¿Nacemos perfectos? ¡Non, en ningún aspecto; pero, perfectibles, si! Esta perfección, este perfeccionamento non é automático pois require unha infinidade de estímulos externos. Comeza nas contraccións da nai, que a pobriña bo esforzo fai para que non sufra a criatura, para que estree a liberdade de saír ao mundo sen atrancos, ou cos menos posibles. Collidos nos seus brazos, se fai frío danos calor, e se sobra, abánanos con canto de axeitado teña ao seu redor. Non sabemos do seu peito, que aínda non o vemos, pero ela, ¡elas!, ben cariñosas son achegándonos a mamila. A todo isto o pai axuda, protexe, colabora, pero en segundo plano; o tradicional é que o "Xosé" busque aloxamento, e co aloxamento, toda a asistencia posible.

¿Como lles pagamos? ¡De momento con un sorriso, un sorriso anxelical, un sorriso de anxo que pide, que reclama, como mínimo, auga de socorro, mentres non chega a oportunidade de lavarse no Xordán da pía bautismal!
Non lle damos grazas a Deus por traernos a este mundo, por admitirnos nel, porque..., porque a nosa lingua aínda non sabe falar, que terá que aprender; iso tamén! A lingua comeza por balbucir, que as verbas virán despois, pero a alma..., a alma, si; a alma vén afeita a estar con Deus, e só se apartará cando aprenda a pecar! Xesús, coa parábola do Fillo Pródigo, ensinounos a volver, mostrounos o retorno, e no retorno, o perdón paternal; daquela, se iso fixo aquel pai, ¿que non fará o pai de tódolos pais, o Pai Eterno, bondade suma, bondade perfecta, bondade exemplar? ¡Non hai que temerlle a Deus; hai que temernos a nós, a nós mesmos, tan traidores que somos que nos traizoamos con aleivosía, facéndonos crer que Deus é tan rufián coma nosoutros, tan vingativo coma nós mesmos! ¿Non se di que o ladrón pensa que todos son da súa condición? ¡Este é o caso, un deles! De propósito: ¿Por que non lle declaramos a guerra a Lucifer, toda a humanidade armada coa caridade, con fe, e con esperanza? Se fose para cousa mala seguro que nos uniríamos, sen distinción de credos nin razas. ¡Retamos a Deus, ao Deus da bondade, e fincamos os xeonllos, abatemos a espada, ante o anxo rebelde, e iso que coñecemos a súa traizón! Daquela, que somos? ¡Está claro: desertores; outros anxos desertores!
¡Naceu o neno, e renaceron os pais pois agora teñen ocasión para coñecer aquilo que non lembraban, aquilo que non sabían dos seus; agora tócalles coller de modelo a María e a Xosé! ¿Que o teñen nunhas pallas...? ¡E que; tamén naceu en pobreza o Fillo de Deus!

A pobreza non é demérito; só é demérito ser pobre, pasar calamidades, e facérllelas pasar aos seus cando, podendo, non queremos poder! ¿Quen, como e cando? ¡Quen vai ser, aquel que, podendo traballar, prefire folgar! Xosé traballou, Xosé carpintexou, e cando coidou que perigaba o porvir daquel neno, e iso que non era seu, emigrou!
Non precisou educalo, pois, vindo de quen viña, educaba El, aínda que só fose coa impresión que causaba, desde o propio portal, desde aquel presebe das pallas: Pastores, Magos
; ¡só quedaron fóra os malos, encabezados por Herodes, aquel matador de Inocentes! Calquera dos pais, diante dun neno recén parido, recén saído, recén nado, está, séntese, no Portal de Belén; e tamén o adoran, pois adorando na súa criatura están adorando ao propio Xesús, que lles concedeu unha imitación súa.
Deus puido baixar, presentarse, estar, permanecer, e incluso salvar, de mil maneiras, pero, no seu perfeccionismo, optou por magnificar, por glorificar a nacenza, o feito de nacer. ¿Que despois dos gozos veñen os sufrimentos? ¡Si; e que? O Calvario seguiu á gozada dos Ramos, certo é, previsible era, anunciado estaba, pero todo fixo falta para que nós, carnais que somos, frouxos que somos, tivésemos o coñecemento, a certeza de que, se a encarnadura é débil ante os sufrimentos, o espírito de sacrificio e de entrega á obra de Deus acabará vencendo! "Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz". Foi o clamor da carne, mais sobrepúxose o espírito para aceptar rotundamente: "Pero non se faga a miña vontade, senón a túa". ¿Aínda non o temos claro? ¡Pero se foi unha lección do Mestre, unha de tantas leccións, súas, e todas exemplares, maxistrais! Atención incrédulos: ¡No exame final non hai setembro! Daquela, ¿que facemos? ¡O único posible: aproveita-lo tempo, e non latar as clases de Deus, que nos puxo en camiño, que nos mandou, no Evanxeo, co Evanxeo, á escola do Mestre dos mestres, seu propio Fillo!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.