Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cinco anos sementando convosco

García Cadiñanos, Fernando - martes, 08 de septiembre de 2026
Cinco anos sementando convosco Mensaxe do obispo de Mondoñedo-Ferrol no 5º aniversario da súa ordenación episcopal e toma de posesión como bispo diocesano.

Hoxe hai cinco anos que estou con e para vós. Paréceme unha data redonda para compartir algúns dos sentimentos que me envolven neste día e mirar cara atrás o camiño compartido xuntos. O meu obxectivo é tratar de descubrir a pegada de Deus e o seu paso na sinxeleza de cada día e percibir como El vai facendo historia a través de nós.

O primeiro que xorde no meu corazón é a acción de grazas: "O Señor estivo grande connosco e estamos alegres" (Salmo 126,3). Quero dar grazas a Deus polo agasallo que me fixo de poñerme no voso camiño e entrelazar as nosas vidas no proxecto de amor que El ten para connosco. Sen dúbida, son moitas as probas e os motivos desta acción de grazas. Aínda que a nosa Igrexa de Mondoñedo-Ferrol é humilde e sinxela, con moitas fraxilidades e retos que ben coñecemos, hai moitos elementos pequenos que manifestan a beleza e grandeza desta comunidade de crentes. Talvez, metidos na cotidianeidade de cada día e mesturados cos nosos complexos, somos incapaces de percibilos e descubrilos. É no pequeno e no sinxelo no que Deus vai construíndo o seu Reino! Deus, que se encarnou, escóndese no aparentemente inútil. E é na acollida destas realidades onde podemos acrecentar a nosa necesaria esperanza.

Invítovos a mirar todas esas cousas pequenas que nos fan grandes e, sobre todo, fieis ao proxecto do Señor. Por exemplo, habemos de valorar a entrega servizal, silenciosa e fiel dos sacerdotes da nosa diocese na construción das comunidades; os encontros mensuais destes sacerdotes en Mondoñedo como instrumento de fraternidade, estímulo na misión e cultivo da espiritualidade. Non podemos esquecernos do testemuño de tantas presenzas de comunidades relixiosas, ao longo e ancho da nosa diocese, abrindo as súas igrexas para a oración ou servindo aos máis pobres, especialmente á infancia e familias vulnerables.

Tamén debemos resaltar a enerxía e alegría dos nosos voluntarios, tanto en Cáritas como en Manos Unidas, pastoral da saúde, proxecto de trata e pastoral penitenciaria, sempre pendentes de crear fraternidade; así como os encontros diocesanos onde se palpa a eclesialidade, salpicados ao longo do curso, e que son tan ben acollidos.

Moi especialmente destaco o amor ás súas comunidades cristiás de tantas persoas que as serven desde funcións tan importantes como abrir as igrexas, telas limpas e acolledoras; o cariño dos membros de Campamento Diocesano por ofrecer esta iniciativa tan preciosa; o testemuño de fe de catequistas e outros axentes de pastoral, así como de cristiáns sinxelos; os encontros precedentes e posteriores nos atrios, tras as celebracións litúrxicas, que gastan vida e desexos de encontro; os procesos realizados na formación de adultos, especialmente cos adultos que queren recibir o bautismo, a confirmación ou o matrimonio; en xeral, as celebracións litúrxicas dominicais; o acompañamento aos enfermos, anciáns, familias, etc. Paréceme que habemos de valorar especialmente os esforzos realizados nas UPA por unirnos máis aló das nosas parroquias en comunidades máis amplas e de talla humana, así como as significativas iniciativas de primeiro anuncio para saír das contornas dos "de sempre".

Non debemos esquecer tampouco a acollida aos peregrinos que pasan pola nosa diocese realizando o Camiño de Santiago e as iniciativas de pastoral xuvenil, nos seus encontros semanais ou extraordinarios, como vontade de querer acompañar a vida dos mozos. Tamén é bo valorar os espazos de relixiosidade popular, ao redor dos nosos santuarios, romarías e confrarías, como oportunidades fermosas de descubrirnos unha Igrexa misericordiosa, acolledora e sensible.

Sen dúbida, cada un de vós poderiades engadir a esta longa lista realidades sinxelas e pequenas que nos descobren a presenza de Deus e a beleza e grandeza desta Igrexa concreta de Mondoñedo-Ferrol. É verdade que non son expresións totalmente puras e limpas, que teñen claroscuros, como todo o que vivimos neste tempo de purificación en camiño á plenitude, pero son os signos elocuentes do Reino entre nós.

Confésovos que estes cinco anos pasáronseme voando. Agradézovos enormemente, tanto a nivel privado como institucional, a vosa acollida, dispoñibilidade e proximidade en todo momento, que me axudaron a querer ser "un galego de Burgos", como me dixo monseñor Antonio Valín o día da miña ordenación episcopal cando, en calidade de administrador diocesano, dábame a acollida no voso nome. Pídovos perdón tamén polas veces que vos puidese ofender ou escandalizar, ou polas expectativas que puidese defraudar.

Desde o meu desexo de aprender e construír convosco, en permanente fidelidade e con espírito de servizo, quero volver a vista atrás para lembrar procesos que iniciamos e que temos que seguir consolidando. É necesario facelo para que a nosa Igrexa sexa luz e fermento nesta época nova que estamos a procrear. Desde logo que todos estes procesos están edificados sobre os cimentos, o traballo e semente de tantos que nos precederon. Desenvólvoos brevemente en catro palabras.

A primeira palabra é sinodalidade. Sen dúbida, acompañounos estes cinco anos en comuñón coa Igrexa universal. Non é unha simple expresión, é unha forma de ser e edificar a Igrexa desde a "corresponsabilidade diferenciada". Alégranme enormemente os procesos que iniciamos para o diaconado permanente e para os ministerios laicais: oxalá en cada unidade pastoral xurdan estas persoas que, xunto ao ministerio ordenado, sexan un núcleo estable e formado para a evanxelización. Igualmente miro con esperanza a existencia de equipos nos que, tanto en órganos de goberno, como en comisións de sustentabilidade, de delegacións ou de consellos, axudan a expresar que a nosa Igrexa a construímos e formamos entre todos.

A segunda palabra é evanxelización. Esta é a misión da Igrexa e nela está empeñado o bispo. Ao longo deste tempo puxemos en funcionamento a Escola de Evanxelización como espazo formativo, de encontro, de diálogo, de procura. Sen dúbida, a aposta por este tipo de lugares onde os adultos dialoguemos sobre a vida á luz do Evanxeo é fundamental e necesaria. Habemos de saber dar resposta, con imaxinación e creatividade, pero tamén fomentando a coordinación e a comuñón interparroquial, arciprestal e diocesana, aos desexos de transcendencia que alberga hoxe a nosa sociedade.

Unha terceira palabra estivo no meu horizonte: acompañamento. Xorde da urxencia da comuñón. Recoñezo que non é doado, pero é moi necesario. Acompañar aos presbíteros, especialmente aos máis anciáns, ás persoas que compoñen as delegacións, os arciprestados, as comunidades parroquiais, a vida consagrada, as confrarías. Desde esta clave enténdense a visita pastoral, os nomeamentos en equipos sacerdotais, os encontros co profesorado de Relixión e a educación católica, a reflexión sobre a celebración do domingo e os estatutos da casa sacerdotal, os encontros constantes e permanentes, entre outras cousas.

A última palabra é futuro. Trátase de preparar o futuro: esta é a nosa responsabilidade. Un futuro que esperamos con esperanza desde a constitución do Seminario Interdiocesano e o espertar e acollida de novas vocacións e sacerdotes vindos doutros lugares. Este futuro pasa ineludiblemente por unha maior presenza e participación laical, desde a renovación da iniciación cristiá e a presenza de Acción Católica e outros movementos; un futuro que se asinta desde a experiencia privado do encontro con Xesús e o seu Evanxeo en experiencias de primeiro anuncio e catecumenado. Trátase dun futuro que será esperanza para a nosa sociedade se sabe poñerse en diálogo co mundo, como fixemos na Semana Social e noutros momentos de escoita; un futuro que será evanxélico se se vive sendo sensible á dignidade da persoa, á caridade universal e ás dores do noso mundo en clave de misericordia, como o expresamos coa apertura do piso para persoas reclusas, a existencia dunha Vigairía para a Caridade ou a Mesa de Coordinación de Infancia e Familia; un futuro que se constrúe con estruturas máis acordes aos novos tempos (redución de arciprestados, aprobación de estatutos para cemiterios, Cáritas, Consello de Asuntos Económicos e cabido catedralicio, obras e infraestruturas, Fondo de Sustentación do Clero).

Grazas a todos polo voso testemuño, o voso apoio e cariño, polo camiño compartido e os procesos nos que nos atopamos en marcha. Ás veces podemos sentir o abismo das tormentas desde esta barca eclesial na que navegamos. Unha vez máis, o Señor invítanos a confiar, a ter fe naquel que acompaña o noso camiñar. Ante un novo curso que comeza, todos estamos invitados a participar e colaborar. Esta Igrexa é tamén túa: invítote a seguir construíndoa xuntos para ben do noso mundo. Invítote a coñecela, a amala, a vivila.

Que a Nosa Señora dos Remedios e san Rosendo sigan acompañando o noso camiñar.

O teu irmán e amigo,
Cinco anos sementando convosco
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES