Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous días agardados

Rivas Delgado, Antonio - martes, 08 de septiembre de 2026
Comentaba a semana pasada -cando falei neste mesmo espazo sobre os días importantes das novenas dos Milagres- que, para describir ben o Rosario das Antorchas e O Día 8, precisaría polo menos outro artigo. E remataba dicindo: "Se cadra, o do ano que vén".
Dous días agardados
Pois non: xa é o de hoxe, pero aparece un día máis tarde. Porque onte deuse a coincidencia de que foi día 7, Rosario das Antorchas, e hoxe é O Día 8. Aínda que tamén é certo que estiven nun alustro, nun chiscar de ollos, de optar pola andaina que realicei precisamente ós Milagres, desde a Finca Fierro, en Barbadás, anteantonte. No último momento díxenme que tal andaina iría mellor nun Pingas de Orballo.

Quizais a fama do Rosario das Antorchas a leve a fermosura do espectáculo das velas acendidas na noite pecha do Medo e, por suposto, a exhibición final dos fogos de artificio que, agora, ó seren de cores, aínda estenden e propagan máis ese espectáculo.

Mais, quitando esa fama e retrotraéndome á infancia, o Rosario das Antorchas pódese dicir que xa nos empezaba pola tarde, por aquela ansia de recoller axiña as vacas do monte, porque había que cear e prepararse para ir ó rosario. Os nervios consumíannos por se os pais nos mandaban facer cousas e máis cousas. Nós o que queriamos era coller o camiño do Medo, ir andando eses tres quilómetros e algo, ás escuras ou, como moito, cun chisqueiro amosando o camiño, e gastar bromas ante un suposto medo a que aparecese algo na noite pecha.

Tamén, quitando o significado relixioso do Día 8, este era un día que desexabamos desde meses atrás. Antes de existir isto dos festivos locais, en Baños de Molgas colliamos pola man ese día como festivo. Os preparativos do día anterior, ou de días antes, para xantar despois da misa principal pola contorna do santuario, á sombra dos piñeiros, eran de película: nervios pola proximidade do día, nervios pola comida, nervios pola vestimenta, nervios para encher as alforxas do burro...

Con respecto á comida, nunca esquecerei o desexo de que chegase axiña tal momento. Creo que era unha das dúas únicas veces -a outra era no Ano Novo- en que podía comer o roscón. A ver, naqueles tempos, todo o que producía un vendíao, e o que había que mercar estaba, por suposto, prohibitivo. O roscón levaba ovos, que tiñamos que deixar de vender -unha gran perda-; azucre, que tiñamos que mercar -non había con que-; e algúns ingredientes máis que, ou se vendían ou non había con que compralos.

Porén, para ese día, o esforzo dos pais era enorme e había un bocado especial para O Día 8.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES