Monumento ás vítimas do Franquismo en Muras, Ourol e Viveiro
Ferreiro Currás, Anxo - jueves, 03 de septiembre de 2026
Tres leccións da memoria das vítimas do franquismo
A inauguración destes memoriais, o día 6 do mes xuño, supoñen un acontecemento tan senlleiro que, despois de 90 anos, estes pobos se sentirán satisfeitos por teren nos seus concellos senllos monumentos de homenaxe ás 93 vítimas do franquismo. Concidadáns que deron a vida por defenderen a legalidade, seren autoridade lexítima, pertenceren a organizacións sociais políticas lexítimas da República e seren loitadores pola xustiza e a dignidade.
Este que escribe foi cidadán da cidade de Viveiro, durante sete dos anos 60 do século pasado. Só lembro admirar ás caladas a vítima, mestre de Vieiro, Ángel Fraga Orosa, falar dos irmáns Timiraos, e algún máis. Ao mesmo tempo caio na contradición de rezar por Franco en todas as misas nun nacional catolicismo arrepiante; sen perspectiva histórica dun golpe de Estado e dunha ditadura co parello de tanto terror e silencio imposto. Non sabiamos ben o que pasara nin apreciábamos as consecuencias de tanto asasinato, abusos, bágoas e miseria; non se me ocorrería darlles o pésame ás familias por tanto crime sufrido.
Mais chegou o tempo de dármonos conta, de loitar contra desa ignominia. Afincados co traballo de investigadores e historiadores, na Lei de Memoria Histórica de 2007 e na Lei Memoria Democrática de 2022. A Comisión Promemorial que promoveu o monumento en Canido de Ferrol ás vítimas de Ferrolterra Eume e Ortegal, recibe de familiares de vítimas de Muras, Ourol e Viveiro o encargo dos monumentos.
Só catro desta Promemorial, Ton Blanco, Sabela Díaz, Xabier Dongil e o que subscribe, coa colaboración indispensábel de Carlos Muevo Cal, autor das listaxes das vítimas, poñémonos en contacto cos alcaldes, Manuel Requeijo, alcalde de Muras; José Luis Pajón, alcalde de Ourol; María Loureiro e despois coa substituta María del Carmen Gueimúndez, de Viveiro; todas elas e eles cunha recepción entusiasta do proxecto. Chegamos ás inauguracións destes monumentos ás vítimas cos nomes e apelidos en senllas placas. Uns actos emotivos e solemnes coa presenza do pobo, mais significativo e representativo de cada lugar; aínda que o lector pode sospeitar a ausencia de certa crase política; poren hai que agraciar a empatía da alcaldesa e dos dous alcaldes, de distinto signo político (Muras, BNG; Ourol, PSOE; e Viveiro, PP).
Velaquí unha escolma das tres leccións dos rexedores no acto de inauguración: "Esta era unha eiva que tíñamos como colectivo, o silencio impúxose sobre a verdade de estes 8 homes e mulleres que hoxe lembramos foron esquecidos e abandonados sen que ninguén buscase a súa reparación... É fundamental coñecela historia para non volver a repetila" (Manuel Requeijo, alcalde de Muras).
"Colocamos unha placa cos nomes e apelidos dos 29 asasinados no Concello de Ourol, homes e mulleres que tiveron ese fatal desenlace só por defender a legalidade dun réxime democrático, así como as liberdades das que hoxe desfrutamos.Unha homenaxe máis que merecido para os represaliados" (José Luis Pajón, alcalde de Ourol).
"O paso do tempo non debe borrar o recordo das persoas que sufriron as consecuencias da violencia, da división e da intolerancia. Lembralas hoxe é un acto de humanidade, de respecto e de dignidade cara a todas as vítimas e ás súas familias, moitas das cales conservaron durante décadas o peso do silencio e da ausencia" (Mª del Carmen Gueimúndez, Alcaldesa de Viveiro)
Asemade o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, que vai editar o libro confeccionado por esta Comisión, presente en Muras dirixe, unhas palabras, das que anotamos esta escolma: "Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo traballamos sen pausa na reparación da memoria histórica das vítimas represaliadas polo Golpe de Estado criminal e na Ditadura de Franco."
Foi un momento para deixar ben claro a nosa Memoria: Antón, membro da Comisión, presentou os valores da II República, tan vilipendiada polo réxime franquista; falou dos familiares, ás esposas e nais, que tiveron que sacar adiante aos seus fillos en medio da dor, o illamento e descrédito dos seus seres queridos. De seguido tomou a palabra o historiador, Nuevo Cal, dando firmeza histórica á listaxe das vítimas.
Seguiu a escoita emotiva da lectura de persoas, que foron debullando os nomes e apelidos das vítimas; outras participacións entre elas, Mª Jesús Vargas, e menciono a proclamación de María Ramil do poema de Ricardo Timiraos que nos fixo estremecer até o seu remate: "Chorei polos homes que loitaron/ por defende-la democracia, as súas ideas e a liberdade./Chorei porque eles foron semente. / E a colleita é hoxe unha espera ameazada".
Houbo un descontento xeral pola colocación en situación agachada da placa de Viveiro na Praciña da Herba. A alcaldesa, María del Carmen, comprometeuse a corrixir e colocar a placa nun pedestal tal como os de Muras e Ourol.
E por último engado esta mágoa pola ausencia de membros da Igrexa que foron invitados a estes actos. Ao mellor non puideron asistir. Sería unha boa ocasión para rachar co mito da necesidade do Golpe e da Cruzada, tan enraizado no clero; poren só faría falla seguir a encomenda do noso bispo insigne e de feliz memoria, Miguel Anxo Araúxo, que deixou escrito: "Non se pode negar que a Igrexa Española se puxo de parte de Franco. E isto non deixa de ser un pecado do que ten que pedir perdón aos españois".
Nun ambiente destes días pasados, Galicia Mártir, na memoria de Alexandre Bóveda, e de Moncho Reboiras, saúdo á veciñanza de Muras, Ourol e Viveiro, até o día da presentación do libro: "En lembranza dos asasinados pola barbarie franquista ao defenderen a legalidade republicana e as liberdades democráticas".
Anxo Ferreiro Currás
A colocación da placa cos 56 nomes das vítimas de Viveiro nun espacio oculto da praza foi moi protestada; mais a alcaldesa prometeu rectificar e poñela nun pedestal ben visíbel, como en Muras e Ourol. A comisión e o público que ali estaba non vai parar até ver esta promesa cumprida.

Ferreiro Currás, Anxo