiva o que fan é derreterse, fecundar a terra.
No "Neno" de Murillo, na súa expresión, nótase que foi ben ensinado, que lle ensinaron a gozar da vida, e aínda que está só, e aínda que parece meditabundo, hai na súa face un ricto de compracencia, de satisfacción, de confianza e de agrado no que ve, e iso que o fondo da súa habitación, da súa vida, non é precisamente do máis alegre. Non se ve rico, pero séntese rico: ¡está contento co que ten, e iso pasa porque lle ensinaron a ser feliz, que é a materia máis difícil de ensinar!
Coma o "Neno" de Murillo, daquela, habíaos a centos; e hoxe, seguro que a millóns. Non van ben vestidos; e acaso non puideron, nin poden, nin podemos, vestirnos mellor hoxe en día, pero se, de cativos, nos mostraron as flores, agora, de grandiños, temos a satisfacción de que Aquel que vestiu os prados de herbas e de flores, tamén nos viste a nós! Fixádevos na afirmación do seu Unixénito: "Ollade para os corvos: nin sementan nin segan, e tampouco teñen tullas, pero Deus mantenos. ¡Pois, canto máis valedes vosoutros cós paxaros!". Isto non é unha invitación á preguiza, que tampouco a teñen os corvos, pero si unha confianza en que Deus, con tal de poñer algo da nosa parte, non nos abandonará no deserto da vida!
O neno está compracido e conforme; ¡vese ás leguas! ¡Imitémolo, sexamos agradecidos do pouco, e se moito temos, repartamos, pois, se o pouco ben repartido chega para moitos, qué non será o moito! Para comezar, borremos da nosa pizarra aquela consigna, aquela constatación de que, o que parte e reparte, quédase coa mellor parte! ¡Iso que o fagan outros, eses que non lle temen ao reparto celestial, que daquela estarán na fila, estarán, pero
, a xustiza de Deus é distributiva, e non demagóxica, pois El non precisa votos, pero si premiar, premiar e castigar, ou non sería xusto, non sería Deus!
-.-
O vivir do modernismo xa é outro vivir, un vivir trepidante, pero segue sendo unha gozada, aínda que unha gozada máis sofisticada: gañou en mecánica o que perdeu en filosofía. O neno anticipou as saídas á rúa, pero conducido, mecanizado, rodado que non encolado! Quedouse sen aqueles bocexos ansiolíticos que lle acurtaban a espera agardando que seus irmáns, os maiores, tornasen da escola para xogar co bebé, para facerlle as primeiras cóxegas; agora tamén el, o cativín, ten escola, unha mini escola que deron en chamar gardería; ¡iso si, eses gardas, esas gardas, esas coidadoras, non teñen tricorne nin bigote, nin bigote nin rizos pois usan depiladores e xampús alisadores! Os pais, nai incluída, mentres, traballan; ou traballan ou buscan traballo: se o teñen, gozan; e se o atopan, daquela gozan todo xunto o que tiñan atrasado.
As garderías para nenos adoitan estar na beiravía oposta, na mesma ou na próxima, que as dos "chivanis", as dos vellos, que tamén se mecanizaron, pois o que non entra en sela de rodas faino nunha ambulancia. Se ben se mira, ou se mal se mira, pois iso non está claro, o modernismo estirou a vida, fixo ese simulacro: Os nenos deixan de ser bebés antes, moito antes, e pasan a colexiais antes de saber balbucir; e os vellos pasan a momias, a momias viventes, nunha idade na que adoitaban estar gozando da Gloria, Aló Arriba, na Eternidade! ¿É, ou non é, discutible, isto do modernismo? O indubidable é que cómpre agarrarse á filosofía para entende-las gozadas modernas; hainas, abundan en tódolos estadios da vida, e algúns incluso din que se multiplicaron, pero
, ¡hai que tomarse a molestia de entendelas!
Volvendo aos nenos, pois, por moito modernismo que lles inxectemos, os nenos de agora tamén son nenos, que non por mecanizados deixan de selo.
Esta mecanización trouxo consigo máis mecanización, pois, de presente, con iso do transporte escolar, xa non hai nenos afundíndose na neve, ou nos trollos das corredoiras, para ir ao colexio: Se neva, non hai escola; o que non se di é se esa forma de latar se fai para favorece-las criaturas ou para que o mestre/a non teñan que poñerlles cadeas aos seus autos. ¡Que lonxe quedan aqueles días nos que o profesor/a paraba na casa do veciño máis próximo á escola! Cunhas cousas e con outras, ¡adeus rural! Hoxe en día, ¿en que se diferenza a crianza do neno rural da do urbano? ¡Xa non hai zocas; o microbús do transporte escolar recólleos na porta da casa, ou diante do depósito do leite refrixerado; os mestres non se rin do neno aínda que fale galego
! Se nos paramos nesta análise, ata será cousa de dar como gañador ao rural, pois o urbanícola, salvo que estude en colexios privados de altura, deses que constrúen nas aforas para darlles xardín, e piscina, e pavillón de deportes
, carece de transporte para salva-lo interregno casa-escola!
O traballo das nais, como é cousa de onte, ¡de onte logralo, pero de séculos desexalo!, aínda non está ben estudado no que fai á crianza dos rapaces. Primeiro foron as incubadoras dos pitos, criando pitiños sen pitas, e agora as incubadoras dos nenos, que suplen a calor maternal pola calefacción das garderías. ¿Chegará un día no que a prosperidade material, (¡da outra non falemos!), lles faga, ás nais, adoecer pola súa función íntima, destetando ao cumprirse o ano, e mexendo catro? Isto non é historia senón futurismo, así que lles incumbe o tema aos futurólogos.
En canto á momificación paulatina, progresiva, dos vellos ten de bo que nos devolve á caneta, que nos abalan nas garderías dos ídem, ¡e resulta un choio para as empresas de telefonía por iso de preguntar polos vellos a distancia! Se os médicos seguen alargando vidas, día chegará en que alguén chamará á Residencia: -¡Oia, dígame, un señor/unha señora, que se chama, ou chamaba
, Tal e Cal, que vén a ser meu bisavó/miña bisavoa, segue vivo/a?
-¿Que xa o enterraron en vista de que ninguén reclamaba o seu cadáver
? ¡Pois mal feito, que na ficha debían ter o enderezo dos seus fillos, e tamén o dos netos
; precisamente por iso, por estar domiciliados noutras residencias de anciáns, lonxe desa, lonxe de seus avós! A contestación, máis ou menos, será: -¡Desculpe a nosa omisión, pero
, como levaba tantos anos sen falar, nada nos tiña advertido aos efectos mortis causa! -¡Vale, vale; e grazas! -¿Grazas
; por que? -¡Precisamente por iso, polas molestias que lle evitaron á familia! ¡Puñetas, colgáronme, e non lles preguntei se conservan os seus efectos persoais, a cartilla do Banco e todo iso, así como a data do seu falecemento para acudir ao Rexistro de Últimas Vontades, así que, en saíndo do traballo, terei que coller un taxi para achegarme a esa Residencia das Quimbambas, nese monte que primeiro foi dunha Zapateira, despois Club de Golf de Franco, e agora
, agora é un Almacén de Momias, tamén chamado, Residencias de Sinué o Exipcio!
-.-

Que mandemos os críos ás garderías non nos libra de comunicarnos con eles en cada instante de aproximación, de presenza, de contacto; máis é, pois esta limitación obríganos a aproveitar mellor os minutos, segundo a segundo. Ante todo hai que comunicarlle ao neno, con agarimo, con xestos e con actitudes, tanto ou máis que con verbas posto que o seu vocabulario aínda capta mal algúns conceptos, que os seus coidadores non son apoderados nosos senón amigables colaboradores do fogar, nos que depositamos, provisional e transitoriamente, o noso tesouro máis querido, pero, -subliñemos-, temporalmente, de ida por volta. Animémonos a acatar as súas advertencias precisamente por iso, porque confiamos neles, na súa colaboración intelixente, porque co neno/a dámoslles a gardar o noso afecto, que o terán sempre a disposición do gromo, aínda que sen plenos poderes, como lles evidenciaremos ás nosas criaturas, prestadas, depositadas, encargadas, pero nunca cedidas. Para a comprobación disto é imprescindible que o neno/a capte a nosa permanente mellor disposición a escoitar as súas queixas; se son fundadas, trasladando a matrícula, ipso facto, e de non selo, procuraremos deixarlle ben claro que os caprichos requiren auto disciplina.
Quen lea estas reflexións, e as tome en serio, pode verse tentado pola comodidade do celibato, pero iso, a pouco que o pense, cheiraralle a covardía, e o mundo é dos valentes! As derrotas non se gozan, e as vitorias, si! Se isto pasa nas contendas bélicas, nas pacíficas, nas íntimas, máis aínda, con fruición meirande. Deus creounos varón e femia, así que, ¿quen somos as criaturas para emendarlle a plana ao Creador? ¡Salvo impedimentos, ou continxencia insalvable, os individualismos
, nin para os lobos, que ben feros se poñen en xaneiro, precisamente cando buscan noiva!
Ao neno tamén lle hai que ensinar a gozar, a ser feliz; iso tamén. ¿Como se fai? Cando se lle quere, axúdaselle a formar a súa personalidade; e cando se lle respecta esta, a normativa pedagóxica brota de nós mesmos, caso a caso, circunstancia a circunstancia; é algo así como a música, que nos pon en disposición de bailar tan pronto como sona. ¿Vemos a música? Non, por suposto que non, pero hai, temos, outros sentidos, un para cada tipo de impresión, pois iso dos cinco, esa limitación, refírese ás rutinas vulgares. Hai, temos, unha infinidade de percepcións extrasensoriais, chamadas así porque están radicadas, emanan, de máis alá dos sentidos corporais. O que non debemos facer, nunca, é garda-la alma no almario, que se debe levar sempre connosco, e facerlle caso, en boa conciencia, pois a alma, aínda que non emite sons, sopra, inspíranos, indícanos a receita aplicable para todas e cada unha das situacións humanas.
¿De onde sacaremos tempo para este luxo de actividades? ¡Sacaremos tempo do tempo, do propio, dese que temos en aluguer! Canto máis o utilicemos en cousas gratas, ¡que as boas sempre o son!, menos desperdiciaremos en estupideces. Non hai persoas máis odiosas que eses vagos que che contestan: -"¡Xa ves, aquí estou, matando o tempo!". Ata será cousa de volver ao Código Penal Internacional, pois este delito non debe quedar impune en ningunha cultura que se prece de tal!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.