Criarse, vivir é unha gozada (3)
Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 25 de septiembre de 2026
O neno, nas súas desazóns, por veces irrítase, e outras chora, desconsolado; ¡non pode, non sabe falar, así que dalgún xeito se ten que expresar!, pero as nais sempre atinan coa receita: darlle amor, querelo máis, e máis; a máis necesidade, máis amor..., que niso imitan a Deus, ao Deus consolador, ao Deus salvador! Deus é Pai? ¡Iso din os machistas, na linguaxe humana, pero a verdade é que Deus é único, único en Tres Persoas, aínda que, en tenrura, teña máis de nai que de pai!
¿Haberá grandeza meirande que criar un neno, sexa propio ou alleo? ¡Aquí abaixo, na terra, non! Sendo isto verdade, verdade absoluta, tamén hai que chamarlle afouteza, temeridade, inconsciencia, ao feito de traer ao mundo un número alto, desproporcionado cos saberes e cos poderes dos proxenitores. Xerar pode ser un goce, incluso un goce carnal, pero xerar o que non se pode criar, sempre, e de sempre, é pecado mortal..., porque se mata de antemán ao mal criado, ao mal educado! Daquela é cousa seria iso de fecundar, tan á lixeira, tan inconscientemente que se adoita practicar!
Deus é o Creador universal, que ninguén con sentido común o pode dubidar! A especie humana, por delegación si, pero algo de deuses temos xa que podemos multiplicar as almas, incorporalas cos propios gametos. Os animais tamén xeran, iso é certo, pero fano en precario: reproducen corpos, corpos con instintos, pero sen alma. Entón, se tan distintos somos, ¿por que nos empeñamos en ser, tantas veces, máis animais cós propios animais? ¡Envexamos a retrocesión, imitamos a retrocesión, e de paso, con iso, desprezamos o importante, esa alma, ese espírito que nos foi concedido para gozar de Deus por toda unha eternidade! ¡Amén! Deus nos colla confesados, que falta nos fai de tan animais que somos; e o peor é que non escarmentamos!
A vida, o vivir, por ser un manancial de novidades, improvisadora de espontaneidades, estreadora de orixinalidades e transportadora de transcendentalidades, crea, inventa, realiza transfinitadores, e insíraos en obras novas, espontáneas, orixinais e transcendentes. ¡Sendo uns nada, dominamos e superamos aos animais..., cando razoamos, so cando razoamos!
A todo isto, na nosa especie, para qué nos serven os corpos se o importante é o espiritual? ¡Animal, pois esas burradas só as poden dicir os animais, entre eles o burro, que o temos por un paspán! A carne é un instrumento, un mero instrumento, un soporte, do que está dotada a nosa alma para axudarlle a medrar, a colaborar con Deus na obra excelsa da Creación continua, ininterrompida. Non queiramos saber tanto coma Deus, que tampouco nos fai falta; ¡deunos un cargo, unha encomenda, e con iso basta, que é moito, pois é, de seu, graciable!
-.-
¿Eran nais, nais auténticas, aquelas recén paridas dos séculos XIX e XX, que nada máis dar a luz íanse para Madrid, ¡un día de tren!, para compartir as súas tetas con un descoñecido/a, fillo/a doutro/a descoñecido/a, xeralmente moi ricos, pero que non recibían esa atención maternal? ¡Si que o eran; tan nais e tan meritorias que merecen un monumento, polo menos literario! As miserias deste país, deste país tan rico de xente tan pobre, obrigábaas a eses desprazamentos, co seu neno/nena envoltos na aba dun mandil de lá, caseiro, da tea, ou deixárllelos na casa, encomendados á vaca teixa, para ganar as catro cadelas que lle permitisen vestir aos seus, calzar aos seus, ¿nutrir? aos seus!
As madrileñas, emperradas en seguir delgadas e atractivas, pirradas por asistir a saraos e demais convivencias sociais, encomendaban ás nosas, ás galegas, a vivencia dos seus cachorros
, por catro cadelas, por catro cobres! ¡Ben lles pintou a aqueles madrileños mexidos en blondas, que así incorporaron algo do sangue galego, do sangue suevo! Falando do sangue, do sangue usurpado: Drama, drama e abuso, foi criar aquel infantiño hemofílico, de orde XIII, con transfusións procedentes dos nenos galegos, que así lle constaba, que así mo contou, con detalles horripilantes, a propia cociñeira dos Romanones, miña avoa materna por máis datos. ¡Veña embutir sangue a quen pasaría o resto da súa vida xactándose de sangue puro, azul! ¡Pois non, e poño de testemuña á súa, á súa avoa, e tamén á propia nai; se minto, que mo veñan dicir, aínda que sexa en inglés!
Ama de cría, lles chamaban. O malo era que á volta, o seu compañeiro, esquecido, ou máis ben ignorante dos traballos padecidos, poñía á súa dona en estado de seguir aleitando, a pares! Se aquelas non eran nais sacrificadas, dobremente nais, onde están as verdadeiras, as meritorias? ¿Eran sufrimentos, non si? Non, no fondo non o eran pois as dores deste mundo están por debaixo dos goces cando se asumen co pracer e coa intención de ser útiles, sexa a un mesmo ou ao próximo. ¡É a filosofía dos mártires! Ensinóunolo o propio Xesús, nada menos que desde a cruz!
-.-
Cando sorrí un neno non é mortal, é anxo; ¡xa o é! Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino do Ceo. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
¡Aí é nada: polo feito de nacer, xa herdamos! Pero non un reino calquera, pois iso pode herdalo un calquera, por simple tradición, por unha causa calquera. O Reino importante é o maiúsculo, o anunciado polo propio Xesús: ¡o do Ceo! Daquela tratade ben aos nenos, pois eles son herdeiros, son señores; aínda o son, pero de maiores, se están extraviados e non retornan ao bo camiño, ao camiño real, adeus herdanza!
¡Ai daquel que escandalice a unha criatura, que máis lle vale atarse unha roda de muíño, e tirarse ao banzado! Pecado sutil, pouco visible e demasiado frecuente, que abunda máis cás serpes! Algo así fixo Lucifer coa Eva, e con Adan, que os apartou do bo camiño. ¡É tan fácil enganar un neno, mandalo polo carreiro dos toxos! Pero aqueles do paraíso sabían o que facían, que esa agravante tiveron; os nenos, de momento, non; os nenos son materia fráxil, quebradiza, así que, deformables, ¿e quén endereza unha árbore que se criou torcida? Desde que nos volvemos pecadores, veña facer proselitismo, como se lle tivésemos envexa á inocencia, e realmente é certo que lla temos.
O neno que se torce porque lle gusten as tebras, porque lle guste esconderse do sol, esconderse da luz divina, camiñar pola silveira, se o fai motu propio, de propia iniciativa, vai listo, que non sempre terá a sorte de atopa-lo carreiro bloqueado, protexido por un gardián que lle ordene: ¡Volve para atrás, e non peques máis!
Un neno ben formado, educado por uns pais responsables, levará consigo, de por vida, un detente para o diabro. ¡Por penalidades que lle saian, gozará; gozará na seguridade de coñece-lo camiño, de coñecer, de antemán, o premio que lle agarda. Sacará nota, ou non, pois iso dirao o Xuíz Eterno, pero, un aprobado
? ¡Iso sempre, sen dúbida! ¿Agradecemos a educación recibida, os esteos paterno-filiais? ¡Por desgraza, non sempre! Pero neste mundo convulso o de menos son os desagradecementos xa que, Aló Adiante, Aló Arriba, dos axustes ninguén se libra, e se moito aguantamos, máis recibiremos, a Deus grazas!
-.-
O neno tarda moito en falar, pero pouco en sorrir, que é a mellor das falas; co seu sorriso, cativa. ¿A todos? ¡A todos, menos aos brutáns, aos que se pasaron ás filas dos animais, dos inhumanos!
Aló por dentro algo lle di que ten a obriga de participar ao mundo a súa tenrura, e daquela comeza a balbucir. ¡Antes de falar xa é un apóstolo da bondade! Pero, ¡meu pobre!, está tan encalecida a humanidade que pouco caso se lle fará. Con iso e con todo, ¡ai de nós se non houbese sorrisos anxelicais!
¿Por que choran se non os mexemos? ¡É a súa forma de chama-la atención, e iso por dúas cousas: A principal, para lembrarnos que, de vidos ao mundo, de igual xeito e de igual procedencia, somos irmáns, e como irmáns debemos tratarnos, e coidarnos, e amarnos, maiormente sen abandonar aos desvalidos. A seguinte, que non segunda, é que, nada máis nacer, e nalgún caso xa os trae da matriz, de dores non se libra, e atención precisa. ¡É un favor que nos fai, pois quen coida dun neno, do Neno Xesús está coidando, e iso é unha gozada; ou non é gozada acumular méritos para o Ceo?
Un bo día rompemos a gatear. Aínda nos pesa moito a cabeza, e témo-lo centro de gravidade nela, desprazado
, pero co tempo entramos nese refrán que sostén que, o que non ten cabeza ten que ter pés! Canto máis lixeiros somos, máis nos apegamos á terra. Para levanta-la cabeza arrimámonos ás cousas, pero o mellor de todo é contar cunha man que nos sosteña amorosamente
, principio psicofísico que non tardamos en esquecer! ¿Isto é afirma-la personalidade? ¡Non exactamente, pois a personalidade vai por dentro, xa veu con nós, e os pasos seguintes o que fan é complica-las tendencias, ou afianza-las, que iso tamén se dá! Afirmamos o físico máis ben, pois ao mundo impórtalle o material, e somos tan dados a imitar!
Unha nai que tal sexa, nunca esquecerá o primeiro dos "ma-má" da súa criatura. ¿Dino porque lles é máis doado de pronunciar, máis que o de "pa-pá"? En parte, só en parte, pero entendo que máis ben o facemos
, por agradecemento, nove meses de albergue, e outros tantos de fonda co leite maternal! A tendencia ao desagradecemento virá despois, por
, por contaminación ambiental!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.