Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre en Montevideo, desde 1879 e 1950

Suárez Suárez, Manuel - miércoles, 02 de septiembre de 2026
Os nosos emigrantes son recibidos na capital da República Oriental do Uruguai coas súas portas abertas. Axiña comprobarán que viñeron a un lugar moi acolledor no que terán a oportunidade de mellorar a súa vida se empurran con esforzo honrado. As nosas raíces deron moitos froitos que hoxe vemos espallados por calquera curruncho da cidade. Lembremos que os dous secretarios que tivo Xosé Artigas (Barreiro e Monterroso) eran galegos e por tanto eran da total confianza do moi nobre heroe nacional.

O Centro Galego é a primeira asociación de emigrantes que se funda en Montevideo (30 de agosto de 1879) e aínda que uns anos antes fundarase o Centro Galego da Habana, é o montevideano o máis antigo do mundo con actividade ininterrompida. A inauguración oficial tivo lugar a noite do 13 de xuño de 1880 que segundo a crónica de Benigno Salgado Vázquez [Semanario El Gallego, 8-IX-1880] foi moi exitosa e cunha asistencia de máis de mil persoas. Escribe que "los salones estaban profusamente iluminados y en las paredes de la conferencia, se veian colgados los escudos de las cuatro provincias gallegas pintados al óleo y también pintados al óleo, seis cuadros alegóricos á Viriato, Pardo de Cela, Maria Pita, Feijóo, Mendez Nuñez y Vicetto".

O actual edificio é de 1925 e foi declarada Monumento Histórico Nacional en 2004. O seu autor foi Alfredo Ramón Campos Calp (xeneral e arquitecto) que era fillo de Ramón Campos Salgueiro, nacido en Santa Mariña de Vincios, Gondomar. Poida que obra máis coñecida de Campos sexa o "Cuartel de Bomberos" que ocupa unha mazá enteira da cidade na moi coñecida praza dos "33 Orientales". En 1990 o Centro Galego merca un terreo no barrio de Carrasco onde se ergue o Polideportivo, unha moi iniciativa que mantén a entidade en roteiro de futuro.

E agora faremos un salto de 70 anos para chegar a 1950 e celebrar a fundación de Sempre en Galicia, unha audición radial enteiramente en idioma galego. O domingo 3 de setembro emítese o primeiro programa desde os estudos de CX 16 Radio Carve e foi en directo e coa presenza dos fundadores e as súas esposas e tamén a filla de Alfredo Somoza. A moi histórica emisión comeza coa interpretación da muiñeira de Chantada por parte de Emilio Pita ao piano.

Nas miñas conversas con dous dos fundadores (Manuel Meilán e Pedro Couceiro) escoitei moitas anécdotas sobre as voltas que despois do falecemento de Castelao, lle deron para concretar unha homenaxe que buscaban fose duradeira. Alí, na esquina das rúas Río Branco e Mercedes, sentín fonda admiración polo pequeno pero moi comprometido grupo de galeguistas que desexan homenaxear a Castelao para que a súa loita non quedase no esquecemento.

En 1950 temos en Montevideo unha comunidade emigrada ben asentada e con moitos dos seus descendentes en importantes cargos públicos ou sendo recoñecidas figuras do ensino ou do mundo empresarial. Son tempos nos que unha rúa na capital leva o nome de Galicia pois en 1918 a autoridade municipal (Junta Económico-Administrativa) cambialle o nome a rúa Orillas del Plata polo da nosa Terra Nai. Quero dicir que a nosa achega de sangue emigrante contribúe ao progreso colectivo por medio da implantación da solidariedade social.

Os galeguistas que fundaron Sempre en Galicia estaban abatidos xa que a dictadura criminal de Franco reprimía a quen defendese a súa propia cultura e sabían que o autoritarismo seguiría firme durante moitos anos. Que o programa se faga en galego é unha clara declaración de intencións e tamén unha axeitada forma de protesta diante do ninguneo e da persecución do noso idioma. A morte de Castelao encheu de tristeza aos fundadores da audición pero non baixaron os brazos nin perderon a paixón nin a esperanza de que non hai futuro sen teimar, teimar e teimar.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES