Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dona Constanza de Castro segue en Caldaloba

Meilán García, Antón X. - lunes, 14 de septiembre de 2026
Nun fermoso artigo de Elena Varela no xornal El Progreso (28-8-26) titulado «De Caldaloba a Torés», un criado de dona Isabel de Castro, Breixo, leva unha carta de despedida para a súa filla, Beatriz, ao pazo de Torés. Nela dinos que «Levo a tristura no peito, a morte da tua irmá Constanza por beber auga podre, agoniando nos meus brazos. Démoslle leito ao pé da torre de Caldaloba cuberta de flores... ouveou a loba branca á lúa aquela noite». Aquela noite Galicia quedou cincenta, derrotada e sen forzas: mataron a unha muller que levaba na alma toda a rebeldía dos Cela e os Castro, e no sangue toda unha forza herdada dos celtas, dos mortos no monte Medulio e dos colegas irmandiños. O seu pai, don Pedro Pardo de Cela, resplandece e perdura coma «estrela escrarecida» na Frouseira, e en Mondoñedo descansan os seus restos xunto cos do fillo no presbiterio da catedral. O bispo, non pediu por el coma Diego de Andrade en Caldaloba pediu ao Rei por Fernán Ares e salvoulle a vida, mais, ao menos, acolleu o seu cadáver na sé mindoniense despois de facerlle asinar o testamento na casa do cóengo Fernán Balea. Para a igrexa, foron máis prioritarios os bens materiais que a vida. O machado acabou co Mariscal, mais non coa acordanza da loita na Frouseira: «De min a triste Frouseyra / Que por treyçon foy vendida / Derribada na ribeyra / Ca jamais se veo vencida», pon «O pranto da Frouseira». A súa mai, dona Isabel de Castro, desposuída de bens, casas e criados, foi morrer de dor, tristeza, angustia e soidade a unha fortaleciña en Castromaior (Abadín), e alí no adro da igrexa da Santa, descansan os seus restos. Mentres, Constanza aínda loitaba en Caldaloba, fortemente asediada «con moita xente a pé e a cabalo» polas tropas dos Reis Católicos, dos Andrade e de Álvaro Gonzalez Ribadeneira. Daquel cerco, non saía vivo nin unha volvoreta. No fronte da torre, aínda se poden ver hoxe os ocos dos bolaños arrebolados polos trabucos. Non puideron tomala nin dobregar a dona Constanza. Envelenaron as augas, morreron varios defensores, entre eles, dona Constanza e soterrárona alí. E alí seguen os seus restos e a súa memoria. E desde alí, desde entón ata sempre, espállase o seu espírito a toda a chaira vilalbesa, ancha, longa, alta, de ceos azuis e verde coma o coto do Mato, onde segue ouveando a loba branca nas noites de lúa chea por dona Constanza de Castro.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES