Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desigualdades e cambio climático

Pinto Antón, J.A. - viernes, 04 de septiembre de 2026
A World Inequality Lab alerta das desigualdades agravadas polo cambio climático. O mapa mostra un mundo dividido. Na parte amable e temperada, o 10% concentra o 75% da riqueza. Unha fenda separa a familia humana. Oxfam advirte dun mundo con multimillonarios cada ano máis ricos. O 0,001%, uns 60.000 teñen tres veces máis riqueza que a metade da Humanidade. E a súa riqueza vai a máis. Na envelenada dialéctica de winners e losers, estes poden acabar considerados prescindibles. Sobrevivindo con menos de 8 dólares/día na parte hostil do planeta.
Dous elementos relevantes afondan as desigualdades. Un: desigualdade provocada polo cambio climático. O 10% dos máis ricos son responsables cos seus modos de vida excesivos do 77% das emisións de gases de efecto invernadoiro. Pero viven protexidos dos dexastres naturais que provocan. Só o 3% das emisións corresponden á poboación máis pobre, xusto a máis exposta ás catástrofes climáticas. E dous: desigualdade de xénero. Sobre as mulleres recaen moitos traballos non remunerados e de coidados. Limitan a súa participación na vida política e laboral. A economía, se non é embridada pola política, invisibiliza e infravalora o traballo do 50% da poboación mundial, as mulleres. Como poderá voar a Humanidade sen ás femininas?
A xeografía tamén toma partido. Somos clima e vestímonos coas cores verdes e ocres da vida, azuis da auga. As zonas máis ricas tamén teñen sombras dentro pero menos desigualdade. En África subsahariana o gasto medio anual é de 200 dólares por neno fronte a 7.400 en Europa e 9.000 en EEUU. Esa diferencia abismal condiciona o futuro das novas xeracións. A depredación de recursos e capital humano do gran continente perpetuará as desigualdades se non é corrixida. Só a cooperación internacional, políticas redistributivas e inversións en educación e saúde poden reducir a fenda. Para que desigualdades de xénero e as provocadas polo cambio climático non deixen un mundo roto. Globalización e crecimento económico benefician máis a uns poucos mentres a maioría ten dificultades para subsistir nun mundo de desigualdades persistentes. Por iso, conscientes das enormes dificultades políticas e resistencias estruturais. expertos e premios Nobel en economía sinalan como imprescindible unha taxa mínima sobre a fortuna dos multimillonarios e abogan pola cooperación fiscal internacional. Na loita pola equidade convén escoitar ás ONG e ter en conta a movementos sociais e organizacións comunitarias. Sen esquecer o papel troncal do Estado na fiscalidade e redistribución dos recursos. Financiar educación e sanidade, loitar contra a fenda de xénero e facer fronte ás consecuencias do cambio climático son unha elección política e resposta intelixente diante dunha urxencia moral.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES