Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando o vestido mostra algo máis

Sampedro, Pilar - jueves, 10 de septiembre de 2026
O legado Beiras Cal ofrécenos unha nova exposición. De novo en Muras, ese lugar onde hai máis eólicos que habitantes pero, sobre todo, onde naceu Antía Cal, a pedagoga que fundou o colexio Rosalía de Castro en Vigo.

Neste caso, tratouse dun evento - exposición que durou unicamente tres días, do 27 ao 29 de xuño de 2026 na Aguias (Muras).

O seu título: "O meu vestido volve a Muras". Setenta e nove anos despois da voda, que se realizou no mesmo día da festa (29 de xuño de 1947) e anos despois da voda da nai. Cando o vestido mostra algo máis Agora, unha revoda ao redor do traxe branco feito a man en satén duchese por unha costureira familiar que era xordomuda: a tía Elena. Un traxe comentado por alguén do mundo da moda que pode facelo con todas as da lei. Unha voda que se pon en valor na voz dun antropólogo que nos lembra como eran os costumes de voda e compromiso naqueles tempos. A reportaxe do álbum de fotografías de Ksado, o fotógrafo de referencia das Irmandades, do SEG, da xeración Nós, aquel que máis que polo que gardou debe ser recoñecido polo que destruíu para salvar aos galeguistas perseguidos pola horda fascista. Tantas historias descoñecidas ás que accedemos a través da visita guiada que se nos fai.

O vestido vese acompañado polo de primeira comuñón e o do primeiro baile compartido co mozo, este de moaré rosa. Colgados no alboio familiar, nas pedras que fan parede orixinal, nas perchas daqueles anos, algunha delas chegada de Cuba. Ao lado da porta de entrada un velo branco movido polo vento. Ao seu carón senta o violinista que dá entrada á inauguración con tres pezas acaídas: o Alalá das Mariñas, a Mazurca do Cadramón e a Muiñeira de Pontesampaio. Carmen Varela, a secretaria do Legado, introdúcenos na maxia do que nos agarda. Cando se abre o portalón atopamos o vestido sobre un fermoso maniquí coa cabeza envolta nun tecido branco, saudándonos. Detrás catro damajuanas con rosas brancas. Nas paredes o resto dos vestidos, as fotos, os textos, a fotografía dunha instalación de Miguel Piñeiro coas cartas de Antón Beiras a Antía Cal atadas con cintas. Nun expositor algunha desas cartas nas que Antón lle conta, lle pide que ilustre os seus inventos, se comunican cando non é posible facelo directamente. Cando o vestido mostra algo máis Cartas que emocionan porque falan dun camiño que encetan xuntos, sen palabraría nin sentimentalismos ñoños. Tal como debían ser nalgún momento as relacións e os sentimentos que as orixinaban. 601 cartas de amor das que tivemos noticia no documental 'A palabra xusta' e seguimos coñecendo a través desta exposición.

Xunto aos vestidos a máquina Singer con cadernos e libros nos que se aprendía o que non se facía coa práctica. Unha máquina Sanz de forrar botóns completa a instalación.

Os do Legado teñen esa querenza por encher de dignidade o rural, colgando o que aparece nos faiados da memoria, en alboio e taberna. Xuntar cultura, amosala, reivindicar sen berro, caladamente. Reivindicar o valor do que houbo: eses vestidos feitos na casa por costureiras anónimas dos que poden falar hoxe as modistas que representan as casas máis recoñecidas como Vanessa Datorre de Böuret. A universidade (Mariño Ferro) traendo a súa ciencia para iluminar un feito cotián, os traballos de Beiras dedicados a Antía co agradecemento polo seus debuxos, os textos do diario de Antía Cal sobre o noviazgo e a voda, unha nota biográfica sobre o fotógrafo Ksado... A foto da voda na que aparece un rapaz convidado que non é outro que Xosé Manuel Beiras coa mesma cara e expresión que conserva ao longo do tempo. Atopalo aí, na nenez, é saudar o país dos soños anos atrás.

Unha exposición de tres días. Un evento nunha aldea de non máis de tres casas e a demostración de que temos historia, temos lugares e as persoas que nos poden colocar ao máis alto nivel. Só nos falta a xente, é dicir o país, é dicir os nosos representantes. Xa o dicía deus cando creou este pequeno mundo e lle reclamaban os anxos por darnos tanto: - Ai, si, aí lles queda o país e aí lles vai a xente para acabar con el.

E, no medio, seres de luz como aqueles que son protagonistas de voda e vestido, foto e cultura, aqueles que fixeron o banquete de voda nunha carballeira ("respirando país" en palabras da introdutora) e que agora volven mostrar "a memoria do cotián e do íntimo", do persoal e do colectivo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES