Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mortadelo e Filemón ao volante

Ríos, Xulio - lunes, 07 de septiembre de 2026
Hai noticias que, máis que sorprender, producen a sensación de que alguén chegou tarde á película. A de que Defensa e o CNI recean agora da instalación de SAIC en Ferrol por razóns de seguridade nacional pertence, polo momento, a esa categoría.

Resulta cando menos curioso descubrir que unha planta de automóbiles chinesa, situada a poucos quilómetros do Arsenal e dos estaleiros de Navantia, pode constituír un risco para a seguridade nacional precisamente cando levamos meses falando do Mortadelo e Filemón ao volante proxecto, da súa localización, do investimento previsto, dos postos de traballo e das súas posibilidades para a reindustrialización de Ferrol. A planta non apareceu onte por arte de maxia. Tampouco o Arsenal, nin Navantia, nin as F-110. A pregunta inevitable é: onde estaba a seguridade nacional cando se deseñaba, negociaba, anunciaba e promocionaba o proxecto?

Quizais estamos ante un último intento de parar a operación. Quizais simplemente ante unha reacción tardía dunha administración que decidiu mirar agora con prismáticos aquilo que levaba meses diante dos ollos. E tamén pode ser que existan razóns de seguridade que merezan ser consideradas seriamente. Pero, nese caso, habería que explicar por que aparecen precisamente agora e que cambiou entre o momento en que o investimento era presentado como unha oportunidade estratéxica e o momento en que pasa a ser unha potencial ameaza.

Hai palabras que adquiriron unha elasticidade extraordinaria. "Seguridade nacional" é unha delas. Serve xa para un roto e para un descosido, tanto para controlar tecnoloxías como para limitar investimentos, vetar operacións empresariais, condicionar infraestruturas ou poñer obstáculos á cooperación con determinados países. É, en boa medida, unha categoría importada da nova linguaxe xeopolítica estadounidense, na que a competencia económica foi progresivamente converténdose en cuestión de seguridade.

E aquí aparece o problema. Que unha empresa chinesa poida estar sometida á lexislación e ás esixencias do Estado chinés é unha cuestión perfectamente lexítima que debe ser examinada. Que determinadas infraestruturas ou tecnoloxías sexan especialmente sensibles tamén. Pero hai un salto considerable entre admitir esa realidade e asumir que toda empresa chinesa é, por definición, unha prolongación dos servizos de intelixencia de Beijing.

Se chegamos a ese punto, xa non estamos falando de análise de riscos senón de sospeita preventiva. E a sospeita preventiva ten a curiosa propiedade de non necesitar demostrar que alguén espía; abonda con dicir que podería facelo.

O argumento ten ademais unha dimensión internacional que non deberiamos ignorar. Nos últimos días, por exemplo, vimos en Arxentina un episodio significativo reportado pola prensa que detallou como a presión estadounidense sobre directivos dunha empresa eléctrica instrumentouse para disuadilos de avanzar nun acordo con Huawei, ata o punto de ameazar coas súas visas estadounidenses. Non é exactamente o mesmo caso, pero forma parte desa mesma atmosfera suxerente dunha competencia comercial con China que deixa de librarse exclusivamente nos mercados e pasa tamén polo terreo diplomático, tecnolóxico e securitario.

E aquí chegamos a Ferrol. Durante meses intentouse relativizar o proxecto de SAIC. Díxose que se trata dunha planta de ensamblaxe, que non haberá verdadeira produción, que o emprego será limitado, que o valor engadido non será tan elevado... Agora descubrimos que aquilo que algúns se esforzaban en presentar como pouco relevante podería ser suficientemente importante como para ameazar a seguridade nacional. Nada menos.

Pois non estaba tan mal o investimento. Quizais o problema sexa precisamente ese. Para Ferrol e para Galicia -e tamén para España-, a chegada de SAIC non é unha operación menor. Supón atraer unha grande empresa industrial chinesa, introducirse na transformación da mobilidade eléctrica, xerar actividade nun territorio que leva décadas sufrindo procesos de desindustrialización e situar Ferrol nunha cadea de valor europea. A Xunta presentou o proxecto como o maior investimento industrial internacional en décadas, cunha previsión inicial de 200 millóns de euros e arredor de mil empregos directos.

E todo isto acontece, ademais, nun momento no que Europa di querer reducir dependencias, diversificar cadeas de subministración e gañar autonomía estratéxica. A pregunta é se esa autonomía vai consistir en ter capacidade propia para decidir ou en limitarse a decidir aquilo que non moleste ao noso principal aliado.

Porque hai algo profundamente paradoxal en todo isto. Europa reclama autonomía estratéxica ao mesmo tempo que corre o risco de converterse nunha extensión das estratexias de desacoplamento estadounidenses respecto de China.

E así chegamos ao título: Mortadelo e Filemón ao volante. Non porque a seguridade nacional sexa unha broma. Todo o contrario. Precisamente porque é demasiado importante para converterse nunha especie de comodín capaz de aparecer cando unha operación empresarial xa está avanzada, cando os compromisos políticos están adquiridos e cando os beneficios potenciais dun investimento comezan a resultar demasiado evidentes.

Se hai un risco real, que se explique a fondo. Se existen vulnerabilidades concretas, que se identifiquen. Se hai información sensible que poida quedar exposta, que se adopten as medidas necesarias. Para iso están os servizos de intelixencia e os mecanismos de control dos investimentos estranxeiros.

Pero se o argumento é simplemente que unha empresa é chinesa e que, polo tanto, podería espiar, entón habería que empezar a preguntarse onde acaba a prudencia e onde comeza a paranoia. Porque se cada investimento chinés pasa a ser contemplado primeiro como unha oportunidade económica e despois como unha ameaza potencial, o problema xa non será SAIC. Será que Europa está deixando de decidir por si mesma con quen pode facer negocios.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES