¡E máis que o sería se nos deixasen vivir en paz!
Xa que logo cómpre seguir,
e tirar do folgo con entusiasmo,
sen folgar;
de subidos á torre, por vella que sexa, outear!
Dediqueille este "estímulo"
ao meu neto Andrés,
no día da súa primeira comuñón.
¿Quen dixo desta vida que é un val de bágoas? ¡Iso será para os pesimistas, para os incrédulos, para os odiosos, para os tediosos, para os devotos do cansazo!
Nosas nais foron felices paríndonos, non si? Daquela, podemos decepcionalas? ¡Non, que sería pecado mortal! Vivir non é unha aventura senón unha ventura, a ventura de que sexamos capaces de discorrer, e por tanto, de medrar, de colaborar con Deus na inxente tarefa de perfecciona-lo mundo
, perfeccionándonos nós, nós mesmos, a nós mesmos!
Todo ser vido ao mundo é un herdeiro da gloria celestial, pero iso será se non renunciamos á filiación divina, pois aquí non cabe aceptación a beneficio de inventario. ¡Se o balance é positivo, o saldo será positivo! ¿Que hai pasivo? ¡Por suposto que o hai, que por iso a vida é unha empresa, unha empresa magna, a empresa dos activos perdurables, indisolubles, eternos! ¿Que hai que pagar aos acredores? ¡Claro, como en toda empresa solvente, pero temos con que, aportando méritos, con tal de que non nos neguemos a facelo!
¿Que algúns son curtos de entendemento, ou frouxos de saúde, ou criados na miseria dunhas pallas?
¡Iso non é óbice nin atranco, pois o noso Señor tamén nelas se criou, e logo que é tan señor que ten por norma, á final de cada viaxe, premiar, con creces, aos seus fieis, aos seguidores, cento por un! Con tal premio, quen será tan necio de volverse atrás, por pedregoso que resulte o noso camiñar? ¡Levántate, e anda, que esa é a consigna; lávate, e non volvas a pecar! ¡Meu Deus, que Deus, que Señor tan bo, tan xeneroso, e tan perfecto, teño! Con isto sabido, con isto revelado, ¿quen se atreve a dicir que son pesados os Teus mandatos? E logo que nisto da salvación non hai competidores, pois o premio será xeral, que no Ceo todos son Xenerais, homes e mulleres; estrelados, condecorados!
Hai algo moi sinxelo, que non por iso deixa de ser importantísimo, incluso tráxico, terriblemente tráxico, e non obstante pásanos desapercibido, particularmente aos abortistas: ¡O pecado orixinal pasou de pais a fillos porque
, porque Adán e Eva xeraron os fillos despois da súa rebelión, simplemente por iso! Se acerto a explicalo será doado de entender: Dun xeito parecido a como non temos molécula á que non chegue o noso sangue, tampouco a temos que non estea saturada de espírito; pois ben, cando se desprenden, os gametos viaxan con toda a súa substancia, así que neles vai a vida, esa vida transcendente, infundida por Deus ao ser humano no intre da Creación. Aqueles espíritos, aquelas almas, aqueles anacos de almas, aquel fermento, no caso dos avós edénicos, Adán e maila Eva, xa ía sucio, e por ende, contaminado, contaminante. ¡Que burros, que irresponsables, que puideron face-los fillos antes da súa rebelión, antes daquel experimento temerario, antes daquela insubordinación, pero
, chamounos Lucifer ao seu partido, e non cavilaron nas consecuencias dunha mala elección! Pero, o que foi, foi! Agora, de presente, unha, por escarmentados, e outra, porque tivemos un bo Mestre, o mellor de todos, ¡que ese si que foi ben xerado, polo propio Deus!, aquel que se volva atrás, xa o sabe: estatua de sal!
Desta reflexión hai que tira-la seguinte: que hai vida, vida plena, un novo ser, incipiente pero completo, desde o momento da conxunga, e por tanto, quen anule ese feto, crime comete, pois matando está!
As molestias, e incluso as bágoas, que atopemos polo camiño, se ben se mira, nada son, nada en comparanza co premio que nos reserva Deus: Unha eternidade no reino eterno, no reino da luz! Chamámoslle dar á luz ao paso da primeira vida á segunda; e dicímoslle morte ao segundo, á separación do lastre carnal, imprescindible para que a ánima teña vida propia, independente, etérea, eterna. O noso verbo, o verbo carnal, o oral, certamente é pobre, raquítico, pois a luz, a nítida, a perfecta, vennos despois, no segundo parto. No primeiro dos nacementos abandonamos a placenta, e no segundo abandonamos o resto da materia. ¡Ese, este último, é o nacemento definitivo, o espiritual, o paso da penumbra á luz eterna! ¿Cabe unha marabilla meirande? ¡Pois tranquilos, que así será! Onde podemos ter certas dúbidas é neste parto último, no definitivo, xa que
, tamén pode ser doloroso! ¿Como así? ¡O corpo esfarélase, pero a alma, ao sobrevivir, terá un bo parto se vai coidada, se vai lavada, se vai arrepentida! ¿Deus sería Deus se tratase por igual aos bos e aos malos? ¡El é bo, boísimo, pero xusto, tamén, e igual que castigou aos adáns do paraíso, como vai cometer a inxustiza de darlles igual premio aos desertores que aos heroes, aos seus heroes, aos que se tomaron certas molestias nesta guerra terreal, inacabada e inacabable, entre Deus e Lucifer?
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.