Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A navalla musical de Raúl Galego

Santalla, Iago - miércoles, 09 de septiembre de 2026
Onte foi o día de Manuel María, un día que, dende hai moito tempo levo no corazón. Dixen e digo que o Manuel tivo a ben deixarnos en herdo un día fraterno para beber del en irmandade. O 8 de setembro, curiosamente é o día do Faro en Chantada, virxe á que o Manuel lle adicou un fermoso poema. Nós celebramos que Manuel é o noso Faro que nos segue alumeando en ideas de porvir.

Cada ano entréganse dúas navallas a persoas que loitan pola cultura ou polo progreso de Galicia. Este ano tócalle felizmente a Raúl Galego, home de ben e persoa cuns méritos indiscutibles para a entrega desta navalla por parte da Irmandade Manuel María e de Xermolos. Trátase dun home que dende os dez anos fai da música a súa vida, e dende a música procurou e procura facer un país novo, orgulloso de seu e capaz de proxectar a súa orixinalidade ao mundo enteiro.

Raúl fixo escola e exerceu activamente o seu maxisterio musical sen esquecer nunca a palabra solidariedade. Por iso conta con abondosas colaboracións que afondan nesa teima diaria de facer país. Ademais é un home agarimoso co que cómpre falar para aprender unha parte moi importante da nosa historia musical.

Sendo Manuel María un poeta en múltiples voces cantado nunca podería faltar nos seus cabodanos o rouco son do noso instrumento nacional: a gaita. Isto é unha ínfima parte do que Raúl aporta ano tras ano á súa memoria e á de tantos que, dende o alén, guían as nosas irmandades. Por iso Raúl é un imprescindible da Irmandade Manuel María e deste país que tratamos de manter nas esencias dos que nos ensinaron a amalo.

A navalla musical de Raúl estremece en muiñeira a nosa memoria convertendo en ledicias as nosas ausencias para coller as forzas necesarias e berrar de novo que na campa de San Xoán de Outeiro de Rei non quedan amores, ledicias, poesías, bicos ou apertas porque o Manuel e a Saleta camiñan con nós e por suposto están en cada nota que sae dos dedos do gran Raúl Galego.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES