Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lección maxistral dunha mestra (1)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 09 de septiembre de 2026
A lección maxistral dunha mestra (1)
"Feridas no corpo e na alma, pero un cerebro,
e tamén un corazón, dignos de subir aos altares."

Isto oínllo precisamente en Madrid, e tan fondo mo disparou que nunca da memoria se me borrou:

"Es mucho, muchísimo, y muy valiosa, la cultura que hemos recibido de nuestros ancestros; nuestra obligación es, ¡irrefutablemente!, mejorarla, ampliarla, y transmitirla, de generación en generación!"

Eu aplaudín, ata que me arderon as mans. ¿Que outra cousa podía facer escoitando aquela sentenza da miña ilustre paisana? No periódico "El Progreso", esta foi a miña despedida, ou mellor dito, o meu, "Deica logo, ilustre Enriqueta!".

-.-

Necrolóxicas
¡Chegou Enriqueta!

El Progreso, 5-11-1989

Enriqueta Otero, filla preclara de Castroverde ou, se o prefires, luceiro de Miranda -xurisdición que, con Montecubeiro, compuxo o triunviro municipal de Castro o Verde-, ¡xa estás na gloria! Na gloria de Deus, e tamén na da Historia.

Dende San Cibrao ao Páramo, pasando pola Meda, tiñan que soa-las campás, pero xa non acostumamos aquilo de tocalas nos enterros; onde si te recibiron, ¡seguro!, con tódolos sinos repenicando, foi no alén, que alí hai xustiza e alí comprendéronte.

¿Sabes cal foi o primeiro lostregazo que tivo o meu entendemento cando a TVG deu a noticia -¿triste noticia, alegre noticia?- do teu pasamento? Do máis simple: Tiven envexa dos nenos da Agrupación Escolar de Castroverde porque eles naceron oíndo falar de ti; e, por suposto, que tamén do noso veciño Manuel Cordeiro. Eu tiven, nos meus tempos, que facer de policía para ir descubrindo algo de vosoutros; e para iso contraditorio en moitas das fontes consultadas.

¡Ah, Manuel Cordeiro, ou Cordero! O teu mestre, aquel analfabetiño que, gracias á escola adulta da "Casa del Pueblo" madrileña, e seguidamente á Institución Libre de Enseñanza, ILE, chegou a mestre de mestres, seguro que foi o primeiro en darche a benvida dende o seu pináculo da gloria. Estouno vendo:

-¡Enriqueta, Enriqueta Otero Blanco; por aquí, sube máis arriba, que aquí non hai "Dolores"; esta é a gloria dos fillos ilustres de Castroverde!
-Pero, Manuel, ¿ti, aquí? ¡Que alegría! Nembargantes debe haber algún erro pois véxote á dereita do bispo Osorio de Vilabade! ¿Ou non é este señor tan campechano aquel Bispo-Virrey que andou polos Ángeles de California, xa antes de inventarse o cine? ¿Non será que aquí se volveu comediante?
-¡Miña Enriqueta, nosa Enriqueta, vouche contestar por el, polo Cordero, eu mesmo! Comprendemos a túa sorpresa pois vés dunha España faranduleira, con ou sen democracia; pero tempo terás de ir comprendendo que este é o mundo que fixo Deus, o verdadeiro, pois o de Curros quédanos abaixo, ou máis exactamente, debaixo. ¿Non suspiraches, non loitaches, por unha humanidade igualitaria, comprensiva, fraterna? Pois, miña rapaza, ¡xa estás nela!
-¿Rapaza, eu?
-¡Si, rapaza, que aquí serás eternamente xoven! E ten por seguro que entendo diso; non esquezas que deixei o meu tesouro dedicado a dota-las doncelas de Castroverde, así que decátate de que aquí arriba os piropos á muller galega son verdadeiros. Pero máis che digo, que aquí tés, á miña dereita, ao susodito Manuel Cordeiro, que daquela, nas Constituíntes da República, non se quedou á zaga da Campoamor, e mesmo lle estalou o corazón no Parlamento cando dixo aquilo de: "Hay una tierra, -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzos que el hombre. Este, sugestionado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y ella cumplía su cometido con tal heroísmo que bien merece nuestra admiración".

-Foi valentía, si; que daquela o PSOE aínda tiña medo de que os cregos torcesen o voto das mulleres.
-¡Mira quen vai falar de valentía! Valente ti, miña Enriqueta, como o proban as túas feridas; o meu foi só de palabra.
-Eu, daquela, cando me levaron sen cura-las feridas ao cárcere da Coruña, ben pensei que me levaba o demo.
-¡Ca, muller; -volveu a falarlle Cordero-, o demo nunca, que quen estaba aquí, á miña esquerda -fíxate no que che digo, á miña esquerda polo social que foi-, este gran Bispo e paisano, pregando por ti!
-¿E se me queriades convosco, por que non subín daquela?
A lección maxistral dunha mestra (1) -Era cedo para ti, que aínda tiñas que ser exaltada mesmo, mesmo, na terra en que te perseguiron. Pero tamén faltaba outro requisito: Ti aínda non fundaras "O Carriño", e non tiñas en que subir. Pero diso do pasamento das persoas honradas -que non sempre son as que reciben honras aló abaixo- quen máis entende é o Bispo Osorio... En dúas palabras: Ti sabes que Elías subiu ao Ceo nun carro de lume...! ¡Non, non penses mal, que non era o lume das toxeiras! ¡Pois ti, Enriqueta, subiches no teu carro, no da fraternidade!
...
Daquela entoaron tódalas persoas salvas de Castroverde, que eran maioría, (eu vin en sonos como lle mandaron a un demo cativeiro que apartase ás outras- un fatado pequerrecho de envexosos- para os antros do esquecemento, para que non encordasen), un canto pracenteiro. Cantaban na lingua dos anxos e por iso só collín a música; pero soaba deste xeito: ¡Chegou, chegou, a nosa Enriqueta! E vén de gañar a pulso un preito, porque loitou pura, sen vendetta. ¡Veuse nun carriño por cadaleito!

-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES