A cruz máis lixeira de todas..., sabendo, e querendo, levala!
Desde a máis remota infancia, tódolos nenos soubemos que os estados de agregación da materia son tres: sólido, líquido e gasoso;

tempo adiante descubrimos que os estados do home, e por ende da muller, son tres, poden ser tres: solteiros, casados e/o viuvos. ¡Pois non, que tamén poden ser catro, así que paso a demostralo!
Destinado á sucursal de Sidi Ifni, cando ningún compañeiro quixo aceptar aquela vacante debido a unha epidemia de peste bubónica xeneralizada naquel Territorio, ¿de soberanía?, eu, valente ou temerario, ¡de Montecubeiro!, aceptei a praza, se ben coa conditio sine qua non de que tería que ir solteiro, por razóns obvias. Daquela non había vacacións "coloniais", ¡qué contrasentido, "coloniais" chamándolle "Territorio de Soberanía"!, así que non poderíamos casar ata dentro de dous anos... ¿E para iso emigrei, por iso me arrisquei? A solución, despois de certo incidente co Cura da parroquia, que casara un bígamo e abafouno o bispo, descuberta a nosa picardía de casar en segredo, era, tiña que ser..., ¡por poderes, coma quen manda comprar unha leira!
Pensado e feito: Un 13 de Xuño, martes por máis datos, do ano 1953..., presentouse meu pai na capela de Rois, co meu mandato na man! Eu non din o "Si, quero", persoal, pero dicíao aquel papel, aquel apoderamento, que vén a ser o mesmo. Tamén teño referido que, despois de convidar aos compañeiros do Banco, funme para o hotel Suerte Loca, e..., durmín a sesta! ¡De aburrido, durmín, dun tirón, coa conciencia tranquila, ata as dúas da mañá, de tal sorte que, cando espertei, e baixei ao comedor, adeus cea!
Naquela situación, ata que a miña..., ¿a miña, qué?, pois aquel matrimonio era rato pero non consumato!, eu, servidor, ¿qué era, cal era o meu estado? Solteiro, xa non; casado, ¿un casado sen muller?; viúvo, tampouco. Neste caso concreto os estados, e non por iso menos naturais, xa non foron tres senón catro, catro!
Pero todo isto é anecdótico; o realmente importante é que a estabilidade dun matrimonio, a base, os cimentos, están en casar con ganas, e seguir así, por días de vida, que non hai cousa máis preciosa, nin máis preciosa nin máis bendita, máis agradable, que levar con amor, con amor perfecto, perdurable, o xugo matrimonial. Dígoo para que os rapaces aprendan na miña cabeza, pois levando a lección ben sabida non hai suspensos, non hai divorcios; nin falta que fan!
¡Hai que predicar co exemplo, que é un mandato bíblico!
-.-
O rebato
Tocar a rebato. No meu Montecubeiro, "a rebato" tocábase desde este campanario.
Rebato = Do árabe hispano ribát 'servicio en rábida', e este do árabe clásico ribât. Convocatoria dos veciños dun ou de máis lugares, feita por medio da campá, tambor, almenara, lume, sabas, ou outros sinais, co fin de defenderse cando se percibe un perigo, suposto ou certo. Tamén alarma ou conmoción ocasionada por algún acontecemento repentino e temeroso. No exército implicaba acometemento repentino feito ao inimigo. Pero coloquialmente tamén a usamos para referirnos a algo que sucede de improviso, repentinamente.
Partindo da miña aldea, e da miña infancia, cando teléfonos só había en Castroverde, e para iso compartindo liña coa Fonsagrada, a primeira mensaxe que percibín foi a dunha saba colgada dun pau, no monte de Ínsua. Meu padriño alertounos:
-Leva esta leña para a cociña, que nós ímonos para Ínsua, que acaban de poñe-la saba no alto do monte para avisarnos que xa lles chegou a máquina de mallar.
-Padriño, ¿sábeo certo? Mire que onte, cando volvíamos da Misa, no prado da Bica tamén había unha saba no alto dun pao, pero debía ser para secala, pois ao domingo non se malla!
-Meu neno, iso, o de onte, foi un aviso que lle pasou a Emérita do Escouredo ao Xastre de Teixeda, para que entendese que podía baixar a vela. Era que os pais ían en Castroverde, na feira, e como non lles gusta que a Emérita se fale con ese rapaz, por una circunstancia que che explicarei algún día...
A "circunstancia" non vén ao caso comentala aquí, pero o de facerse sinais seica procede dos celtas, que adoitaban facelos de castro a castro, que por iso os situaban uns á vista dos outros.
Da mesma familia temos o verbo "rebater" que seguramente sexa o de peor conxugación na convivencia social, xa que a prudencia, a precaución de non incrementar o problema, lévamos, en moitas ocasións, a un silencio cómplice: "O que da vida queira gozar, que aprenda a oír, ver e calar!". Isto non significa darlle a razón ao agresor, pero adoita ser máis práctico calar, disimular, que botarlle leña ao lume. ¿Que calando quedo mal ante a opinión pública? ¡Pois peor quedarás se, tendo a razón, ocasionas que te teñan por liante, por camorrista! Perdón, sempre perdón, que nolo esixe Deus no Noso Pai: "... e perdoa as nosas ofensas, como nos perdoamos a quen nos ten ofendido..." ¿Queremos benevolencia? ¡Pois comecemos usándoa nós!
Hai que comprender, hai que admitir, que somos irmáns, pero non iguais. Tivemos un sabio que o dixo moi ben, con todo acerto, Einstein: Todos somos moi ignorantes. O que pasa é que non todos ignoramos as mesmas cousas". Incluso nados na mesma familia, as nosas historias, as nosas experiencias, poden ser diametralmente opostas, así que, non cabe outra: ¡Comprensión, e, aguantalas!
As diferencias. Lin nalgunha parte isto que vou traducir: Antes que discutir pregúntalle por que fai o que fai, e tamén por que o fai así. E se che parece que a receita túa é mellor, explícallo con humildade. ¿Que non hai acordo? ¡Pois a cambiar de tema!
A responsabilidade. Non só aquel endeusado era, foi, responsable, "ante Dios y la Historia". ¡Sómolo todos, pois todos sementamos algunha bondade, pero tamén malicias! Nada se fai, así sexan cativeces, que non repercuta no noso próximo; ou máis aló aínda. Do que, xeralmente, facemos pouco, é pensar: Desde Eva, quedounos o vicio de actuar sen reflexionar, sen medi-las consecuencias. ¡Dentro da nosa capacidade, reflexionemos, que é un vicio, un costume, moi san!
A licitude da defensa. Pode ser civil ou bélica. Para a Civil os civilizados témolo Código Civil, pero, por se acaso,

non esquezamos aquela reflexión dos xitanos con respecto aos seus inimigos: Ojalá tengas pleitos..., y los ganes!
O belicismo é máis complexo, pois a súa incoación sempre depende duns cantos tolos que desertan dos manicomios acolléndose ás armas. Daquela, os cordos, que? ¡Pois a veces as circunstancias, o imperio defensivo, obrígannos ao adestramento..., involuntario!
Con estas reflexións igual nos decatamos de que se o mundo vai de cú, en parte é por culpa nosa, túa e miña, pois; así, pois, ¡o que estea limpo, que tire a primeira pedra!
-oOo- Gómez Vilabella, Xosé M.