O paradoxal nas innovacións sociais (2)
Rubal, Pedro - viernes, 25 de septiembre de 2026
Tampouco se lle pasou a Ortega e Gasset, no seu tempo, de indicar que emerxe o nacemento dunha nova historia que nos IMPIDE VIVIR A ESTABILIDADE COA QUE CONTÁBAMOS, sobre todo se non queremos ser vítimas na situación na que predomina a xestación de crenzas e valores opostos, que esixen adaptacións aos cambios históricos. Pero engademos a isto, para manter o paradoxal destas situacións, que a nosa vida mellorou en comodidades e anos de vida, e tamén existe unha corrente social de opinións favorables a mellora da pobreza, hoxe dotada de asistencia sanitaria, que tamén progresou na terapia de enfermidades, antes mortais, ao que contribuíu o desenrolamento económico, o progreso tecnolóxico e unha mellor educación, debido á posibilidade de aumentar as inversións públicas. Por suposto que tamén resulta interesante pensar ata que punto o aumento no control sobre o mundo material non implica un aumento nas realizacións persoais, e incluso algúns investigadores sosteñen que nos leva a unha certa alienación, tal e como evidencia unha apreciación de Bauman referente a debilitación dos lazos comunitarios na modernidade líquida. Creo, pois, que podemos afirmar que o noso estado existencial está pasando por unha etapa desconcertante, acentuada polas aberracións políticas.
O problema que nos traen estas situacións, na miña modesta opinión, é saber como deben xestionarse, porque o paradoxal nas innovacións evidencia que as cousas na sociedade non marchan ben, e lévana ao caos nas diversas institucións que a estruturan. Rómpese co vello e isto leva consigo a necesidade de resolver conflitos entre o vello e o novo, e neste ambiente impregnado de constantes contradicións o aconsellable é aprender a convivir para reducilas e incluso abandonalas, unha tarefa esta difícil, porque o vello resístese a aceptar que, co pasado, non se pode dar solucións a un futuro sen introducir innovacións, que poden precipitarnos nun mar de inexperiencias fantasmais. Digamos que o vello representa o freo do progreso e o novo o acelerador; pero na vida tamén hai curvas e indicadores que aconsellan a regulación das dinámicas. Así, pois, esas situacións sementadas de paradoxos tal vez se deban xestionar ensaiando unha convivencia complementaria, valorando os efectos estimulantes dos paradoxos para cambiar, e tendo presente que, a súa vez, este cambio non se realiza sen perturbar o contexto ambiental, onde asenta a inmutabilidade, todo o cal leva a unha crise, que, aquí tamén con paradoxo, abre o espazo da oportunidade para innovar.
Por outra parte, os cidadáns queren ver resultados prácticos. Xustamente por isto, sen deixar de valorar as propostas teóricas de competentísimos investigadores/as e estudosos da temática en xeral, eles queren percibir empiricamente as propostas teóricas, non só no referente ás achegas necesarias para culminar todas as fases do necesario proceso, senón tamén a realización produtiva, como garantía da adecuación do correspondente proxecto innovador. Por exemplo, as pequenas e medianas empresas soen operar en sectores de baixa intensidade tecnolóxica e a innovación pode ser considerada como un risco que as leve a un fracaso por unha inadecuada innovación, e aquí é preciso pensar en algo complementario, evitando riscos innecesarios.

Rubal, Pedro