Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

35 anos pensando o mundo desde Galicia

Ríos, Xulio - jueves, 10 de septiembre de 2026
O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) cumpre 35 anos. É un longo percorrido no que ten acreditado a súa condición de think tank especializado na análise internacional e na proxección exterior de Galicia. Tres décadas e media dedicadas a observar, interpretar e explicar as transformacións do mundo, pero tamén a defender esa idea que segue a ser plenamente actual de que Galicia necesita instrumentos propios para pensar o mundo e para pensarse a si mesma no mundo.

Chegar aos 35 anos neste país non é cousa menor. Moito menos cando o desamparo institucional e a escasa cultura de apoio estable ao pensamento independente teñen sido, durante boa parte destes lustros, unha característica recorrente. Manter un proxecto desta natureza durante tanto tempo require perseveranza, capacidade de adaptación e, sobre todo, convicción na utilidade da tarefa emprendida.

Paradoxalmente, esa condición de emerxencia desde a propia sociedade civil e a súa independencia constitúen tamén, a posteriori, unha fortaleza. O IGADI naceu e medrou desde esa vontade de construír un espazo propio, non subordinado a intereses partidarios nin dependente dunha determinada conxuntura política. Esa autonomía permitiulle atravesar diferentes etapas, cambios de Goberno e profundas transformacións do sistema internacional mantendo como vocación esencial o contribuír a que Galicia dispoña dunha mirada propia sobre o mundo.

É ben sabido que esta é unha carreira de fondo. Os tempos en Galicia son lentos e, ás veces, excesivamente lentos. A consolidación de determinadas capacidades, especialmente cando se sitúan no ámbito do pensamento estratéxico, da internacionalización ou da acción exterior, require paciencia e continuidade. Pero precisamente por iso os 35 anos adquiren un significado especial. Non estamos só ante unha efeméride. Estamos ante a constatación de que existe unha necesidade e de que, pese ás dificultades, foi posible construír unha resposta.

O contexto internacional no que o IGADI iniciou a súa andaina era, ademais, profundamente diferente do actual. Naceu nese momento icónico de finais dos anos oitenta e comezos dos noventa no que se desfacía o mundo bipolar e chegaba ao seu remate a Guerra Fría. Parecía abrirse entón unha etapa marcada pola expansión da globalización, pola confianza na cooperación internacional e pola consolidación dun determinado modelo de orde mundial.

Hoxe asistimos ao final daquela transición. O sistema internacional está a experimentar unha transformación de fondo. A distribución do poder está cambiando, a competencia entre grandes potencias recupera unha centralidade que parecía superada, emerxen novos actores e novas áreas de influencia e cuestións como a tecnoloxía, a seguridade económica, o cambio climático, as cadeas globais de subministración ou a intelixencia artificial están redefinindo as relacións internacionais.

Estamos, en definitiva, ante unha nova fase de configuración da orde global. E isto fai aínda máis necesaria a existencia de espazos capaces de interpretar estas mudanzas desde Galicia.

Esta sería a primeira consideración que cómpre facer con motivo destes 35 anos: a necesidade obxectiva dun espazo de pensamento estratéxico propio nun momento de transformación internacional profunda.

A internacionalización xa non é unha dimensión complementaria da realidade galega. Incide directamente sobre a economía, a sociedade, a cultura, a enerxía, os portos, as infraestruturas, a innovación, as universidades, as empresas e, en definitiva, sobre boa parte das decisións que condicionan o noso futuro. Galicia está inserida nun mundo cada vez máis interdependente e competitivo. Pensar esa realidade desde aquí non é un luxo académico, é unha necesidade estratéxica.

A segunda consideración ten que ver coa propia natureza do proxecto. Aos 35 anos, o IGADI debería poder ser imaxinado como algo máis que unha iniciativa particular, é dicir, como un proxecto compartido, un proxecto de país.

Isto require unha mirada transversal e transpartidaria. Unha institución de pensamento internacional ten valor precisamente cando é capaz de reunir sensibilidades diferentes arredor dunha preocupación común: coñecer mellor o mundo e fortalecer a capacidade de Galicia para actuar nel.

As institucións públicas teñen aquí unha responsabilidade evidente. Apoiar o pensamento independente non significa instrumentalizalo. Ao contrario, significa recoñecer que a independencia e a pluralidade son condicións que incrementan o seu valor. Un país maduro non debería desconfiar dos espazos autónomos de reflexión, senón consideralos parte necesaria do seu ecosistema intelectual e estratéxico.

É unha cuestión que ten especial relevancia en Galicia, onde en demasiadas ocasións seguimos padecendo unha certa cultura do "propio" fronte ao común, unha tendencia a considerar que aquilo que non é "dos nosos" carece de valor ou debe ser sometido a sospeita. Esa lóxica clánica é particularmente perniciosa cando se trata de construír capacidades colectivas. Un país non gaña capacidade porque determinados instrumentos sexan patrimonio dun grupo, senón cando consegue que eses instrumentos estean ao servizo dunha visión compartida e aberta.

O IGADI pode e debe formar parte desa arquitectura.
Non se trata, naturalmente, de idealizar estes 35 anos nin de considerar concluído o camiño. Máis ben ao contrario. A celebración debería servir para abrir unha nova etapa. Se o mundo mudou profundamente desde aquel 1991 no que o IGADI iniciou a súa andaina, tamén debe mudar a forma de pensar a presenza de Galicia no mundo.
O desafío xa non é simplemente explicar o que acontece fóra. É relacionar esas transformacións coa realidade galega, identificar oportunidades e riscos, anticipar tendencias e contribuír a formular respostas. É pasar da análise á prospectiva e, cando sexa posible, da prospectiva á estratexia.

Hai, polo tanto, motivos para celebrar estes 35 anos. Pero hai tamén motivos para esixir máis. Porque o mellor recoñecemento dunha traxectoria tan longa non debería ser simplemente mirar cara atrás, senón preguntarnos que instrumentos necesita Galicia para afrontar as próximas décadas.

O IGADI naceu cando desaparecía un mundo e comezaba outro. Trinta e cinco anos despois, volve atoparse ante unha encrucillada histórica. A diferenza é que agora sabemos que as transicións internacionais non son episodios breves, senón procesos longos, complexos e incertos.

Contar cun instrumento como o IGADI é, neste contexto, algo que deberiamos celebrar e impulsar folgadamente. Non só polo que representa a súa traxectoria, senón polo potencial que encerra para o futuro. Porque pensar o mundo desde Galicia é tamén unha forma de pensar Galicia. E probablemente esa sexa, despois de 35 anos, a razón máis profunda para seguir.

Xulio Ríos é Presidente de Honra do IGADI que fundou en 1991 e dirixiu durante 25 anos.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES