Os nosos quereres acougan e fanse libres e curadores
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 30 de agosto de 2026
DOMINGO 22 A.- Xer 20,7-9.- Sal 62 (63).- Rm 12,1-2.- Mt 16,21-27
+ A palabra do Señor, volveuse para min un escarnio, unha burla continua. (Xer 20,8b)
+ De ti tén sede a miña alma, Señor meu Deus ( Sal 62(63),2)
+ Non vos axustedes a este mundo, mais ben transformádevos pola renovación da mente (Rm 12, 2)
+ Quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa, pero quen a perda por min, encontraraa (Mt 16,25)
OS NOSOS QUERERES ACOUGAN E FANSE LIBRES E CURADORES NO QUERER GRANDE DE DEUS AMOR
1. A fe de Pedro empezara
con formulación moi clara:
"Xesús ti es Mestre e Mesías"...
Con alegría o dicía.
2. Era boa fe no comezo,
para acoller o seu Reino:
el dixo o que sentía,
sen ningunha hipocrisía.
3. Pero era un credo inicial,
chamando a unha fe cabal
que aportase luz e vida,
tamén chegando a ferida.
4. Era empezar un camiño
do seguimento de Cristo,
un vieiro que algún día
amarguras custaría.
5. Cando unha delas chegou,
Pedro axiña protestou,
e desbota a profecía
que Xesús ben entrevía.
6. Pois sen reserva dixera,
sen agachar a dureza,
que os grandes o matarían...
¡Pero resucitaría!
7. E Pedro, que se asustou,
indignouse e rexeitou
o camiño que dicía,
Xesús, que o Pai lle pedía.
8. Viñeches para triunfar
e para impoñer a paz,
e o Mesías non se humilla
ante as forzas inimigas.
9. Non soporta Pedro a idea
de que prevaleza a tebra...
¡ E esixe a Cristo distinta
doutrina e alternativa!
10. Non erraba en querer triunfo,
que niso non era inxusto,
mais si na présa que ansía
conseguilo sen espiñas...
11. .. Sen respectar tempo e xente,
sen que a lei e a dor afecten,
pois só se acada a xustiza
coa paz do bo Deus sen ira.
12. A transformación que pide,
o Deus que nos fixo libres,
ten que acollerse con cinzas,
e ofrecerse sen cobizas.
13. Por iso Xesús lle dixo
a Pedro que era un perigo:
que o noso querer precisa,
de Deus o tempero e guía.
14. ¡Que valentes escoitemos
a voz de Deus que non vemos!
Ela é sempre a máis amiga,
e a que no amor resucita.
¡Apertas de domingo!

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora