Todos estabamos pendentes do acontecemento polo tratamento informativo que recibiu este fantástico fenómeno natural antes de que acontecera. O caso merecíao e cumpríronse todas as previsións. E aí estabamos expectantes mirando ao ceo coa esperanza de que ningunha nube estragara o espectáculo que nos ofrecía a Natureza nunha montaxe única coa Lúa e o Sol como protagonistas: ela, que é unhas catrocentas veces máis pequena que o Sol, interpoñíase entre este e a Terra e por uns segundos pousabasobre nós a escuridade.

Dende a atalaia da nosa casa en Mugardos esperamos que se levantara o pano deste fantástico escenario que é a nosa ría e... comezara o espectáculo, unha representación que a Compañía Interplanetária, facéndose de rogar, non ofrecía dende o 17 de abril de 1912. Foi emocionante porque un, diante dunha marabilla tal, non pode por menos que emocionarse ao comprobar o pouquiño que somos dentro deste macro universo: un grao de area na inmensa praia cósmica onde a Natureza segue o seu curso marcando os seus tempos de actuación sen errar un chisco. Que milagre!
Eu máis que observar, que tamén, como a Lúa ía invadindo paseniño ao Sol, reparei no cambio que se producía nas cores da paisaxe e como as gaivotas facían "mutis" enganadas as probes polo apagamento precipitado do día. Todo pareceu enmudecer nunha aparente "calma chicha" que anegaba o ambiente. Non me decatei doutros detalles tal vez porque estaba ensimesmado polo que estaba vendo, concentrado nese fundido en negro que a penas durou pouco mais dun minuto e eclipsado polo poderoso influxo do eclipse.
Ao pouco todo volveu á normalidade: o Sol recuperou o seu esplendor e pouco a pouco foi caendo pola raia do horizonte e xa metidos na noite, esta de verdade, fomos espertando dese soño fantástico provocado pola perfecta aliñación deste trío de corpos celestes tan compenetrados cuxa relación en harmonía permite a nosa existencia.
A contemplación do eclipse en toda a súa magnitude foi unha experiencia inesquecible, irrepetible, que quedará gravada no disco da nosa memoria por sempre. Abofé.