Pedro, de divino a demoño
Cabada Castro, Manuel - domingo, 30 de agosto de 2026
O estraño da escena que hoxe nos describe Mateo é o feito de que estea en directa continuidade coa incríbel resposta que lle dera Pedro pouco antes á pregunta de Xesús sobre quen era el. Para el Xesús non é nin máis nin menos que "o Fillo de Deus vivo". Resposta que, segundo o seu Mestre, levaba sen dúbida -para dicilo dalgunha maneira- denominación de orixe divina. Ninguén sobre a terra lle podía ter suxerido a Pedro unha declaración sobre Xesús tan sobrehumana e ao tempo tan axustada á verdade. O estraño, digo, en relación con esta resposta -unha resposta máis divina ca humana- é que Pedro pasase tan rapidamente de ser considerado fiel e atento auscultador da inspiración divina a el do Deus Pai de Xesús a ser censurado e rebaixado polo seu Mestre nada menos que á condición de Satanás. Pois ben sabemos que Satanás vén sendo o símbolo mesmo do mal, da perfidia e do engano. Como se pode pasar tan de présa do máis alto ao máis baixo na apreciación respecto dunha mesma persoa? Ademais, quen aquí xulga sobre a actitude de Pedro é o propio Xesús, sobre o que Pedro tan correctamente dixera que era "o Fillo de Deus vivo". Está claro, pos, que para o seu Mestre se están xogando aquí asuntos moi importantes. Vexamos.
O feito é que Pedro, a quen non se lle pode negar grandes doses de amor ao seu Mestre, debeu de ficar totalmente bloqueado co negro futuro que lles anunciaba sobre si. Para Pedro e os demais apóstolos, quen era o máximo de grandeza, de bondade e de plenitude moral ía ser tratado pola cúpula dos dirixentes relixiosos, segundo o anuncio de Xesús, coma un malfeitor ata o punto de ser eliminado ignominiosamente do mundo dos viventes. Ben é verdade que Xesús anunciaba tamén que "ó terceiro día había resucitar". Mais isto último non lles dicía practicamente nada aos que o escoitaban. En definitiva, o que Pedro percibía era o fracaso de Xesús e o triunfo da maldade sobre a bondade e a xustiza. Como Xesús -que tan gran poder tiña mostrado xa contra toda clase de doenzas, enfermidades e incluso contra a morte mesma- podía permitir que a súa propia persoa chegase a converterse en vítima das meirandes inxustizas e vilezas? Non, iso non podía ocorrer e así llo fai saber ao seu Mestre.
Esta humana sabedoría de Pedro non está, porén, aquí ao nivel da súa primeira resposta, na que, inspirado por Deus Pai, confesara que Xesús era Fillo de Deus vivo e recibe aquí, para dicilo á maneira escolar, un "suspenso" no seu saber sobre Deus.: "Non te deixas guiar por Deus -dille a Pedro- senón polos homes". É este o momento en que Xesús senta cátedra para lles comentar ós seus discípulos unha serie de paradoxos fundamentais da súa mensaxe que se converterán en eixo ou estrutura fundamental da vida cristiá. E ao aludir a isto, "vida cristiá", non deberiamos esquecer a primeira palabra: "vida". Porque se hai algo básico na mensaxe de Xesús é xustamente -contra non poucos malentendidos históricos- o de "vida". Xesús afirmou sempre con contundencia que el é a "vida", que el vén darnos vida e vida abonda, que o seu pai Deus non quere saber nada de mortos, porque "para el todos están vivos" etc. De modo que se hai algo, neste sentido, que un cristián nunca debería practicar ou mostrar é unha vida lánguida, apagada, insulsa ou anódina. E xustamente por iso -porque a "vida" cristiá ha ser vital, plena, afoutada e animosa- polo que non lle deberiamos ter medo a renuncias que haxa que practicar ou a cruces que nos carguen sobre os ombreiros cando estean en relación co noso compromiso co evanxeo. Comportarnos doutro xeito significaría -aínda que non o pareza- térmoslle medo a vivir, a vivir plenamente. Xesús dínolo de maneira paradoxal con estas palabras, cargadas de misterio e de aparente contradición: "quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; mais quen a perda por min, encontraraa".
Certamente, para asumirmos estas palabras e deixar que xermolen de verdade na vida persoal, precísanse altas doses de fe e de confianza naquel que as pronunciou e ter ademais moi en conta que para un cristián a vida non remata aquí senón que se prolonga nun alén prometido. Testemuñas deste modo de vivir e de finar hainas abondo na historia do cristianismo e tamén de tantas outras persoas que -aínda que non se considerasen a si mesmas cristiás- portaban secretamente o lume interior e vital de Xesús. Non se buscaban a si mesmos, senón que axudaban decididamente os demais. Vivir a fondo, pois, a nosa fe cristiá debería levarnos a adoptar actitudes que estean en consonancia coas palabras de Xesús, esixentes si, mais cargadas de plenitude e de futuro. Na súa carta ós Romanos pídenos Paulo que "non nos axustemos ó mundo presente". É dicir, que non nos deixemos levar polas proclamas do consumismo, da comodidade ou do desinterese egoísta polos problemas e dificultades dos demais. Si, debemos rexeitar ser "vividores", no sentido vulgar da palabra, mais deberiamos ser entusiastas da vida, da vida de todos, aínda que iso supoña termos que levar sobre nós as nosas propias cruces ou as que Deus queira que nos veñan por parte de outros.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel