O fútbol profesional é algo máis que fútbol: eu diría que bastante máis, un negocio onde os seareiros, a masa social, ten apenas marxe de decisión, onde conflúen todos os xeitos de especulación imaxinables e todo cómprase e véndese, incluso a dignidade.
Hoxe lévame a este comentario o malestar e a crispación que están a manifestar os seareiros do Club Deportivo de A Coruña pola aparatosa subida do prezo dos abonos, un incremento que nalgúns casos alcanza o 68%, e con algunhas das normas que a directiva do club pretende impor como é a de liberar o asento no caso de que o abonado decida non acudir a un partido. A cousa máis ou menos vai así: ti tes un asento polo que pagas un prezo, un abono anual, e se decides non ir a un partido debes avisar para que o teu sitio pase a ocupalo outra persoa. A ver, poñamos un exemplo: digamos que vivo nun piso en alugueiro e decido ausentarme un fin de semana.

O caseiro, xa que hai demanda, sabe que non vou estarese finde e pon a disposición doutra persoa a miña habitación por eses días. Un desatino. A localidade dun seareiro na grada do estadio é súa mentres teña pagado o seu abono. Isto parece lóxico.
O malestar é moito e xa houbo manifestacións rexeitando estas medidas, un xeito de que a masa social teña voz en algo que lle afecta directamente e dicir: non queren ser "masa" coa que facer empanadillas, moldeable e manipulable. De momento a grada "de animación", a de maratón inferior, os que dispoñen dos abonos máis económicos, fica en silencio, se presenta con camisetas color laranxa como se fosen presidiarios e non anima. Xa veremos en que remata toda esta "performance". Eu se fose un deses seareiros teríao claro: logo da protesta, e de non haber resposta axeitada á situación, non renovaría o meu abono e que veñan outros que estean dispostos a pasar polo aro.
O fútbol dende hai tempo converteuse nun lucrativo negocio que se sustenta nunha masa dabondo manipulable. Vexan senón como levan a Supercopa de España fora da nosa raia pasándose polo arco do triunfo os devezos dos afeccionados. Denantes foi en Arabia Saudita e este ano terá lugar en Turquía. A pasta é a pasta e diante diso... a tragar? Pois bo proveito para os que traguen.