Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 11 de septiembre de 2026
O que queda dun instante

Foi pouco tempo, apenas un anaco de tarde que, por algunha razón, parecía querer quedar. A calor caía con forza e nin sequera a sombra das árbores era quen de amortecela, pero había naquela quietude algo difícil de explicar. O aire estaba cheo de pole, de mosquitos e de pequena bicharada, e todo parecía entregado a unha danza desordenada. Pingas de Orballo Porén, nada conseguía romper aquela sensación de calma. Era coma se, durante uns minutos, o mundo aceptase deterse.
Os ollos tiñan un brillo especial, máis intenso ca propia luz do día, e o sorriso ía abríndose devagar, sen présa, como se a ledicia estivese agardando desde había tempo por aquel momento. Non facían falta demasiadas palabras. Ás veces abonda unha presenza, un xesto, unha mirada que permanece un segundo máis do necesario, para que todo o que acontece arredor perda importancia. Mesmo a música que chegaba de lonxe parecía formar parte daquela escena, un fado de esperanza que se mesturaba co rumor das follas.
Todo parecía encaixar naquela pequena porción de tempo. A mesa, a sombra, a calor, o zunido persistente dos insectos e aquela sensación de estar exactamente onde cumpría estar. A poesía, caprichosa, bailaba unha polca por entre as patas da mesa, mentres o instante se volvía máis grande ca o propio lugar. Quizais fose iso o que facía especial aquela tarde: non había nada extraordinario nela e, con todo, todo parecía extraordinario.
Foi pouco tempo. Mais hai instantes que non necesitan durar para deixar unha pegada. Permanecen nalgún lugar da memoria, asociados a unha calor, a un sorriso, a unha música ou simplemente á certeza de que, durante uns minutos, a vida pareceu estar no seu sitio.

O silencio pode bailar

Só sei que non sei nada. É mentira. Algo sei. Outra cousa é que conte ou non.
Hai cousas que non se deberían contar, como as hai que non se deben gardar. Os segredos non se contan. As penas desafóganse. Os pensamentos ou sentimentalismos... uns si e outros non.
Sei que algúns versos riman e outros van por libre. Tamén sei que o silencio deixa de ser silencio cando o ruído chega correndo da festa. Ou viceversa: cando o ruído se esconde entre as paredes da noite pecha, é cando o silencio pode bailar un tango na punta dunha deda.
Sei que o toxo pica, a silva engarra e a bolboreta baila. Baila sobre ese verso que vai por libre, porque a liberdade é ese dereito, ou esa posibilidade, de poder decidir se podo contar o que sei, aínda que semelle que non sei nada.
Pero sei, vaia se sei. Sei que, máis alá de Orión, hai moito máis universo. Que o universo, din, non ten fin. Que a finalidade dun sentimento é facer realidade a esperanza. A esperanza é esa sensación que dá moita guerra cando o silencio se apodera dunha almofada branca.
Sei que practicamente todo vai e vén; que o que xa non está é porque estivo; que o bambán da melancolía deixa de abanearse cando ninguén o empurra... as accións, o tempo, os recordos, a memoria...
Só sei que non sei nada. Sei, sei. Sei que o día que rebente o mundo será porque un berro seco, ou gozoso, se pasou de decibelios. Sei que todo está na miña cabeza. Outra cousa é que o diga ou non, que o pregoe ou non.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES