¿Os nenos, ademais de chorar, cantan? ¡Xa o creo que o fan, pois, sorrindo, só con sorrir, xa o fan, xa cantan!
Cántolle ao amencer,
mexido nos brazos de miña nai;
canto ao amencer,
para que non poña mala cara
meu pai,
celoso que está dos agarimos que recibo;
pero el tamén foi neno,
e coma min, mexido,
mexido por súa nai,
outra santa,
á que avoa chamo.
Canto ao amencer,
anticipándome ao galo;
canto ao amencer,
polo feito de que estou nado!
-.-
O neno amado, coidado, comprendido, séntese o centro do mundo, un mundo xigantesco, enorme, desproporcionado, pero el domínao desde o seu barreliño, e demostrámosllo cando nos inclinamos con reverencia, cativados polo imperio do seu sorriso. ¡Un neno manda máis que Deus, pois ante Deus non sempre nos inclinamos coa reverencia debida! Daquela, por que se vai perdendo ese mando? Véñoo dicindo: ¡porque o reino da terra é dos malos! O do Ceo, o reino do Ceo, que tamén o veño dicindo, é daqueles que conservaron, ou recuperaron, esa bondade inicial, a dos nenos.
Despois do gateo vén o correteo; ¡arriba e abaixo, en tódalas direccións, e tanto se arredan que por veces ata se perden. ¿Que fan, por que o fan, que queren demostrarnos coas súas andanzas? O neno admira a obra de Deus, goza nela, e con ela, que por iso lle tarda abarcala, descubrila, coñecela, retratala nos seus ollos. Non o di pois aínda lle custa facerse entender, pero pénsao: ¡Isto de criarse, isto de vivir sans e salvos, é unha gozada, verdade que si?
Seguiría sendo unha gozada, por suposto, pero desde que colgamos ante os seus ollos a cortina da soberbia, esa luz, ese goce, atenúanse, e pasamos a darlle máis importancia ao corpo que á alma; o corpo está encima, á vista, tocámolo, e a alma acurrúnchase no noso almario, por tras desas cortinas escuras do vivir materialista. Con iso as gozadas, por veces, quedan disimuladas, eclipsadas.
Hai nenos ilusos, fillos de nais ilusas, que lle oíron opinar á súa nai que, eles, son guapos, guapos e listos; por certo que sexa, ¡ollo!, pois os camiños anchos adoitan levar á soberbia, ao exceso de velocidade..., suicida! A soberbia é un hándicap para aprender; sen humildade, ao darse un por sabio, por ilustrado, péchanse as portas ao saber, ao aprender. A soberbia, o orgullo, a vaidade e maila obstinación, veñen a ser unha comida salgada en exceso: desgraza o mellor dos estómagos!
¿Que pasaría se os primitivos, Adán e Eva, lle dixesen humildemente ao diabro tentador: ¡Vivir neste paraíso é unha gozada, así que xa está ben de tentacións pois sería unha soberbia pedir, esixir, algo máis! O diabro tentador, ante unha afirmación rotunda, nesa enteireza, igual pasaba de tentador a tentado, a tentado de volver á luz da verdade, que ata puido acabar de xeonllos pedindo perdón.

¡É unha probabilidade moi certa, pero, desprezada! Na escola, tempo adiante, diranlle ao neno que os números positivos suman, e os negativos, restan. ¡Os negativos, tal que as guerras, foron outro invento de Satanás!
Logo comeza a época dos porqués: Papá, po que se tiran os pacaidistas? Etapa difícil, comprometida, na crianza dun neno, pois a verdade é que os pais non sempre atopan, non sempre damos coa resposta axeitada. O neno está desconcertado con ese espectáculo de tirarse do ceo embaixo cando el vén con ansias de subir, de elevarse
, se tal fose posible nun neno, nun neno que xa vén das alturas, das alturas da inocencia. Hai que prestarlle atención, cómpre facelo, pois nos por ques insatisfeitos comézanlle as primeiras decepcións. O rapaciño, que vén de Deus, vén coa idea de que seus pais, en particular seus pais, son delegados do propio Deus, anxos de Deus, e resúltalle abraiante, desconcertante, que non o saiban todo, todo de todo. Esa limpeza interior, anímica, escandalízaos terriblemente cando comproban que lles menten, que os bañan nun xurro de mentiras; por iso as cousas escabrosas, ou prematuras, deben dicírselles con suavidade, con discreción, paulatinamente. Se o neno descubre que lle menten, e para iso vén dotado dun sexto sentido, ¡adeus confianza! De alí en diante sempre haberá, sempre quedará, unha fronteira, un cercado meirande cá eses do arame de espiños.
-.-
¿Que leva moitos anos criar un neno, que se perde a paciencia? ¡E que, pois non estamos regalando nada; todo o que lle facemos facémolo por nós mesmos, para nós mesmos, pois os nenos son a nosa prolongación, a nosa meritación, a nosa continuación en propio corpo; si, no noso, xa que gromos son!
Eu tamén son Adán, un neto de Adán, herdeiro de Adán, malicias incluídas. E se fose un bo herdeiro trataría de labrar as súas terras, de facer un paraíso nelas rozándolles as malezas herdadas. ¿Cando se producirá a redención final, a perfección final, a restauración final? Tamén está claro: O día que podamos dicirlle ao noso Señor: ¡Veño de Adán, igual que meus pais, igual que meus avós
, e entre todos pagámosche a débeda, labramos o Edén, e xa volvemos a ter, grandiñas, aquelas árbores do ben e do mal, tan grandes que xa as podemos distinguir! Ao de hoxe sabemos escoller, así que escollemos o ben, o froito do teu agrado! Nese intre, Deus esfarelará a terra para que a súa endeblez non volva a enxurra-lo Ceo, e comezará o goce eterno unha vez superada esta redención foral, ¡a redención dos foros diabólicos! É incluso posible que, de fracasado Satanás, se arrepinta, e sirvamos nós, nós mesmos, de intermediarios para que Deus, perdoados nós, sexa indulxente co diabro
, se tamén se arrepinte, a imitación nosa!
Se puidésemos ver a cara de Deus cando poñemos corpo e alma en sandar ao neno enfermo, doente, daquela moito gozaríamos vendo que nolo está agradecendo o Altísimo, o propio Rei dos Nenos. Lembremos, pois iso entenderao a nosa propia avaricia, que Deus sempre paga o cento por un
, mentres os Bancos adoitan pagar o un por cen, e para iso con retención fiscal; non obstante, sómoslles devotos! ¡Que mal medimos, que mal comparamos!
¿Facemos preescolar na casa, ou pospoñemos, delegamos esta función nos mestres, nos titulares do ensino, sexa público ou privado? ¡Son compatibles, ou máis exactamente, imprescindibles, ambas funcións! Se damos cariño ao recén, xa lle estamos ensinando, ensinando a amar ao próximo coma a nós mesmos, que xa non é pouco, pois a heroicidade non sempre é esixible! O que quere, educa, instrúe, en todo canto saiba, en todo; en todo o bo, se entende! ¿Ou tampouco é gozada o ensino? ¡Si que o é, unha das mellores; ademais de gratificante, gozada, unha gozada infinita!
Cando se teñen entregos ilustres, ben que se presume deles; ¿e se os ilustres son os descendentes? ¡Daquela con máis motivo, pola parte que nos toca, pola parte, polo esforzo, que puxemos no seu alzamento!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.