Fillo divino, humano fillo
Cabada Castro, Manuel - domingo, 23 de agosto de 2026
Non nos é posíbel maxinar Xesús centrado, por dicilo así, en si mesmo, retirado e ocupado nos seus pequenos ou grandes asuntos particulares. Á maneira de como procedemos tantas veces nós ao longo da vida, intentando resolver os pequenos ou grandes problemas relacionados coas nosas doenzas corporais, co noso éxito profesional e calculando con coidadiño as vantaxes ou inconvenientes que esta ou aquela decisión nos poidan aportar. En realidade, Xesús non se dedicou propiamente á súa vida privada e particular. En tal sentido podemos dicir que el era unha persoa pública, que estaba aí para os demais. Fórao xa nalgún momento cando era cativo. Abonda con lembrar o episodio de cando ficou no templo sendo aínda rapaz e sen que os seus pais o soubesen. Serao naturalmente sobre todo na súa idade adulta por ben mozo que aínda fose por entón. E falo eu aquí de persoa pública non no sentido que se lle dá hoxe, por exemplo, aos que se dedican á política, á administración pública ou cousas semellantes.
Non. Xesús era un home público simplemente porque non vivía illado dos demais, porque non estaba enredado ou obsesionado cos seus asuntos particulares ou co seu particular porvir. Preocupábase sobre todo por estar atento aos problemas e dificultades dos demais. Buscaba facer felices a todos, dándolles perspectivas e esperanzas de vida e comunicándolles a boa nova de sermos todos irmás e irmáns en cantos fillos dun mesmo Pai Deus, destinados ademais a unha resurrección no alén das nosas particulares vidas terreais.
Os que precisaban deste tipo de noticias eran o común das persoas. Cantos tiñan que loitar e traballar por se manteren a si mesmos e as súas familias. Certamente, non tiñan por que estaren atentos aos modos de ser e ás palabras de Xesús cantos se atopaban satisfeitos nos seus pazos reais ou dispuñan de bens suficientes para non teren que preocuparse demasiado polo seu presente ou polo seu porvir. É isto o que explica por que Xesús tiña como oíntes, acompañantes ou discípulos xentes sobre todo das clases baixas ou humildes: pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, mulleres etc. Para todos eles era El un incríbel e inesperado acontecemento. Naturalmente o seu discurso, a súa chamada era para todos -non excluía ninguén-, mais había xentes, os que podemos chamar poderosos e autosuficientes, que se excluían a si mesmos, considerándose exentos de lle conceder a el importancia algunha.
A non ser como curiosidade informativa, tal como lle pasaba ao rei Herodes, que tiña curiosidade por velo, por telo diante del ou saudalo coma personaxe famoso sobre o que a xente tanto falaba. No imaxinario de Herodes, Xesús estaría, pois, máis ou menos na liña do que hoxe en día sería unha cantante, un futbolista ou algún famoso político.
Agora ben, Xesús era unha persoa pública polo que era, polo que dicía, porque tiña algo importante que lles dicir a persoas e colectivos con problemas e necesidades, porque se lle notaba ben que as cousas que dicía ou facía procedían dunha fonda e íntima experiencia persoal. Notábase nel que procedía cunha estraña e desacostumada autoridade, diferenciándose así dos meros repetidores de normas ou textos sagrados, como adoitaban facer escribas e fariseos. Por iso aos seus discípulos non lles tivo que estrañar a pregunta que el lles dirixiu un bo día: "Quen di a xente que é o Fillo do Home?". O Fillo do Home, é dicir, esa persoa que aquí tedes diante de vós, que é coma vós, un ser humano coma vós, incardinado plenamente na historia humana e polo tanto na vida concreta dos seus coñecidos, compañeiros e compañeiras da Palestina do seu tempo. El non é un personaxe público ao estilo do noso tempo, onde por exemplo os políticos saben analizar con finura as enquisas que se publican sobre a estima ou desestima que hai sobre eles. En realidade, o que lle interesaba a Xesús era realizar unha transmisión auténtica e verdadeira da mensaxe recibida do Pai para o mundo. Por iso pasa el axiña da pregunta aos seus discípulos polo que a xente di sobre el á directa pregunta a eles mesmos, colaboradores seus e elixidos directamente por el: "E vós, quen dicides que son eu?"
A resposta de Pedro ("Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo") é tan incríbel que Xesús lle ten que confesar a el que unha resposta así non pode ter outra orixe ca terlle sido suxerida polo mesmo Deus Pai do que Xesús se sabía fillo "benquerido". Incríbel digo, porque cando el fala de si mesmo como o Fillo do Home, responderalle Pedro que el xunto cos demais condiscípulos cren firmemente que Xesús (que se denomina a si mesmo humildemente Fillo do Home) é nada máis e nada menos que o Fillo de Deus vivo. Algo que semella mesmo contrastar coa expresión "Fillo do Home", utilizada polo seu propio Mestre. En realidade, este é o grande e definitivo misterio de Xesús, pois el mesmo coidarase de lles advertir ós seus discípulos que non o anden dicindo por aí adiante, para evitar malentendidos ou interpretacións en clave simplemente política. Dillo así ben claro a Pedro: "Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos".
Son este tipo de "boas" noticias -fundamentais, grandes e alegres- as que, coa palabra e cos feitos, estamos todos chamados a agradecer comunitariamente a Deus e a comunicalas a todos no noso tempo, no noso aquí e no noso agora.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel