Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á Beira do Camiño: O Nadal Galego

martes, 29 de diciembre de 2009
Á Beira do Camiño: O Nadal Galego; sensibilidade e agarimo
O Nadal dos galegos e das galegas. Sobre todo dos do mundo rural e labrego. Até a década dos sesenta do século pasado Galicia non só foi maioritariamente rural na orde física senón tamén no eido da súa mente e do seu espírito. E segue a ser no fondo do seu ser e do seu xeito de pensar, vivir e sentir. Vénlle de vello, de seu. Estamos a falar da dozura, sensibilidade e delicadeza das súas xentes. Grandes valores humanos que neste tempo escasean e mesmo se están a perder. Diante a sociedade globalizada, consumista e deshumanizada de hoxe en día, cómpre volver a vista atrás e recuperar aqueles valores que temos esquecido para que nos devolvan un xeito más racional e humano de vivir e de compartir a vida dun xeito ledo e positivo. Na liña lóxica de todo ser humano!

Queremos lembrar as manifestacións públicas do xeito de vivir, expresar e se manifestar a fe dos galegos e galegas ante as celebracións das festas do Nadal na memoria do Deus que veu ó mundo na figura dun Neno para se facer un de nós. Non dubido en subliñar que no fondo da fe humilde e sinxela da xente do rural latexa a profundidade dunha teoloxía vivida, sentida e manifestada, moito máis clara e lúcida cá especulativa, abstracta e mesmo indefinida de moitos dos nosos considerados mestres e teólogos da Igrexa actual. Unha verdadeira riqueza teolóxica se somos quen de saber interpretala, asumila e sobre todo vivila, axeitadamente e con responsabilidade e coherencia.

Imos a velo e comprobalo ao través das loanzas e piropos que a nosa boa xente do rural soubo inventar e artellar para amosar o seu profundo amor ao Neno Deus tan ben acollido e proclamado. Para manifestalo e tamén agradecelo, en grupo e en comunidade. O Neno era de todos! Algo semellante ao que ocorre, hoxe en día, ante o baleiro de nenos na maioría das parroquias do rural galego cando chega o regalo dalgún neno a unha aldea que xa se acolle e se considera como propiedade de todos os veciños.

Unha cativa mostra (cóntanse a centos) do que os galegos e galegas de todos os tempos souberon crear na honra do Neno Xesús, de María, de San Xosé e do resto dos personaxes protagonistas da Vinda de Deus ao Mundo. Subliñamos unha serie de loas e de frases recollidas das panxoliñas enraizadas na literatura musical popular de Galiza.
A maioría delas van precedidas do agarimoso posesivo (galego, en senso de posesión e cariño!) “meu/miña noso/nosa” que recalca o amor, a confianza, a amizade e tamén a identificación que estaba moi firme e asentada entre eles co Neno, María e Xosé..
Velaí unha pequena mostra dos piropos que se inventaron para dar a benvida e agasallar e acompañar ó Neno e a súa Familia: meu Rei, meu Queridiño, meu Carrapucheiriño, meu Sol, meu Carrapuchiño, meu Garridiño, miña Prendiña, miña Monada, meu Caravel, máis Bonitiño que un Sol, Garrido e de gran xacer, meu/noso Meniño, Miña Rosa, meu Ben, noso Consolo, Rei de Israel, Rei das estrelas, moi Riquiño, moi Feito, moi Guapo, moi Lindo, que Roxiño, que Bonito, Rei Pequeniño (con ollos negros e pelo roxiño), meu Probiño, comerlle a cara a bicos, meu/noso Amoriño, Reisiño Meigo, meu Corazón, meu Corazonciño, miña Xoíña, meu Probiño, meu/noso Ruliño, meu/noso Rolo, miña Vida, meu Ben, Sol dourado, meu Pequerrechiño,Neniño bo , Malpocadiño, meu Neno, meu Amor,Neno de cabelos de ouro, meu Tesouro, rico Ben... Cóntanse por centos.
Todas elas ben fiadas, enriquecidas e amparadas por unhas fermosas e doces melodías das que se pode afirmar, con rotundidade, que son as mellores pezas da lírica galega.
BO NADAL E XEITOSO ANINOVO 2010!
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES