Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os carolos e as carolas

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 17 de septiembre de 2026
Antes de comezar, quero aclarar que neste meu artigo, non pretendo facer moza ou chanza daquelas xentes que viñan do rural a Foz aos "nove baños". Pretendo facer unha lembranza, iso si, totalmente respectuosa e agarimosa daquelas xentes, que deixaron no campo galego a pel, a saúde e a vida para levantar este país, e ao tempo, dicirlles, que me aledo, que me sinto feliz de que hoxe en día e grazas ao traballo de todos, ao esforzo de todos, e ao ben facer de todos, xa non nos diferenciamos nin polo vestir, nin polas formas de quen son da aldea, do pobo, da vila ou da cidade, así con igualdade, todos convivimos mellor.

Breve historia

As miñas investigacións para saber ¿por que? lles chamaron "carolos e carolas", nunca deron os froitos que eu desexaba. Botei unha ollada ao dicionario da RAG para ver se me ilustraba, pero non, quedei como estaba, a acepción do que eu buscaba sobre deste caso, non aparece.
Teño que dicir, que a palabra "carolo" (en masculino), ten un total de doce acepcións no dicionario, por exemplo: Parte interior da mazaroca do millo á que están unidos os grans; ou parte interior e central das froitas que non teñen carabuña, como a mazá ou a pera, e así ata completar as doce; mentres que a palabra “carola” (en feminino), só Os carolos e as carolas ten seis acepcións, a metade, por exemplo: Piña do piñeiro manso; inflorescencia arredondada da cebola; e así, ata completar as seis.
Nas miñas investigacións sobre da procedencia deste cualificativo, encontreime con Pepita C., que me comentou que o alcume de “carolas”, víñalles segundo ela, porque a maioría das mulleres que viñan ao “baños” chamábanse Carolina ou Carola, e de aí o de “carolas”.
Compre destacar, que naqueles tempos era moi difícil, cando non imposible, que unha rapaza solteira che dixera así de primeiras o seu verdadeiro nome, adoitaban sempre dicir un nome ficticio, polo que me da a entender o que me dixo Pepita C., que pode que precisamente todas ou case todas as mulleres que viñan aos baños a Foz, se inventasen ese nome por razóns que descoñezo, e ao ser a maioría Carolina, ou Carola, déuselles en chamar “carolas”.
Pero ¿quen eran os carolos e as carolas?. En Foz chamabámoslles “carolos e carolas”, ás mulleres, nenos e homes que viñan a Foz aos chamados “nove baños”. Xentes procedentes das aldeas do interior do provincia de Lugo, desde Abadín para arriba.
E ¿que eran os “nove baños”?. A principios de século e incluso ao remate da guerra civil española (1936/1939), todas estas xentes tiñan como traballo os labores do campo. Traballaban de sol a sol e só medianamente descansaban (por chamarlle descanso), o domingo, porque o cura da parroquia os obrigaba, e incluso nos tempos de Franco, lles podía caer unha multa se non descansaban ao “sétimo día” como a relixión católica o obriga.
O exceso de traballo destas xentes do rural e o pouco descanso que tiñan, chegaba a prexudicalos de tal xeito que se minguaba seriamente a súa saúde, polo tanto, era máis necesario o descanso para eles que a propia medicina das farmacias e dos facultativos, e naqueles tempos ¿como un médico lle ía dicir a unha persoa desas que precisaba vacacións?, imposible, era impensable e ata unha idea desatinada, porque naquela época as vacacións por aquí nin se sabía que existían e a parte deso, as vacacións só era cousa de “señoritos ricos”, e de aí veu a prescrición facultativa, “vostede precisa ir á praia da Rapadoira a Foz, e bañarse no mar durante nove días”. Aí estaba a fórmula máxica para que estas persoas do interior da nosa provincia, colleran nove días de descanso e os nove baños. Por certo, cando marchaban de volta para as súas casas, ían totalmente curados tanto polo descanso como polo iodo da Rapadoira.
Daquela, era fácil diferencialos, tanto camiñando polas rúas como bañándose na propia Rapadoira. Os homes a cotío viñan vestidos de traxe, garabata e incluso chaleco. Quizais no vestir de algúns deles, serían as propias prendas do día en que casaron. Para eles vir a Foz, lugar xa turístico naquela época, era como ir a unha gran cidade e había que vir “elegantes”, polo que traían as súas mellores vestimentas, pero claro, chocaban moito co vestir das xentes de Foz, que dito sexa de paso, grazas aos turistas que viñan de cidades como Madrid e que vestían máis modernamente, e incluso aos mariñeiros que frecuentaban outros portos do Cantábrico e portos de Francia e traían figurinos para as súas familias, andabamos moito máis ao día no xeito de vestir. O choque daquelas xentes coa súa forma de vestir era tal, que vir con aquelas roupas a Foz nos primeiros días do mes de setembro, que era cando eles podían vir despois dos labores da sega e da malla, non só era algo que saltaba á vista, se non que era inmensamente duro para eles vestir aquelas roupas pola calor que facía. As mulleres, case todas con pano negro ou pucho de lenzo branco na cabeza, e vestidas tamén case todas de negro. Ata había moitos que calzaban zocas.
Nos baños da Rapadoira, tamén se diferenciaban moito, pois non usaban ningún tipo de bañador. As mulleres usaban uns vestidos (tipo camisón), que lles cubría todo o corpo e lles baixaba ata os mesmos pés, e os homes usaban un tipo de calzóns que lles chagaban tamén aos pés. Non se metían mar a dentro, só se bañaban xusto na lingua da auga, ou sexa, que a auga non lles daba máis arriba do nocello. Alí se bañan de tal xeito, que as augas do mar non os cubría nin de deitados nela. Auga e area mesturábanse nos seus corpos. Compre destacar que algúns tamén trataban de darse xabón aproveitando para lavarse, descoñecendo, claro está, que o salitre do mar corta o xabón e non fai escuma.
Contarei unha curiosa anécdota que a min me relataron Luís Salaverry e Rubén Leivas de Mondoñedo, relacionada co bañador que usaban estas mulleres. Naquela época, tanto por necesidade económica como por necesidade de materias primas, aproveitábase calquera cousa para facer prendas de vestir ou ferramentas para o traballo, ou calquera outro elemento que se necesitase para poder sobrevivir.
Había entón, uns sacos nos que viña a fariña, ditos sacos eran de tea de cor branca. Unha daquelas rapazas cavilou que tal tea de saco víñalle moi ben para facer unha saia para utilizala como bañador. Ela mesma o cortou e o confeccionou e con el chegou á Rapadoira. Cando a rapaza puxo o seu "bañador", tanto os familiares como amigos e coñecidos dela, comezaron a escachizarse de risa. A rapaza púxose toda colorada ao tempo que lles preguntaba de que se rían, pois o modelo de "bañador" era igual que o das demais mulleres, ao que os presentes lle responderon, que o motivo que os levou a tal risa, foi porque pola parte de atrás do "bañador", ela non se fixou, que lle quedaron as letras en cor vermello coas co saco anunciaba "Peso neto 100 Kg.".
Os carolos e as carolas Outra graciosa anécdota que me contaron, era que os mozos de Foz adoitaban tomarlles o pelo ás “carolas”, ó que hoxe lle chaman “vacilar”.
Resulta que naqueles tempos, a xente adoitaba desprazarse en autobuses como único medio de trasporte para ir de un pobo a outro ou á aldea ou á cidade. Os coches particulares so o tiñan os moi ricos.
Uns mozos de Foz, achegáronse a unhas rapazas “carolas” e puxéronse a falar con elas, e cando xa lles parecía que as tiñan engaioladas, ocorréuselles preguntarlles ¿vosoutras en que coche vides a Foz?, ao que as rapazas responderon “no NOSO”.
Os rapaces de Foz quedáronse moi sorprendidos ao ver que aquelas “carolas” tiñan coche, pero ao concluír a pregunta ¿así que, tedes coche?, as rapazas responderon “non. Non temos coche, vimos nos autobuses O NOSO que é de Vilalba e recóllenos na nosa parroquia”.
Por outra banda, quen moito se modernizou como casa de aluguer para estas xentes, foi a casa de Rosina Gómez (da Xacoba), alí no Campo da Cabana e aló polos anos 30 ou 40 do pasado século. Rosina e a súa familia coñecedores dos problemas destas xentes, e coñecendo tamén a inestabilidade climatolóxica da nosa zoa, xa lles tiñan preparados uns bidóns metálicos enormes, os cales enchían de auga do mar que collían na Ribeira. Poñían a auga en grandes potas ao lume e unha vez que a auga estaba quente, botábana nunha especie de bañeiras de cemento para poder bañalos nos días de moito frío ou nos días de choiva, e deste xeito, estas xentes non perdían nin un só día daqueles prescritos facultativamente, dos “nove baños de auga do mar”.
Había outras casas que utilizaban este mesmo sistema, o de recoller auga do mar e quentala para facerlles os baños confortables. Falamos da casa de Elías e Mariana ao lado da casa de Amanda, na hoxe coñecida como Praza Conde de Fontao, ditos baños tamén eran de cemento. E na casa de José María e Liberata (Casa de Cheíño, que estaba por detrás do hoxe Centro Social), que estes utilizaban para bañalos, o baño de salgar os cochos que era de madeira.
Non hai que esquecer neste apartado, que os “carolos” tamén lles pagaban aos rapaces de Foz para que lles foran buscar botellas de auga da famosa fonte de augas ferruxentas e medicinais do Santo Estevo do Ermo en Barreiros (non da fonte de Santa Rosa, se non da fonte de augas ferruxentas, ambas no mesmo Santo Estevo), pero como eran tantos os que ían a esa fonte e polo pouco que o chorro corría, que acababan facéndolles trampas collendo auga doutros lugares para levarlles. Contaban que nesa fonte so para coller un litro de auga se precisaba de máis de quince minutos. Un dos que máis auga desa fonte transportaba, e que o facía na súa carretilla, era Benito Calvo Jarrín (de Quico).

O baile das Carolas

Como xa dixen, viñan a Foz a principios do mes de setembro despois de cumprir coas mallas e coas labores máis urxentes das súas casas. Foz naquela época e nese mes, pouco lles podía ofrecer como atractivo para despois das horas dos baños. As festas xa habían transcorrido cando estas xentes viñan á nosa localidade: O Carme, San Lourenzo e incluso o San Bartolo, que esta festexábase como excepción no Prado de Ramos, porque daquela, e desde ese prado, podía verse perfectamente a Capela de San Bartolo de Barreiros, verdadeiro lugar da romaxe. Desas festas, eran das que so gozaban aqueles turistas que viñan nos meses de xullo ou agosto, pero en setembro, mes no que viñan os “carolos” xa non había festas.
De aí nace o que lle chamaban ou o que lle deron en chamar “O Baile das Carolas”. Tal baile celebrábase na mal chamada A Rambla (tería que chamarse O Corgo), xusto diante de onde estaban os locais de hostalería: Casa de Pepe O Maragato que tiña ultramarinos, bar e estanco (hoxe “Restaurante O Lar”); “A Funcional”, que naqueles tempos, ese edificio non existía. “Bar El Capitolio”, rexentado por Manuel Casas (avó dos de Confeitería Amarena), hoxe coñecido por “Bar Rente ao Mar”. “El Capitolio” dispoñía dun tocadiscos ou gramófono que colocaban fóra do local cuns altofalantes colgados dos farois da praza para poñer música, e así bailaban todos: “carolos, carolas, focegos e focegas”.
Parece ser que este baile, era un tanto informal, ou sexa, non era organizado polo Concello ou comisión, se non que o organizaban eles mesmos, “carolos e focegos” dos que sempre algún deles traía a súa propia gaita e amenizaba o baile.
Outros gaiteiros que tocaron nestes bailes eran de Foz, precisamente meu tío Antonio, ata que en 1944 marchou para Madrid, e meu pai Jesús Basanta (coñecidos polos da Huerta), ámbolos dous naqueles tempos, únicos gaiteiros de Foz.
Nas fontes que consultei, preguntei se tamén virían entre eles, pandereteiras que amenizaran intercaladamente o “Baile das Carolas” cos gaiteiros ou o tocadiscos, pero estas fontes teñen lagoas na mente con este detalle, e non están moi seguros, aínda que a maioría deles, confirmáronme que si, que viñan mulleres que tocaban a pandeireta e cantaban á vez, pero que eran temas moi enxebres e totalmente descoñecidos nesta zona.

Fontes informantes: Salustiano A. Escalera; María del Carmen A. Escalera; Francisco Castiñeira (Paquiño de Teresa); Elisita Mera; Eu mesmo.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES