Galveias
Pinto Antón, J.A. - viernes, 11 de septiembre de 2026
Non se sabe ben se este José Luis Peixoto é un poeta ("A criança em ruinas"), ou novelista que conta as cousas como un poeta.
O certo é que o noso José Saramago describe a Peixoto como unha das revelacións da literatura portuguesa e un escritor tocado polo xenio. Certo tamén que para outros esta novela éche unha decepción con cousiñas que renchen: indefinición de estilo, deambulando entre o vulgar e o poético.
Mellor tirar das propias impresións desta novela sobre a xentiña de Galveias no norte do Alentejo, patria e berce do escritor, onde unha estraña explosión ou meteorito levanta a pel da terra. E tamén as costuras da comunidade desafiando as rutinas e a cordura do pobo. Cómpre sinalar que estamos en 1.984, ano histórico en Portugal. Na memoria, a Revolución dos Carabeis que poñerá fin a interminable sangría nas colonias e a ditadura.
A partir desa explosión nunha noite de xaneiro, vai desfilar polas páxinas unha galería humana rica, chea de verdade e quentura. Os irmáns Cordato: cincoenta anos de rancor, sen falarse. O carteiro Joaquim Janeiro, dono de todos os secretos dos veciños pero agachando celosamente o seu. Isabella, a brasileira dona da panadería e o burdel. Miau, o parviño do pobo. Os Cabeça. A saga do doutor Matta Figueiras...
A explosión de xofre inunda todo, ata o sabor do pan, e desafía o universo cotiá de Galveias, onde o preciso mapa das rúas vén trazado polos ladridos dos cans.
O libro éche feliz mestura de sensibilidade poética e aspereza rural, onde o cheiro de xofre e a chuvia, alí onde case nunca chove, remexe e acompaña de xeito inquietante a vida dos veciños. Nunha comunidade variada, ben definida, retrato psicolóxico do mundo rural portugués, tan próximo ao noso.
Galveias éche unha novela dura, onde a familia se confunde coa veciñanza. Unha urdida de historias onde a vida vive. E tamén resulta certo o pesimismo do dito: "Pobo pequeno, inferno grande". O mesmo Peixoto recorda: "O mundo é pequeno pero Galveias é grande".
Un mundo cálido, áspero, cercano, rural. Minucioso retrato que afonda na realidade rural. Que fai rir, que revolve as tripas. Que respira, que toca a pel, que ole. Que emprega fermosas imaxes e un limpo uso da linguaxe. Unha novela poliédrica que cómpre ler. Escrita por un orfebre da linguaxe. Galveias, de Jose Luís Peixoto.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora